venres, 26 de decembro de 2014

Tras do Sisto, lugar de festa.

Retomamos o serial de pequenas descricións dos lugares de Ponte cun dos de máis recente fundación: Tras do Sisto. Esta denominación obriga a existencia do sitio chamado O Sisto, tralo cal os veciños de Rosende vían os terreos nos que se asenta o citado lugar. Situado no límite tradicional entre as zonas de Rosende e San Miguel (como así sinala o cruceiro), albergou romarías desde o século XIX, collendo maior sona a do San Verísimo. Esta festa enchía a antiga carballeira do Arrieiro de numerosas persoas, nun evento comparable á romaría da Saleta de Siador. Esta carballeira deu paso ao actual campo da festa (véxase a imaxe), onde se celebran as patronais e a Festa do Chourizo ao Viño.

luns, 17 de novembro de 2014

Resumo do outono cultural

Como xa se veu adiantando neste blogue, a Asociación Veciñal A Trabe de Ponte organizou diversas actividades neste outono. Todo comezaba o pasado 28 de setembro. Como remate das festas patronais, A Trabe organizou as III Melodías de Outono, concerto no que participaron as bandas Infantil e Xuvenil de Silleda. Esta interpretou pezas coas que gañaría o 1º premio no Certame Provincial de Bandas e o 2º no Galego.
Intre da actuación da Banda Infantil // Faro de Vigo

O día 18 de outubro foi a noite de teatro. Nesta ocasión, foi a compañía teatral Fervelleasverzas de Moraña a que sorprendeu ao público coa posta en escena da obra "A arte que fixo pub".
Instante durante a obra // D. F.
O sábado seguinte, o día 25, Darío Autrán regresou a Ponte cun novo proxecto: a webserie "Artemia", na que, igual que o ano pasado en "Tilda & Jean", participaba o noso veciño José Montoto. Tamén lle regalou aos asistentes un fragmento da que fora a súa primeira película "Orxo"

José e Darío presentando a webserie // D.F.
E para rematar o outono, que menos que un magosto, como foi o que organizou A Trabe conxuntamente coa Yeguada Tras do Balo. Esta cita congregou a 52 persoas arredor das castañas na planta baixa do local social.
Momento da cea do magosto // M. R.

luns, 10 de novembro de 2014

Magosto 2014

Un ano máis, e xa van uns poucos, a Asociación Veciñal A Trabe de Ponte levará a cabo o magosto da parroquia. Pero este ano compartirá a organización deste evento coa Yeguada Tras do Balo, con sede nesta parroquia e que xa colaborou coa Trabe no pasado San Xoán. Tedes toda a información na imaxe do cartel. Non dubidedes en acudir.

sábado, 18 de outubro de 2014

A sétima arte

Trala música e o teatro, o cine volve a Ponte da man da Asociación A Trabe e de Darío Autrán. Se o ano pasado nos sorprendeu co seu filme "Tilda & Jean", esta ano tráenos a súa nova produción "Artemia", que se proxectará o vindeiro sábado 25 ás nove da noite. Non volo podedes perder.

mércores, 8 de outubro de 2014

A diversión continúa

Deixamos atrás as festas da parroquia por este ano. Nesa fin de semana, a parroquia de Ponte volveu estar presente nos medios de comunicación:
--Ponte se rinde ante su ´chourizo ao viño´
--Un camiño caído no esquecemento
--La Diputación destina 38.000 euros a eventos culturales en las comarcas
--Siador y Ponte brindan al son de banda y gaiteros

Pero o entretemento prosegue, pois o vindeiro sábado 18 de outubro ás 10 da noite, a Asociación Veciñal A Trabe organiza unha nova Noite de Teatro, no campo da festa parroquial. Este ano, a velada correrá a cargo da compañía morañesa Fervellasverzas, que representará a obra "A arte que fixo pub".



mércores, 24 de setembro de 2014

III Melodías de Outono

Un ano máis, a Asociación Veciñal A Trabe organiza as Melodías de Outono. Este concerto, que xa vai pola súa terceira edición, reúne no campo da festa parroquial a bandas xuvenís da contorna. Nesta ocasión será a quenda da Xuvenil de Silleda, que estará acompañada pola Infantil de Silleda. Compartirán escenario este domingo a partir das 7 da tarde. Ídesvolo perder?

martes, 9 de setembro de 2014

Chegou setembro

Tras unha tempada sen publicacións neste blogue, voltamos ás andadas co gallo de anunciar o mes das festas en Ponte. Por todos é sabido que no mes de setembro se concentran as romarías e celebracións parroquiais.

Comezaremos o vindeiro domingo 14 coa festividade da Virxe dos Remedios, celebrada (desde a fundación da súa capela sobre 1800) o segundo domingo de setembro.

A seguinte festa será a de San Verísimo, celebrada tradicionalmente o domingo precedente ao 29, festividade do patrón. Polo traslado das patronais ao fin de semana máis proximo a este día, "O San Verísimo" adoita celebrarse o domingo antes, coma este ano que se celebrará o día 21.

E por último chegará a fin de semana das patronais. Comezará o venres 26 coa celebración da V edición da Festa gastronómica do Chourizo ao Viño, no campo da festa. O sábado 27 honrarase a San Miguel e o domingo festexarase a Virxe do Carme.

Conforme se aproximen estes días, daremos conta de todos os detalles. Boas festas!!!

martes, 24 de xuño de 2014

San Xoán 2014

Un ano máis, a asociación A Trabe organiza a cea de San Xoán, que este ano se despraza á fin de semana posterior ao propio día. Así pois, o vindeiro sábado 28 de xuño o campo da festa acollerá este evento, que este ano conta coa colaboración da Yeguada Tras do Balo. Tedes ata mañá 25 para anotarvos e disfrutar dunha boa noite.

domingo, 1 de xuño de 2014

O Sino: sons dunha igrexa

Tras un breve parón, volvemos de novo ás andadas cunha publicación sobre outro dos lugares habitados de Ponte. Nesta ocasión, a quenda é para o lugar do Sino.Este lugar é o que máis ao norte está situado, dentro da parte de San Miguel. A orixe do seu nome está relacionada coa antiga igrexa parroquial, pois sino vén a ser un sinónimo de sinal ou campá, que se pode extender á propia igrexa.
Imaxe proporcionada por Google Maps
É posible que adquirira tamén o nome por ser un sitio no que resoaba a campá da igrexa, pois é facilmente comprobable que no Coto do Outeiro, uns metros ao norte, se produce este fenómeno acústico. Non é fácil datar a primeira vivenda do lugar.

Por último, dicirvos que non deixedes de botarlle un ollo á web de Ponte, pois irase actualizando nos próximos días.

sábado, 12 de abril de 2014

Vertedoiros incontrolados: segunda parte

O pasado mes de maio xa se publicara neste blogue unha entrada sobre algúns dos vertedoiros de lixo que hai espallados pola parroquia. Hoxe, un destes volve ser noticia. Trátase do situado na escombreira de Tras do Agro, en Rosende. Este lugar foi de novo vítima das malas accións dalgunha persoa, que se preocupou de deixar limpa a súa eira de escombro a costa de tiralos nun lugar que se pretende acondicionar para o disfrute veciñal. Feitos coma este demóstranos a falta de sensibilidade polo medio ambiente que teñen algúns.

martes, 8 de abril de 2014

Unha nova web

Ponte xa ten un novo sitio en Internet para dar a coñecer os seus encantos. Trátase da web:



Nela atoparedes todo o relacionado con esta parroquia: historia, patrimonio, toponimia... Ademais estará en constante relación con este blogue.

Non dubidedes en pasar a nova a todos os que a coñezan, para levar esta parroquia aos confíns da Terra.

xoves, 13 de marzo de 2014

A loita contra o francés

Neste novo capítulo sobre a historia de Ponte abordaremos a Guerra da Independencia, que tivo lugar entre 1808 e 1814. O territorio da xurisdición de Trasdeza non foi alleo ás incursións do exército napoleónico.

Nos preámbulos da batalla de Ponteledesma (acontecida na ponte do mesmo nome, sobre o río Ulla, a primeiros do mes de marzo de 1809), reúnense 18 sacerdotes doutras tantas parroquias xunto cunha multitude de veciños no campo da feira de Silleda para organizarse contra o inimigo, movilizando tropas para defender as pontes da xurisdición. Acórdase tamén establecer o cuartel xeral destas tropas na "Casa do Monte", habitada por Domingo López, nos termos da parroquia de Ponte, aínda que posteriormente se trasladaría ao Pazo de Trasfontao, en Silleda.

Situación das Casas do Monte, tomada co visor Sixpac


Esta casa é o xermolo do actual lugar das Casas do Monte, actualmente lugar da parroquia de Silleda, pero que antano pertenceu a Ponte. Este cambio seguramente estivo inducido polo arranxo parroquial de 1890.

Como complemento a esta pequena nota histórica, é recomendable a lectura dos artigos de Roberto Rivas Martínez, publicados no xornal Faro de Vigo en 2009.

La batalla de Ponteledesma I

La batalla de Ponteledesma II

La batalla de Ponteledesma III

mércores, 19 de febreiro de 2014

Toponimia de Silleda

Dentro do número 17 da revista LVCENSIA, que publica a Biblioteca do Seminario Diocesán de Lugo, o sacerdote lugués Nicandro Ares Vázquez publicara o seu traballo Toponimia de Silleda. Nas páxinas deste traballo dá unha explicación, parroquia a parroquia, da orixe dos nomes de lugar que aparecen reflexados no Nomenclátor do INE (Instituto Nacional de Estatística).

No tocante á parroquia de Ponte, Ares explica que o seu nome fai referencia, evidentemente,  a pons 'ponte', que é un artefacto de enxeñaría.

  • Da Aldea de Abaixo, di que se combina o nome árabe al-daia co topográfico bassus 'baixo'.
  • Carderrei resulta ser un rotacismo de casa, determinada polo nome Rex, tomado de rex, regis 'rei', sen que se trate dun monarca histórico.
  • Sobre Meixomence, opina que parece o apelido *Maxuminici, patronímico de Maxuminus e emparentado con outros topónimos como Méixome ou Meixomín.
  • Rosende correspóndese co antropónimo visigótico Rodesindus.
  • O Sino deriva de signum, sinónimo de campá de igrexa.
  • Trasfontao está composto polo topónimo fontanum, precedido de trans 'tras, máis alá de'.




martes, 4 de febreiro de 2014

Máis de Ponte na Wikipedia

Como xa dixeramos no seu día, existen numerosos artigos na Wikipedia relacionados coa nosa parroquia, aos que hai que unir un novo: o da igrexa parroquial.

https://gl.wikipedia.org/wiki/Igrexa_de_San_Miguel_de_Ponte

Conten aspectos históricos e unha descrición da edificación e do seu contorno, que veñen a complementar o contido dos demais artigos, dando unha mellor visión do que hai en Ponte.