mércores, 11 de decembro de 2013

O "swing" trasdezán

Denomínase swing ao movemento que realiza un golfista á hora de lanzar a bóla. Un par de traducións poderían ser péndulo ou oscilación, xa que é desta forma como se despraza o pao. Preguntarédesvos, a que vén isto?

O pasado mes de novembro aparecían varias noticias referidas ao proxecto de creación dunha escola e un campo de golf rústico no noso concello. Ao tratarse desta modalidade, no campo, situado nunha propiedade da Fundación Semana Verde de Galicia próxima a Rosende (a carón da ponte sobre a AP-53, en Guncín), non se realizarían grandes modifacións do terreo, respetando ao máximo a súa orografía. A escola estará situada nun solar a carón da Escola de Música da capital municipal e consistirá nun túnel para a práctica do golpeo. Ademais, este proxecto conta co apoio da Real Federación Española de Golf, así como da Federación Galega, incluíndo ademais a Silleda no programa "Golf na escola". Tamén se creou unha asociación para o desenvolvemento das actividades deste deporte.

E deixo unha pregunta no aire. De seguir adiante isto, chegará a competir o campo de golf da nosa parroquia con outros espallados pola xeografía galega e española?