Amosando publicacións coa etiqueta sabiades que.... Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sabiades que.... Amosar todas as publicacións

xoves, 21 de novembro de 2013

Restos da Idade de Cobre

Sabiades que na nosa parroquia se atopou un obxecto datado hai preto de 5000 anos? Trátase dun pequeno machado de cobre, un exemplar dos inicios da Metalurxia, época correspondente á segunda metade do III milenio a. C., entre o Neolítico e a Idade de Bronce.

De dimensións reducidas, foi atopado probablemente a comezos do século XX no monte do Castañal por Antonio Rodríguez (seguramente cabeza da casa de Fernández de Casderrei). Tras pasar polas mans doutra persoa, foi parar á Sociedad Arqueológica de Pontevedra. En 1969 entrou a formar parte, xunto con outras pezas, da colección do Museo pontevedrés, onde se atopa a día de hoxe.




xoves, 4 de outubro de 2012

Ponte no século XVIII (I)

Sabiades que se cumplen 260 anos da elaboración do "Catastro de Ensenada" na nosa parroquia?

Primeira páxina do interrogatorio na xurisdición de Trasdeza.

Empecemos polo principio. O Catastro de Ensenada foi unha indagación catastral dirixida polo Marqués de la Ensenada entre 1750 e 1756 de todos os territorios da Coroa de Castela. Este traballo comezaba cun interrogatorio de 40 preguntas sobre temas tan diversos como poboación, tipo de terras, rendas.... co fin de eliminar ou converter todos os tributos económicos nunha soa contribución, que ao final non se levaría a cabo. Así, nas terras da xurisdición de Trasdeza, este interrogatorio elaborouse en 1752, aportando grandes datos sobre a sociedade e a economía daquela época.