xoves, 20 de decembro de 2012

Un aniversario truncado pola fin do mundo

Sabiades que mañá, 21 de decembro, se cumpren 260 anos da elaboración dunha das partes do Catastro de Ensenada relativa a Ponte?

Extracto do interrogatorio do Couto de Rosende

O 21 de decembro de 1752 firmábase no lugar de Maril, parroquia de Fiestras, o chamado "Real de legos" do Catastro de Ensenada. Este libro non era máis ca unha racompilación dos datos de interese fiscal dos veciños da parroquia, así como dalgúns forasteiros con bens na mesma. Esta obra era a continuación do interrogatorio xeral, do que xa falei no seu momento. Estas complétanse con outros tres volumes: "Personal de legos", "Real de eclesiásticos" e "Personal de eclesiásticos". Pero como xa dixen no título, non poderemos celebrar mañá ese 260º aniversario, xa que poderíase dicir que non haberá mañá. Un saúdo e boas festas.

mércores, 12 de decembro de 2012

Unha parroquia de enciclopedia


A mundialmente coñecida enciclopedia libre por internet, a Wikipedia, contén unha serie de artigos relacionados coa nosa parroquia, non só en galego, senón nalgún idioma máis. Déixovos aquí as ligazóns a cada artigo:

En galego (Galipedia):
- Ponte
- Lugares:
--- A Aldea de Abaixo --- Casderrei --- O Espiño --- Meixomence --- Rosende --- O Sino
--- Trasdosisto --- Trasfontao
- Outros artigos:
--- PO-205 --- Río de Rosende --- Festa do Chourizo ao Viño
En castelán (Wikipedia):
- Ponte
En catalán (Viquipèdia):
- Ponte
En piamontés (Wikipedia):
- Ponte

martes, 4 de decembro de 2012

Rosende, máis que un lugar

Hoxe toca falar do lugar de Rosende. Situado na parte oriental da parroquia, deu nome a un couto xurisdicional, no que impartía xustiza dende a Idade Media a Encomenda de Beade, dependente da orde militar de San Xoán de Xerusalén ou orde de Malta. O chamado "Coto de Rosende" estivo formado polas aldeas das Casas do Monte (agora de Silleda), Meixomence e a xa citada Rosende. Este último estivo dividido entre as parroquias de Ponte e Vilar ata finais do século XIX. Aínda a día de hoxe se coñece o lugar que servía como marco divisorio entre ambas partes: o Carballo. No tocante ao ámbito relixioso, convén recordar que a finais do século XVIII os veciños deste lugar e mais os do lugar de Mourelos (Silleda) decidiron construír unha pequena capela ás aforas de Rosende, deixándoa baixo a advocación de Nosa Señora dos Remedios, pasando a ser décadas máis tarde a igrexa parroquial de Ponte.

Vista aérea de Rosende, obtida co programa Google Earth.

venres, 23 de novembro de 2012

As nosas penedas

A composición do solo da nosa parroquia e a erosión durante miles de anos deixou á luz enormes formacións rochosas espalladas por toda a parroquia. Na entrada de hoxe centrareime nas que se atopan no  monte da Devesa.

A primeira delas é a "Peneda do Ladrón" situada nas proximidades da Xunta dos Ríos. Metros máis arriba atopamos a chamada "Peneda do Carbón". Xa no monte do Castañal, sobre o Pozo de Avogado, érguese a "Peneda dos Mozos", a de maiores dimensións. Todas elas albergan numerosas historias e anécdotas e, sobre todo, algunha que outra lenda, que deberiamos conservar.

Por último, sen saír da Devesa, atopamos outro topónimo que ten que ver coas rochas: o "Renque das Penedas", visible desde varios puntos da parroquia.

Un servidor no Renque das Penedas

martes, 20 de novembro de 2012

Revisión da toponimia

Fai uns anos, cando o concello instalou uns paneis indicadores na nosa parroquia, sinalando os lugares, deicateime duns cantos erros en relación cos nomes dos núcleos de poboación da nosa parroquia.
Panel próximo ao lugar do Espiño, hoxe desaparecido.
Investigando pola miña conta, descubrín que os nomes foran escritos conforme os recolle o Nomenclátor da Xunta, onde nin tan sequera aparecen os nomes de todos os lugares. Entre os erros máis destacados están a falta do artigo nalgún nome (Sino en vez de O Sino, idem con A Aldea de Abaixo) ou a incorrección ortográfica (Carderrei en lugar de Casderrei). Así mesmo, foron obviados os lugares da Regueira e da Aldea de Arriba. Descoñezo como se deu esa situación, pero sería necerario que se arranxase, para o ben dos nosos veciños e da nosa parroquia.

luns, 12 de novembro de 2012

A resaca do magosto

O pasado sábado tivo lugar o magosto no Local Social, onde se encheu de xente e, sobre todo, rapaces que non se cansaron de correr e xogar por entre as mesas e por fóra. Foi un éxito a acollida que tivo entre os veciños da parroquia, xa que había representación de todos os lugares da mesma. Déixovos un par de fotos a continuación (o resto poderédelas ver na miña conta de Facebook), non sen antes recoñecer o gran traballo realizado polos organizadores, para que a do sábado fose unha gran noite.

Dous intres da cea



xoves, 8 de novembro de 2012

Tempo de castañas e matanza

Estamos no mes de novembro e é tempo de recoller e almacenar dous produtos típicos da gastronomía galega. Estou a falar das castañas, moi usadas antes da chegada da pataca dende América, e a carne de porco, xa que, como di o refrán, esta é a época das matanzas. Pois con castañas asadas e con boa carne de porco celebraremos este sábado no Local Social o magosto da parroquia, organizado pola Asociación A Trabe. Só me queda dicir que vos agardo ver alí e de seguro que pasaremos unha boa noite de outono.

mércores, 7 de novembro de 2012

O Puzo Negro (II): Unha de lendas

Son moitas as historias que se contan arredor do Puzo Negro. Algunhas delas aínda perviven na memoria das xentes da parroquia e outras fóronse coas persoas que as oíran e coñecían. Hoxe deixovos aquí un par delas que de seguro vos resultarán curiosas.
Penedo a carón do Puzo Negro
A primeira conta que por debaixo do penedo da imaxe se mete auga do río que, tras recorrer un bo treito baixo o leito do mesmo, xorde de novo no Puzo das Anduriñas, próximo á Insua. A lenda baséase en que nese lugar se oe o son da auga saíndo á superficie.

Por outro lado, a segunda trata sobre a gran incógnita do Puzo Negro: a súa profundidade. Conta que no seu momento alguén atou unha pedra ao extremo dun adival e de seguido guindouna ao pozo, sendo necesarios outros seis adivais para que a pedra chegase ao fondo. Realidade ou fantasía, eso nunca o saberemos, pero deixovos que pensedes sobre isto e me digades que vos parece.

martes, 6 de novembro de 2012

Cando Ponte albergou un sindicato

Corrían os anos trinta, tempo da II República, cando se iniciaron as obras de construción da vía do ferrocarril entre Zamora e a Coruña, no tramo Ourense-Santiago. A estas obras acudiron a traballar homes de todas as parroquias polas que pasaba e, ao abeiro das mesmas, foron xurdindo agrupacións sindicais en gran parte das citadas parroquias. A máis representativa do concello de Silleda foi a chamada "Unión Obrera de Ponte", constituída en 1931.

Trincheira e ponte de Laxes
Pero co inicio da Guerra Civil, as obras paráronse e os homes vinculados a este sindicato foron perseguidos e nalgúns casos axustizados, servindo de exemplo os irmáns Muiños do Castro ou Arturo Pérez Lázara de Silleda. Ademais, coma outros moitos, o sindicato sufriu incautacións de bens e cartos. A construción da vía reanudaríase anos despois baixo o franquismo, inaugurándose en setembro de 1958, pero a "Obrera de Ponte" desaparecería, quedando soamente na memoria dos nosos maiores, que a seguen recordando como "o sindicato da vía".

Para rematar, recoméndovos ler o artigo do profesor lalinense Manuel Igrexas sobre o movemento obreiro na nosa comarca:
- "O movemento obreiro na Comarca do Deza ata 1936"

martes, 30 de outubro de 2012

Meixomence na historia

Segundo baixamos a costa de Outeiro cara a rotonda da Semana Verde, alviscamos un lugar agochado tras estas instalacións: é o lugar de Meixomence, o primeiro ao que se chega desde Silleda. Os primeiros datos históricos sobre esta aldea son do século XV, cando o couto de Beicomenzo (primeira denominación do lugar) estaba rexido polo arcebispo de Compostela e a encomenda de Beade. Esta última era unha orde militar católica á súa vez dependente da Orde de Malta que, con centro no concello ourensán de Beade, administraba terreos por diversos lugares de Galicia, moitos dos cales herdaran da desaparecida Orde do Temple. Fonte disto todo son os documentos de foro e libros de apeos (trámites nos que se levan a cabo o deslinde e demarcamento das terras suxeitas a un foro), como por exemplo un datado de 1575 cuxo título é Lugar de Meijomeso, feligresía de San Miguel de Ponte, coto de Rosende”, de onde podemos deducir que o nome de couto de Beicomenzo tornou a ser couto de Rosende, no transcorrer do século XVI. Desde entón, Meixomence pertencería ao couto de Rosende na parte correspondente a Ponte ata a disolución deste probablemente a mediados do século XIX. Como vedes, un lugar cunha pequena, pero á vez, grande historia que rematou o século pasado a carón do maior recinto feiral de Galicia.

Algúns nomes históricos e errados do lugar:

- Beicomenzo (primeiro nome)
- Meixomence (oficial - histórico)
- Meijomence (castelanización do oficial - errado)
- Meijomeso (documento de foros do século XVI - errado)
- Mensumence (interrogatorio do Catastro de Ensenada sobre o Coto de Rosende - errado)

mércores, 24 de outubro de 2012

A TVG tírase dunha ponte

Aínda que se discute a que parroquia pertence exactamente, xa que os de Saídres din que o monte no que está é deles e nós, os de Ponte, dicimos que é noso, o certo é que o viaduto da PO-205 sobre o Deza non serve só para que pasen os coches por el. Non se nos fai raro oír e ver a xente que practica nel unha modalidade de deporte extremo coa que xa estamos familiarizados: o "puenting". Mostra do mesmo son os vídeos que podemos atopar pola rede no que tal práctica se realiza no viaduto antes citado. Pero o outro día esta ponte foi o centro de atención de toda Galicia, xa que unha das participantes no programa "O clan dos impostores" da TVG foi retada a tirarse da ponte amarrada unicamente a un par de cordas. Na ligazón que deixarei abaixo saberedes se finalmente se atreveu. De paso aproveito para recordavos uns cantos datos sobre o viaduto:
-Foi construído e inaugurado en 1993.
-Ten unha lonxitude de 155 metros e unha altura máxima duns 60 metros.
-Salva o río Deza, unindo as parroquias de Ponte e San Pedro de Losón.

Ligazóns:
-Lista de vídeos en Youtube baixo o epígrafe "puenting silleda"
-Programa do 20/10/12 "O clan dos impostores" (a partir do minuto 35:30)

luns, 22 de outubro de 2012

Vándalos

O outro día dixéronme que algún que non tiña que facer (ou algúns, xa que seguramente foran máis dun) se dedicou a pintar cun sprai nun sinal e nun contedor do lixo. A primeira das pintadas sufreuna unha sinal de STOP situada na intersección da pista que baixa do Sino coa PO-205, no Agro dos Amigos. A parte do que se observa na fotografía, tamen intentaron facer o mesmo co STOP debuxado no chan, só que non o conseguiron.

Así apareceu o sinal de STOP
A segunda pintada da que teño constancia foi feita nun contedor do lixo próximo ao lugar do Campo. Deste non teño foto, xa que o contido da frase non é apropiado. Non sei se no resto da parroquia apareceron máis pintadas, pero con isto pretendo denunciar o vandalismo e a pouca decencia que teñen algúns, xa que non crean unha obra de arte, senón que perxudican o mobiliario público e perxudican a imaxe da nosa parroquia.

mércores, 17 de outubro de 2012

Unha oliveira centenaria.

E alí está ela, quieta, observando o que acontece ao seu arredor. As engurras da súa tona mostran o paso do tempo por ela. Ninguén sabe cando naceu ou quen a plantou, pero foi testemuña de moitas conversas e veu a moita xente recollerse baixo as súas pólas nos días de calor ou cando orballaba algo. "Sempre estivo alí", poderían dicir os nosos maiores ou dirían as persoas que estes coñeceron. Quizais desde que se constuíu a capela dos Remedios, quizais desde que o San Miguel se trasladou alí, nunca o saberemos. O certo é que poucas igrexas e poucas parroquias contan cunha especie arbórea, xa non digo antiga (que de seguro que as haberá máis vellas), que garde tantas historias coma a "nosa" oliveira. Tal é a súa importancia na historia parroquial que a frase "ir para debaixo da oliveira" (e non precisamente vivo) foi usada xeración tras xeración. Con estas humildes palabras fago unha pequena homenaxe a esta árbore, que como dixen ao comezo, alí está e desexo que se manteña ergueita por moitas xeracións máis.

A oliveira por Defuntos (2008)

mércores, 10 de outubro de 2012

A igrexa vella (II)

A construción da antiga igrexa parroquial no Agriño, en San Miguel, debeuse principalmente á existencia de casas no lugar de Nonelle e probablemente no agro de Raras (a desaparición das mesmas tratarase outro día). Máis ao sur, e máis arriba, outros lugares habitados foron florecendo (Trasfontao, Casderrei) e a pequena igrexa e o seu camposanto foron albergando aos fieis e defuntos dos xa citados e do resto de San Miguel, ademais de Rosende de arriba, Meixomence e As Casas do Monte.

Posible anaco dun sarcófago, na actualidade desaparecido. (foto do 2011)

O traslado da liturxia á capela dos Remedios fixo que se abandonara o templo, cuxas pedras se empregaron na ampliación do citado santuario, quedando unicamente o balo que no seu momento separou a vivos de mortos. Na actualidade, o emprazamento da igrexa non dá a apariencia de ser o que foi ata hai uns 150 anos, senón que a maleza se apoderou del. Desde aquí fago un chamamento á conciencia veciñal, xa que (quen máis ou quen menos) todos os da parroquia temos algún antepasado alí enterrado, sen o cal a nosa existencia non sería posible. Coidemos o que temos e lembremos aos que nolo deron.

luns, 8 de outubro de 2012

Ponte nun minuto

Unha cámara de vídeo e un programa de edición son as dúas únicas ferramentas que se precisan para montar un vídeo. Se ademais este promociona os encantos dun lugar, moito mellor. É o caso do realizado pola nosa veciña Laura Fernández, que recorre gran parte da nosa parroquia e a resume en apenas un minuto de duración.

Lugares como A Regueira, a ponte de Laxes, a Semana Verde, o río de Rosende, a depuradora ou a canteira son os protagonistas deste pequeno traballo. Noraboa á autora

xoves, 4 de outubro de 2012

Ponte no século XVIII (I)

Sabiades que se cumplen 260 anos da elaboración do "Catastro de Ensenada" na nosa parroquia?

Primeira páxina do interrogatorio na xurisdición de Trasdeza.

Empecemos polo principio. O Catastro de Ensenada foi unha indagación catastral dirixida polo Marqués de la Ensenada entre 1750 e 1756 de todos os territorios da Coroa de Castela. Este traballo comezaba cun interrogatorio de 40 preguntas sobre temas tan diversos como poboación, tipo de terras, rendas.... co fin de eliminar ou converter todos os tributos económicos nunha soa contribución, que ao final non se levaría a cabo. Así, nas terras da xurisdición de Trasdeza, este interrogatorio elaborouse en 1752, aportando grandes datos sobre a sociedade e a economía daquela época.

luns, 1 de outubro de 2012

Ata o ano que vén.

Onte despedimos as festas patronais deica o próximo ano 2013. Pero non hai que desanimarse xa que, nesta fin de semana, a nosa parroquia foi foco de atención grazas á Festa do Chourizo ao Viño. Se ven o venres a Televisión de Galicia fixo unha pequena reportaxe sobre o acto gastronómico, o sábado foi a quenda do diario Faro de Vigo, onde aparecía un pequeno artigo, destacando a presenza de máis de 500 asistentes. O domingo, para rematar, publicouse outro artigo sobre a nosa parroquia, destacando aspectos históricos e patrimoniais. Tamén na edición dominical, aparecía unha nota sobre a vindeira actividade cultural que se celebrará en Ponte: a primeira edición das Melodías de Outono, organizada pola asociación A Trabe e que contará coa presenza das bandas xuvenís da Bandeira e Silleda.

Ligazóns
Reportaxe da TVG no programa A Revista da tarde:
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-revista-da-tarde-429183
Minuto 26:45 a 30:00 e 1:06:50 a 1:12:21

Falta o do Galicia Noticias Serán.

Artigos do Faro de Vigo



venres, 28 de setembro de 2012

Xa chegou o día

Xa é día 28 e con el chega a terceira edición da Festa do Chourizo ao Viño na nosa parroquia. 



E non podemos esquecer que este ano cádrannos ben os días de festa, xa que son o 29, día de San Miguel, o patrón, e o 30, día da nosa patroa, a Virxe do Carme. Así que a disfrutar das festas, que de seguro non defraudarán.

xoves, 27 de setembro de 2012

Un mestre na Guerra Civil.

Sabiades que un dos nomes dos mortos na Guerra Civil que figura na fachada da igrexa é o do mestre de Ponte?


Juan Moriñigo Bernal (de procedencia castelá??) foi mestre na nosa parroquia nos anos antes do inicio do conflito armado. Despois da sublevación, é suspendido de emprego e soldo  e posteriormente faleceu en combate. É unha de tantas persoas que foi represaliadas, pero no seu caso non alcanzou a ver o final da guerra.

mércores, 26 de setembro de 2012

O Puzo Negro (I)

É un dos lugares con máis historias da nosa parroquia. Foi, é e será temido por todos. Estou a falar do Puzo Negro, un dos empozamentos que o río Deza fai ao seu paso entre Ponte e San Pedro de Losón. Ao atoparse alí a ponte de construción máis recente (sobre as pontes falarei noutro momento), foi un lugar de paso obrigado se non se quería dar un gran rodeo e, polo tanto, moi concorrido.


Na imaxe da esquerda, podemos apreciar o Puzo Negro a finais do inverno (mes de marzo de 2010).











Na imaxe da dereita, desde unha localización semellante, observamos as pozas que formou o río nos penedos, algunhas moi profundas, así como a vexetación que medra nos mesmos cando non están cubertos pola auga. (setembro do 2012).



A igrexa vella (I)

Sabiades que a antiga igrexa da nosa parroquia deu nome a dous lugares?


O primeiro deles, e o que máis obvio resulta, é o lugar de Tras da iglesia (ou Tras da iglesia vella). Virían a ser as leiras situadas ao norte do recinto da mesma e que, parte delas, se atopan do lado de baixo da vía do ferrocarril.

O segundo é o lugar do Sino. O significado desta palabra é, segundo o dicionario de dicionario do ILGA, sinal ou campá, de onde deducimos que a orixe deste nome se deba á antiga igrexa.

martes, 25 de setembro de 2012

Comezar con bo pé

Boto a andar este blogue para dar a coñecer os encantos desta parroquia, parroquia na que nacín e me criei. Anímovos a que sigades as cousas que vaia poñendo porque de seguro que vos gustarán.

E para empezar, aproveitando que están próximas as festas do patrón, déixovos aquí unha foto. Nela aparece un cartel da festa de Ponte, pero por desgraza rompeu a cabeceira, onde poñía o ano. Anímovos a que o adiviñedes.