mércores, 30 de outubro de 2013

Castañas por un tubo

Iso é o que lles espera a todos os que asistan o vindeiro sábado día 9 de novembro ao magosto de Ponte, organizado pola asociación veciñal A Trabe e que terá lugar no local social da parroquia. O menú consiste en panceta á brasa, castañas, viño e refrescos, ademais de café e chocolate quente. Se queredes pasar unha boa noite de outono en boa compañía, non dubidedes en apuntarvos.


domingo, 27 de outubro de 2013

Unha ollada ao cine de autor

Na noite de onte poñíase punto e final ás actividades organizadas pola asociación A Trabe neste mes de outubro que está a piques de rematar. Este final protagonizábao o filme "Tilda & Jean", escrito, dirixido e protagonizado por Darío Autrán. Hai que destacar que, entre o elenco de actores, atopamos a presenza de Ponte, da man de José Montoto Sanmartín, veciño do lugar de Trasfontao, e de Andrea Suárez Faílde, con familia no lugar de Casderrei.
De esquerda a dereita, Darío, Andrea e José antes da proxección.
A xente que onte se achegou ata o local social de Ponte puido ver unha película diferente ás que acostuma a haber nas carteleiras de calquera cine. Un filme que, en palabras do director, xa participou en varios festivais audiovisuais a pesar de ser un proxecto realizado con pouco presuposto. Só queda darlle a noraboa ao equipo encabezado por Darío Autrán por este magnífico traballo e que o futuro lles depare moitos exitos. Por último recordarvos que nos próximos días se anunciará a data do magosto parroquial, que correrá tamén da man da Trabe.

domingo, 20 de outubro de 2013

Unha noite con Disfunción Continua

Na noite de onte tivo lugar a representación de "Eran outros tempos, ou non?" da compañía teatral estradense Disfución Continua. Como era de esperar, a obra non defraudou e conseguiu facer saltar as bágoas coa risa. Noraboa ás actrices e actores desta compañía e que sigan por este sendeiro de bo traballo.

As de arriba son fotos de dous momentos da obra, que foron sacadas da páxina da compañía en Facebook (Disfunción continua teatro), onde podedes ver moitas máis da actuación de onte, así como doutras por diversos puntos da xeografía galega. Por último, non esquezades que o vindeiro sábado 26 ás 9 da noite terá lugar a proxección de "Tilda & Jean", no local social da nosa parroquia. Vémonos alí!

martes, 15 de outubro de 2013

Cine en Ponte

Trala música e o teatro, a asociación A Trabe tráenos cine. Neste caso, cine de autor coa película "Tilda & Jean" (2012) do director Darío Autrán. Este pontevedrés da xeración do 87 é ademais escritor, guionista e actor. De feito, protagoniza a película que veremos o próximo sábado 26 de outubro ás 9 da noite no Local Social de Ponte. (Tráiler)
Darío Autrán
Autrán é tamén creador do guión doutras obras cinematográficas como "Orxo", "Hydra" (estas incluídas dentro da "Trilogía de los Hilos" xunto con Tilda & Jean) ou "Hábitat". Tamén escribiu e protagonizou seis obras teatrais ademais de publicar un libro, titulado "Microrrelatos Insomnes". Segundo a critica, "Tilda & Jean" é un filme inquientante e que mantén aos espectadores en tensión continua. Teremos que comprobalo. E a próxima cita será seguramente arredor dunhas castañas. Vémonos!

domingo, 13 de outubro de 2013

Unha tarde de música

Onte celebrouse con grande éxito a segunda edición das Melodías de Outono. Centos de persoas achegáronse para ver actuar as bandas xuvenís de Silleda e Vilatuxe. En primeiro lugar, tocou a xuvenil lalinense interpretando pezas como Tercio de Quites, Ponteceso ou Mozos do penedo.
Banda Xuvenil de Vilatuxe
De seguido foi a quenda da xuvenil trasdezá, que interpretou Rúa da Fonte, Introduction & Modern Beat ou Ireland: Legend & Lore.
Banda Xuvenil de Silleda
Tras o concerto, os rapaces foron convidados a unha merenda. Finalizada esta actividade, toca poñer a vista na seguinte que organiza A Trabe: a representación de "Eran outros tempos, ou non?", a cargo da compañía Disfunción Continua Teatro, este sábado 19 ás 9 da noite. Vémonos alí!

martes, 8 de outubro de 2013

Eran outros tempos, ou non?

Este é o título da obra de teatro que a compañía estradense Disfunción Continua Teatro representará, grazas á asociación A Trabe, na noite do vindeiro sábado 19 de outubro no campo da festa de Ponte. Esta compañía creouse no ano 2011 e xa recorreron os escenarios galegos no 2012 con "Cóncavo Convexo". Neste verán estrearon a súa segunda montaxe, con moi boa acollida.

Compoñentes da compañía actualmente, de esquerda a dereita: Manu Mougán, Manuel Rosende, Alejandro Picallo, Natalia Carbajal, Sabela Magariños, Clara Iglesias, Jouse García (director), María Gaiteiro e María Porto.
"Eran outros tempos, ou non?" é unha comedia na que cinco mulleres que compartiron pupitres na súa infancia botan a vista atrás e recordan como eran aquelas clases en plena ditadura franquista. Moi recomendable esta función, polo que non tedes excusa para non acudir. Vémonos!

xoves, 3 de outubro de 2013

II Melodías de Outono

O vindeiro sábado 12 de outubro terán lugar por segundo ano as "Melodías de Outono", unha actividade da asociación A Trabe coa que trata de achegar a música de banda a esta parroquia, que tanto instrumentistas viu nacer. Na edición deste ano, contaremos coa presencia das bandas xuvenís de Silleda, que repite, e Vilatuxe. Celebrarase no campo da festa, en Tras do Sisto, baixo unha carpa, para que o mal tempo (se é o caso) non entorpeza a realización deste evento. Só nos queda disfrutar dunha agradable tarde de outono escoitando ás novas xeracións de músicos da contorna. Vémonos alí!