luns, 17 de novembro de 2014

Resumo do outono cultural

Como xa se veu adiantando neste blogue, a Asociación Veciñal A Trabe de Ponte organizou diversas actividades neste outono. Todo comezaba o pasado 28 de setembro. Como remate das festas patronais, A Trabe organizou as III Melodías de Outono, concerto no que participaron as bandas Infantil e Xuvenil de Silleda. Esta interpretou pezas coas que gañaría o 1º premio no Certame Provincial de Bandas e o 2º no Galego.
Intre da actuación da Banda Infantil // Faro de Vigo

O día 18 de outubro foi a noite de teatro. Nesta ocasión, foi a compañía teatral Fervelleasverzas de Moraña a que sorprendeu ao público coa posta en escena da obra "A arte que fixo pub".
Instante durante a obra // D. F.
O sábado seguinte, o día 25, Darío Autrán regresou a Ponte cun novo proxecto: a webserie "Artemia", na que, igual que o ano pasado en "Tilda & Jean", participaba o noso veciño José Montoto. Tamén lle regalou aos asistentes un fragmento da que fora a súa primeira película "Orxo"

José e Darío presentando a webserie // D.F.
E para rematar o outono, que menos que un magosto, como foi o que organizou A Trabe conxuntamente coa Yeguada Tras do Balo. Esta cita congregou a 52 persoas arredor das castañas na planta baixa do local social.
Momento da cea do magosto // M. R.

Ningún comentario:

Publicar un comentario