venres, 16 de outubro de 2015

III Noite de Teatro en Ponte

Un ano máis, a Asociación Veciñal A Trabe de Ponte organiza unha velada de teatro na parroquia. Nesta ocasión, voltan unha compañía xa coñecida polos espectadores ponteses: Disfunción Continua. No 2013, representaran a comedia Eran outros tempos, ou non?, que nos trasladaba á escola do franquismo.
Este sábado 17 de outubro, as 21.30 horas, no campo da festa de Ponte,  porán en escena a súa nova obra, titulada Teimas, ambientada na consulta dun psicólogo, na que os seus pacientes acaban entablando conversa. O reparto desta comedia está composto por María Porto, Clara Iglesias, Beatriz del Río, Guillermina Pose, Natalia Carbajal, Gonzalo Valcárcel e Manuel Rosende, dirixidos por Jouse García.

De seguro que nos deixan un bo sabor de boca!

xoves, 24 de setembro de 2015

Ponte en festas

Este venres dan comezo as festas en Ponte coa VI Festa Gastronómica do Chourizo ao Viño.
Os festexos continuarán o sábado e o domingo, con actos na honra a San Miguel e á Virxe do Carme.
E para rematar, unha nova edición das Melodías de Outono, a cargo da Banda Xuvenil de Silleda.
A disfrutar destes días!!!

venres, 21 de agosto de 2015

Os nomes da terra III: O Fallo

O dicionario da Real Academia Galega define fallo como "cousa ou circunstancia que fai que algo ou alguén non sexa totalmente perfecto, non obre nun momento dado como debe ou non teña o resultado esperado". Esta circunstancia lévanos ata o topónimo que hoxe analizamos en "Os nomes da terra": O Fallo.
Imaxe do Fallo, cheo de maleza.
Este nome refírese a un gran burato que se atopa sobre o Túnel do Outeiro ou da Estivada, da vía do ferrocarril, na parte de San Miguel. O burato orixinouse trala retirada de grandes cantidades de terra de enriba do túnel, xa que no seu proceso de escavado, as paredes deste derrubábanse debido á cantidade de auga que manaba no interior. Para paliar isto, buscouse unha solución, que foi a de retirar esta terra sobre a zona afectada para evitar novos desprendementos. Así foi como este fallo nas obras do ferrocarril se colou na historia de Ponte e quedou marcado na microtoponimia da parroquia.

luns, 20 de xullo de 2015

Incendio en Trasfontao

Na tarde de onte produciuse un incendio nunha finca situada no lugar de Trasfontao, á beira da estrada Silleda-Vila de Cruces. O lume propagouse por toda a leira favorecido polo vento e polo seco que estaba o terreo. Alcanzou a cuneta da pista que pasa a carón da finca, así como a da PO-205. 

A pesar da proximidade das casas, non houbo danos materiais nin persoas feridas.

martes, 23 de xuño de 2015

Un novo elemento na paisaxe de Ponte

Desde fai uns meses, o horizonte do lugar de Meixomence conta cun novo e destacado elemento: unha antena de telefonía móbil. Esta tratará de mellorar a cobertura desta zona, que en moitos recunchos da parroquia é escasa ou nula.

sábado, 30 de maio de 2015

Os nomes da terra II: O Pozo do Avogado ou do Pego

Continuamos co serial "Os nomes da terra". Nesta segunda entrega ocupámonos do Pozo do Avogado ou Pozo do Pego. Con este nome coñécese un pozo no río Deza ao cal tamén chegou nalgún momento o Camiño da Feira. Neste pozo existiu unha barca, que serviu para cruzar o río de maneira alternativa ás pontes ou cando non había ningunha.

O Pozo do Avogado nunha captura de pantalla do Sixpac.
Toma o seu nome dun membro da familia Taboada de San Pedro de Losón, que exercía como avogado. Este pozo almacenaba e dirixía a auga do Deza cara o Muíño do Avogado. Tamén é coñecido como O Pozo do Pego, polos terreos da marxe esquerda, en Ponte.

O día dunha feira en Silleda tivo lugar un terrible suceso con este pozo como protagonista. Uns feirantes arzuáns regresaban cara as súas casas. Subíronse co gando que mercaran á barca e o barqueiro procedeu a cruzar o pozo. Pero no medio do traxecto, a carga moveuse e desestabilizou a barca, que deu a volta, e o que levaba (animais e persoas) afundiuse no pozo, sen quedar superviventes. Os corpos dos feirantes foron finalmente recuperados e soterrados no camposanto de San Pedro de Losón.

venres, 17 de abril de 2015

Os nomes da terra I: O Camiño da Feira

Comezamos o serial de publicacións "Os nomes da terra" sobre a microtoponimia da parroquia, onde mostraremos algúns dos moitos nomes de lugar que hai en Ponte. Comezaremos cun topónimo moi coñecido no seu momento, pero que acabou por esmorecerse no esquecemento. Estamos a falar do Camiño da Feira.

Con este nome coñecíase un tramo da ruta comercial entre a vila de Silleda e as terras do Corpiño ao seu paso por Ponte. Toma o nome do mercado que se celebraba en Silleda os días 6 e 23 de cada mes. Era usado principalmente por tratantes de gando da zona de Arzúa e non se facía raro ver ringleiras de animais pasando por el. Coa desaparición do mercado tradicional silledense e a mellora das comunicacións (como a construción da PO-205 entre Silleda e Vila de Cruces), este camiño só foi utilizado polos propios veciños de Ponte como acceso ás súas fincas.
Estado actual do Camiño da Feira, ao seu paso por Cachicabras.
Na actualidade, só se conserva un pequeno treito, desde o río Deza (que se cruzaba pola Ponte do Pozo Negro) ata a vía do ferrocaril. Se queredes saber máis, podedes ler o seguinte artigo, publicado en setembro pasado:
**Un camiño caído no esquecemento (Faro de Vigo, 28/09/14).

martes, 3 de febreiro de 2015

Perfecto Pereiro e a luz en Silleda

Aínda que hoxe en día a luz eléctrica é algo que atopamos como habitual nos nosos fogares, non o era hai anos. A vila de Silleda e as parroquias do arredor débenlle este avance a Perfecto Pereiro Castro. Este veciño de Silleda fundou Hidroeléctrica de Silleda en 1915 e construíu a primeira central hidroeléctrica (ou fábrica de luz) do concello nos termos da parroquia de Ponte, aproveitando a auga do río da Mera ou de Rosende. Esta, coñecida como "a Central de Pereiro" botou a andar en 1920, producindo electricidade que era transportada ata a vila de Silleda. Anos máis tarde, na década de 1940, Pereiro instala outra fábrica no Deza, á altura de Taboada (pero na beira de Prado (Lalín)).

Perfecto Pereiro Castro // Arquivo de Perfecto Pereiro


Grazas á luz, Pereiro desenvolveu outros negocios, como un aserradoiro, un muíño eléctrico ou unha tenda de roupa e ultramarinos na súa vivenda, situada na actual Rúa do Progreso silledense. Pereiro falece arredor de 1945, quedando os seus fillos á fronte dos negocios paternos. Anos despois, venden ambas centrais (a de Ponte e a de Taboada) a Cesáreo Sánchez Alonso "Bastián", natural de Graba, que daría lugar á actual empresa Hidroeléctrica de Silleda.

Placa en homenaxe a Pereiro, no transformador situado
a carón da igrexa de Ponte. // D.F.


Para os interesados, podedes consultar o artigo escrito en Faro de Vigo por un dos seus netos, Perfecto Pereiro Lázara, historiador afincado en Santander:
* Cien años de luz en Silleda

xoves, 15 de xaneiro de 2015

A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda

Este é o nome que recibe o proxecto que está a levar a cabo o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pintor Colmeiro, que foi premiado o pasado xuño dentro da IX edición de proxectos didácticos da Fundación Antonio Fraguas.

O profesor Xoán Carlos García Porral é o coordinador dun interesante traballo que pretende recuperar os microtopónimos (moitos deles desaparecidos debido ás concentracións parcelarias) e as lendas que están a piques de esmorecer co paso do tempo. Para iso, o alumnado do Colmeiro púxose mans á obra para rescatar estes nomes e estas historias coa axuda de pais, avós e veciños.

Este proxecto editaráse en papel, ademais de contar cun mapa na rede onde estarán situados todos os microtopónimos coa información correspondente. Ademais, non só poden colaborar alumnos, senon que calquera persoa ou asociación poñer o seu grao de area neste proxecto; así que se vos animades, contactade cos membros do ENDL do IES, pois estamos diante dunha recompilación dunha parte moi importante do noso patrimonio inmaterial, como son os nomes que os nosos antepasados puxeron ás terras que pisaron, así como as historias que sobre elas se crearon.

Para que sigades ao tanto de como van as cousas, aquí tedes a ligazón ao blogue do ENDL así como o mapa no que se están a sinalar os topónimos:
* Blogue As Ferreiras (xa no apartado correspondente a este proxecto)
* Mapa da microtoponimia do Concello de Silleda