luns, 29 de abril de 2013

O PXOM cambia a ponte de sitio

Como ben sabedes, estase a tramitar o PXOM de Silleda, que xa foi exposto ao público e calquera pode acceder á documentación na web do concello. Unha vez que saiu á luz, viuse que tiña algúns erros, que era conveniente subsanar. No tocante á parroquia de Ponte, o máis claro era o intercambio de nomes entre Trasdosisto e Trasfontao. Pero hai que destacar un que pasou desapercibido. Trátase dun erro no catálogo patrimonial que rexistra o PXOM, que sitúa a antiga ponte da Insua, a que deu nome a esta parroquia, a carón do actual viaduto da PO-205, e polo tanto aparece rexistrada en Saídres.

Nesta ligazón (http://silleda.es/PXOM/Parroquias/28%20Sa%EDdres/Cat%E1logo/2810.pdf) podedes ver que na descrición se argumenta que non se puido localizar os restos da mesma. Isto é lóxico, pois os restos (de atoparse) estarían a uns 600 metros río arriba, na Insua. Non sei cantos erros coma este haberá no proxecto, pero deberíanos arranxar.

mércores, 17 de abril de 2013

Ponte en Google Maps

Desde hoxe, a aplicación Google Maps permite visualizar o nome de todos os núcleos de poboación de Ponte, pero lamentablemente non se poden ver todos á vez, polo que se buscades Ponte, Silleda na ligazón
https://maps.google.es/, teredes que xogar co zoom para ver todos os nomes.

Este feito fíxose realidade grazas ao feito de que Google está mellorando esta aplicación e outras relacionadas con elas, para atopar os lugares máis facilmente. Así e todo, aínda ten fallos, que dos que calquera pode avisar premendo na esquina inferior dereita en "Notificar un problema".

venres, 5 de abril de 2013

Vertedoiros incontrolados

Desde hai un tempo, observei que nunha serie de puntos situados nas proximidades da vía do ferrocarril, en San Miguel, foran arroxadas importantes cantidades de lixo: materiais de obra, restos vexetais, vidro, neumáticos...



Estas fotos corresponden aos restos vertidos na Xaldiña, cerca da ponte sobre o ferrocarril. Próximos a este lugar, en Suseixos e a carón da vía, atópanse unha morea de botella de vidro verde, indicativo de que contiñan viño.

Mais ao norte, no terraplén de Laxes, tamén tiraron no seu momento material de obra e outros refugallos, e no fondo do Coto do Outeiro tamén baleiraron remolques de lixo.

Outros puntos da nosa parroquia que foron vítimas destas accións son a escombreira de Tras do Agro, en Rosende, onde tamén tiraron material de obra, entre outras "lindezas"; ou o camiño próximo ao Coto da Penanegra, no lindeiro da parroquia con Silleda, O Castro e Margaride. Neste último lugar tamén tiraron refugallos e seguírono facendo sen respectar o sinal de prohibición alí colocado.

Estas accións dan unha mala imaxe de nós e da nosa parroquia, aínda que moitas veces sexa xente doutros lugares quen leva a cabo tales vertidos.

luns, 1 de abril de 2013

Incoherencias da PO-205

Fai un tempo, colocaron uns sinais indicadores a carón da PO-205, a estrada que une Silleda con Vila de Cruces. Neles aparece a distancia desde o lugar onde os colocaron a cada un dos núcleos urbanos antes citados. O que me chamou a atención foi a falta de coherencia das cifras dos quilómetros. Explícovos: nos primeiros, localizados na Chanca, na intersección desta estrada coas pistas procedentes do Castro e de Vilar, pon que Silleda se atopa a 3 km, mentres que a distancia con Vila de Cruces é de 12 km; mentres, os segundos, colocados no cambio de sentido en Trasdosisto, sinalan que Silleda dista 3 km e a capital cruceña  se atopa a 11.5.



Quere dicir isto, que conforme nos aproximamos a Vila de Cruces, Silleda séguese mantendo á mesma distancia de nós? Este é un fallo que se debería subsanar. Como? Pois poñendo na chanca que Silleda se atopa a 2.5 km, xa que no outro lugar é correcto o dato, pois nas proximidades se atopa o punto quilométrico 3. Esta é miña humilde opinión.