luns, 30 de setembro de 2013

Pasou o día e pasou a romaría

Deixamos atrás tres días de festa que se viron algo tapados pola choiva. Este elemento deslucíu a celebración das nosas patronais, obrigando a suspender os xogos do domingo. Pero a pesares disto, a festa seguiu adiante, non ten mediatizada como na edición do ano pasado, pero que estivo presente nas páxinas dos medios de comunicación comarcais.

-"O chourizo xunta a medio milleiro de persoas en Ponte"
-"Cando San Miguel deixou o seu lugar"

Agora, a esperar un aniño para volver disfrutar das festas en Ponte, pero as actividades aínda non remataron, xa que a asociación veciñal A Trabe organiza neste mes de outubro unha serie de actividades das que irei dando conta conforme se aproxime a súa realización.

venres, 27 de setembro de 2013

Imos de festa

Hoxe, como todos sabedes, comezan as patronais en Ponte coa Festa do Chourizo ao Viño. As prediccións non dan moi bo tempo para esta fin de semana, pero aínda así, seguro que son unhas grandes festas.

Por outra banda, sabiades que tal día coma hoxe hai dez anos tamén estabamos de festa? Así é. No ano 2003 as festas comezaban un sábado 27 de setembro e continuaban o día seguinte, o 28. Déixovos unha imaxe do programa daquel ano para que lle botedes un ollo.


E despídome desexándovos que pasedes unhas boas festas na compaña dos vosos.

xoves, 19 de setembro de 2013

Máis de dous séculos de Remedios

"1799. Ese é o ano ao que nos temos que remontar para atopar a orixe da romaría dos Remedios. Foi daquela cando catro veciños co lugar e couto xurisdiccional de Rosende dotaron con 12 ferrados de centeo anuais unha capela baixo a advocación de Nosa Señora dos Remedios. Conforme pasaban os anos, esta festividade congregaba a xentes dos arredores de Ponte, que ofrecían diversos obxectos que posteriormente se subastaban. Ademais, non faltaba a música, a cargo dun ou varios músicos, que podemos considerar como o xermolo da actual banda de Silleda.(...)"

Estracto do texto lido o 8 de setembro do 2013, festividade da Virxe, ante os devotos da mesma na igrexa parroquial de San Miguel de Ponte.


















Nas imaxes, tres momentos da procesión do día dos Remedios (8/9/13).

martes, 10 de setembro de 2013

Foi noticia...

Este ano xa é a cuarta edición, mais tal día coma hoxe presentábase a que ía ser un dos "Últimos coletazos gastronómicos" do verán. A Festa do Chourizo ao Viño abríase paso entre a variedade de festas gastronómicas da xeografía trasdezá. Acollida con bos ollos entre veciños e foráneos, superou os 500 comensais na súa edición do 2012 e esperemos que sexan máis na deste ano.



Ligazón á noticia: "Últimos coletazos gastronómicos"

xoves, 5 de setembro de 2013

O mes de Ponte

Regresan as publicacións deste blogue para botar a vista atrás no tempo. Desta volta, déixovos unha foto de Ponte tomada un par de anos antes da concentración parcelaria. Tan pronto como a vexades, moitos recordaredes como estaba aquilo.
Cal é o por que desta foto? Pois como ben sabedes, setembro en Ponte é sinónimo de festa. Neste mes celebramos as tres festas da parroquia:
- Comezamos o vindeiro domingo 8 coa festa da Nosa Señora dos Remedios.
- O día 22 terá lugar a festividade de San Verísimo, que noutrora tivo unha gran romaría na súa honra.
- E por último, a derradeira fin de semana son as festas patronais, que comezarán o 27 (venres) coa IV Festa do Chourizo ao Viño, e continuarán o 28 e o 29 honrando a San Miguel e á Virxe do Carme.
Así que non vos queda outra que vir. Vémonos.