xoves, 21 de novembro de 2013

Restos da Idade de Cobre

Sabiades que na nosa parroquia se atopou un obxecto datado hai preto de 5000 anos? Trátase dun pequeno machado de cobre, un exemplar dos inicios da Metalurxia, época correspondente á segunda metade do III milenio a. C., entre o Neolítico e a Idade de Bronce.

De dimensións reducidas, foi atopado probablemente a comezos do século XX no monte do Castañal por Antonio Rodríguez (seguramente cabeza da casa de Fernández de Casderrei). Tras pasar polas mans doutra persoa, foi parar á Sociedad Arqueológica de Pontevedra. En 1969 entrou a formar parte, xunto con outras pezas, da colección do Museo pontevedrés, onde se atopa a día de hoxe.




domingo, 3 de novembro de 2013

Cando Madoz puxo a Ponte no mapa

Foi entre 1846 e 1850 cando o político e estatista pamplonés Pascual Madoz publicaba o seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, coñecido como Diccionario Madoz, unha obra de 16 tomos que recollía todos os lugares de España e das súas colonias. Entre eles, atópase o artigo relativo á nosa parroquia, no tomo 13, que di o seguinte:

"PONTE (SAN MIGUEL): feligresía en la provincia de Pontevedra (8 leguas), partido judicial de Lalín (2), diócesis de Lugo, ayuntamiento de Chapa; situada en la margen izquierda del río Deza; clima sano y templado. Tiene 32 casas en las aldeas de Ponte, Meijomence, San Miguel y Rosende. La iglesia parroquial (San Miguel) está servida por un cura de provisión en concurso. Confina el término con dicho río Deza y con las parroquias de Castro al NO, Silleda SO y Villar SE. El terreno es de buena calidad. Produce vino ligero, trigo, maíz, centeno, castañas, legumbres, frutas y pastos; y pesca de truchas, anguilas y otros peces. Población: 32 vecinos, 150 almas. Contribución: con su ayuntamiento."

Notas aclaratorias:
1-Ata 1853, o actual concello de Silleda levaba o nome de Chapa, coa capital na citada parroquia.
2-A igrexa parroquial á que se refire é a antiga, situada en San Miguel, xa que o cambio ao actual emprazamento se realizou en 1863. O San Miguel que aparece fai referencia ao patrón.
3-Con Rosende, fai referencia á parte pertencente a Ponte. A outra parte uniuse a esta parroquia en 1891.