luns, 24 de outubro de 2016

A gran oliveira das terras de Trasdeza

O pasado mes de abril, aparecía no diario dixital Galicia Hoxe un artigo de M. de Bran sobre exemplares de oliveiras das ribeiras do Ulla e das terras do Deza:

* Grandes oliveiras das terras da Ulla e Deza (Galicia Hoxe, 4/4/2016)

Neste, o autor fai un percorrido pola historia do cultivo desta árbore, os seus usos e apuntando referencias como o nome da parroquia de Olives (A Estrada), entre outras cousas. A continuación, trata varios casos de exemplares destacados como as do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra), a da casa da Buela en San Critovo de Reis (Teo) e a do cemiterio de Adina en Iria Flavia (Padrón). Como representante da comarca do Deza e do Trasdeza, o autor fala da oliveira situada a carón da igrexa de Ponte, a nosa oliveira.

Vista da oliveira (xuño 2016) // DFA
Sobre esta árbore, de gran relevancia na parroquia, xa falaramos no seu momento neste blog:
* Unha oliveira centenaria (17/10/2012).

Déixovos a continuación o extracto do artigo no que se fala desta árbore:

A oliveira de San Miguel de Ponte
Oliveira de San Miguel de Ponte // MB
Esta árbore monumental atópase na parroquia citada no título, no cemiterio do adro dela e diante da igrexa parroquial. Ponte é unha parroquia do concello de Silleda, distante uns tres quilómetros da capital do municipio. Está situada na ribeira esquerda do río Deza, que lle dá o nome a unha extensa comarca de máis de mil quilómetros cadrados, limítrofe coa de Tabeirós- Terra de Montes. Este río é o afluente máis longo e con máis subafluentes e caudal do Ulla, no que conflúe pola esquerda na parroquia de Santa Baia de Cira, única do concello de Silleda que chega a el. A confluencia dos dous ríos prodúcese no norte de Cira, punto no que non ten outro límite, despois de pasados os lugares de Vilacalva (Cira), Cirela (Santiago de Gres, a parroquia de Neira Vilas) e a ponte Cira. O lugar da confluencia está un pouco abaixo da ponte Ledesma, e chámase A Xunta (dos ríos), na que non hai moito se fixo unha área recreativa. Os dous forman o Sistema Fluvial Ulla-Deza.
A oliveira de ponte ten un pé moi gordo, que galla en dous poderosos polóns desde preto do chan. A coroa dela é arredondada coma unha gran boina escura, da altura dunha casa de dous pisos. Está ben coidada, e ten moita vitalidade. Nunca a viramos, nin a igrexa, que non ten o nome, pois como ocorre con outras moitas igrexas parroquiais, os da parroquia non llo poñen porque xa llo saben. Nós, ó atoparnos diante da igrexa cando fomos tirarlle a foto deste artigo, axiña nos decatamos de que era a de San Miguel de Ponte, polo que oiramos falar da grandeza da súa oliveira. Ou sexa, identificamos a igrexa pola oliveira.
Por estar esta árbore no cemiterio, hai entre os veciños da parroquia o dito irónico: “Ir para debaixo da oliveira”. Pero xa desde antigo a oliveira é símbolo da paz entre os vivos e dos mortos. Ó que se debe que as haxa en moitos cemiterios. 

Descoñecemos polo de agora a súa antigüidade, mais sabemos que non debe ser anterior a 1800, data de construción da antiga capela dos Remedios sobre a que se levantou o actual templo parroquial. Como afirma M. de Bran no seu artigo, é por todos coñecido o dito de "ir para debaixo da oliveira" cando se fai referencia á morte dun veciño (nalgún caso, esta afirmación é literal, pois arredor dunha ducia de nichos se atopan á sombra da árbore). Aínda que non se atopa catalogada como Árbore Senlleira, é parte esencial da historia de Ponte, pois o paso do tempo fixo que fose testemuña de innumerables conversas e acontecementos. Que continúe tan vigorosa e que sigamos disfrutando da súa sombra!

domingo, 9 de outubro de 2016

O patrimonio, en perigo

A parroquia de Ponte conta con diversos elementos arquitectónicos e arqueolóxicos que pasan desapercibidos ao público en xeral. Nos termos da mesma atopamos varios muíños (en desuso), a primeira central hidroeléctrica do concello (A Central de Pereiro, tamén en desuso), unha ponte que cruza o río Deza (A Ponte do Pozo Negro) e os restos doutra (A Ponte da Insua, que agarda a súa catalogación) e tamén o antigo adro parroquial de San Miguel. Chamado polos veciños O Cementerio Vello, O Atrio Vello ou A Iglesia Vella, este foi o lugar no que se situou a antiga igrexa de Ponte, do que xa se falou neste blog nos inicios do mesmo:
*A igrexa vella I (26 de setembro do 2012)
*A igrexa vella II (10 de outubro do 2012)

O Cementerio Vello // DFA

Son moitos os veciños de Ponte que a día de hoxe aínda se sorprenden ao saber deste emprazamento, e non é para máis. Hai que ter en conta que, desde o traslado da liturxia en 1863 á Capela dos Remedios (que se converteu na nova igrexa), o lugar apenas foi empregado como lugar de xogo dos máis cativos. Coas sucesivas reformas no novo templo, botouse man do material da igrexa vella ata o punto de non quedar nada máis que montóns de pedras pequenas de pouco valor para a construción. Conforme pasaron os anos, o antigo cemiterio convertiuse unicamente nun pequeno terreo pechado con algunhas árbores no seu interior.

A pesar da utilización da pedra da igrexa vella nas reformas da nova, aínda permaneceron neste recinto varias pedras con gravados ou labradas dunha determinada forma. Pero o seu descando neste lugar non foi precisamente eterno. De feito, un exemplo de desaparición dunha destas pedras "bonitas" tivo lugar hai uns anos. A segunte imaxe mostra un fragmento do que podería ser un sarcófago ou outro tipo de recipiente usado na igrexa. Esta imaxe foi tomada polo autor destas liñas no mes de abril do ano 2011, que tardaría máis dun ano en visitar de novo o lugar (xuño do 2012), percatándose da súa desaparición.
Pedra desaparecida do antigo cemiterio (2011) //DFA

Pero a cousa non quedou aí. Máis recentemente, aproximadamente hai dúas semanas, unha nova visita de quen escribe ao Atrio Vello revelou unha nova desaparición. Neste caso tratábase dunha pedra cadrada e de pouco grosor cun pequeno burato rectangular no seu centro que probablemente fose parte das pedras que cubrían unha sepultura. Esta estaba situada no muro occidental do adro antes da súa desaparición e, desafortunadamente, este autor non conta con ningunha imaxe da mesma.
Sinalado con liñas vermellas, o lugar que ocupaba a pedra. No seu lugar, foron colocadas varias pedras máis pequenas para disimular a falta // DFA

Sinalado con liñas vermellas, o lugar que ocupaba a pedra no valo oeste do adro // DFA
Estas e outras desaparicións unidas a algunha tentativa de desfacer este recinto durante o proceso de concentración parcelaria (na realización desta, a apertura dun camiño danou o recinto no lado oriental) fixeron e fan que futuras xeracións non poidan disfrutar o que os antepasados construíron coa suor das súas frontes e que non deixa de ser unha parte fundamental da historia desta parroquia. Manter e vixiar o noso patrimonio é o único xeito de que os que veñan tras de nós poidan admiralo.

luns, 3 de outubro de 2016

Fin de festa

Acabando setembro e dando comezo a outubro. Deste xeito tiveron lugar as festas de Ponte neste 2016. A fin de semana daba comezo o venres 30 de setembro, cando celebramos a sétima edición do Chourizo ao Viño, que contou coa actuación das orquestras Jerusalén e Galilea.
Montaxe das orquestras // DFA
Aspecto da carpa pola tarde // CCC
Momento da cea // CCC
Intre da actuación da Orquesta Jerusalén // CCC
Público atento á actuación da Orquesta Galilea // CCC
Como novidade, este ano un equipo do programa da TVG Vaia Troula desprazouse ata a nosa parroquia para filmar unha festa á que acudiron máis de medio milleiro de comensais:
* Ligazón ao programa emitido o domingo 2 de outubro: introdución (minuto 2:20) e reportaxe (minuto 17:50).

Ademais, a festa tivo a súa repercusión nos medios escritos:
*Récord de chorizos al vino en Ponte (Faro de Vigo, 01/10/2016).

E tamén nas redes sociais:


O sábado e o domingo completáronse coas honras a San Miguel e ao Carme, días que estiveron amenizados polos dúos Nueva Era e Máster e a Charanga Chourizo Criollo.

Tres días de festexos que foron un éxito grazas ao traballo da comisión organizadora e que tocaron á súa fin, pero xa coa mente posta nos do vindeiro ano, para os cales xa comezou a conta atrás.
Membros da comisión coa concelleira de turismo na presentación dos carteis // Bernabé