luns, 8 de xullo de 2013

Un perigo evitable

Como xa saberedes, onte á tarde declarouse un incendio na parte oriental da parroquia, no seu linde con Vilar, no sitio coñecido como Monte da Costa. Ata alí desprazáronse medios aéreos e terrestres para tratar de conter e reducir un lume que ao parecer se orixinou no tendido eléctrico que pasa pola zona.
(Noticia no Faro de Vigo
Aínda se percibía o fume no lugar do incendio.
Ocorreu preto de Rosende, pero non estamos libres de que se produza un incendio en calquera outra parte do monte de Ponte, pois a maleza seca unida ás altas temperaturas e ao lixo que hai tirado polo noso monte son os ingredientes perfectos para que se dea outra situación coma a de onte. Esperemos que isto quede só en meras suposicións.

PD: na anterior publicación obviei a ponte da PO-205 sobre a vía do ferrocarril.

mércores, 3 de xullo de 2013

De ponte en ponte

Aínda que o seu nome se deba á desaparecida ponte da Insua, a parroquia de Ponte conta na actualidade con algo máis dunha ducia destas construcións, ben sexan pontes, viadutos ou pasos. Velaquí a recompilación:
- Sobre o río Deza: o viaduto da PO-205 (aínda que realmente xa está nos termos de Saídres) e a ponte do Pozo Negro.

- Tres pontes sobre o río da Mera en Rosende.
- O Pontillón, sobre o regueiro de Meixomence.
- Na AP-53, dúas pontes sobre ela (en Guncín e no Monte de Arriba), un paso por debaixo na saída e a que cruza a PO-205.
- Na vía, as pontes de Laxes e da Xaldiña/a Devesa e os pasos baixo ela en Suseixos e nas Regas.

Por pontes que non sexa!!!