venres, 30 de decembro de 2016

Os nomes da terra IV: O Coto do Outeiro

Para finalizar este 2016, retomamos a sección deste blog adicada á microtoponimia. Hoxe parámonos ante o nome O Coto do Outeiro. Trátase dunha elevación do terreo situada ao norte do lugar do Sino e á sombra do cal se construíu a antiga igrexa parroquial. Está poboado de carballos e o seu cume está formado por penedos.
O Coto do Outeiro en abril do 2015 // DFA

Poderiamos clasificar esta denominación como un tautopónimo, que son aqueles nomes de lugar que repiten o accidente xeográfico que designan. Composto por (O) Coto e (O) Outeiro, nomes á súa vez moi recorrentes na microtoponimia e toponimia maior:
* Na listaxe de topónimos do Trasdeza atopámonos o lugar do Coto na parroquia do Castro, mentres que Outeiro é lugar das parroquias de Escuadro, Manduas, Moalde, Negreiros e Silleda, e O Outeiro é un lugar de Breixa, Graba, Parada, Refoxos e Siador.
* Na microtoponimia de Ponte atopamos exemplos como O Coto de Laxes (elevación "xemelga" da que tratamos nesta publicación), O Coto das Gándaras, A Fonte do Outeiro...

Mais este nome de lugar ten un lixeiro matiz: aínda que o topónimo se refire ao total do conxunto, hai quen fai a distinción entre O Outeiro (que sería a elevación en xeral) e O Coto (para referirse exclusivamente ao cume do mesmo).

venres, 11 de novembro de 2016

Pereiro de Silleda: Vida e obra dun empresario dezao

O pasado venres día 4 a Casa da Cultura de Silleda acolleu o acto de presentación do libro "Pereiro de Silleda: Vida y obra de un empresario dezano". Como ben di o título, este libro recolle a vida e a obra de Perfecto Pereiro Castro (Xonxil, Noceda 1871 - Silleda, 1947), fundador da Hidroeléctrica de Silleda en 1915 e promotor da primeira central hidroeléctrica do concello, situada na parroquia de Ponte e coñecida por todos como "A Central de Pereiro".
Retrato de Perfecto Pereiro Castro // Arquivo PPL
Sobre este home, figura importante na historia de Silleda e de Ponte, xa falamos neste blog con anterioridade:
* Perfecto Pereiro e a luz en Silleda (3/2/2015)
Placa en homenaxe a Pereiro colocada no transformador situado a carón da igrexa de Ponte // DFA

Perfecto Pereiro Lázara, neto e afillado do homenaxeado e autor do libro, vai describindo neste as orixes deste empresario ou os negocios que botou a andar ao abeiro na enerxía eléctrica, entre outras cousas. É, a fin de contas, unha obra que recolle a historia da vila de Silleda da primeira metade do século XX.
Portada do libro realizada por José Antonio Fondevila.
Nesta obra, Pereiro Lázara dedica un apartado especial á parroquia de Ponte, debido á gran relación que mantivo seu avó con esta terra e cos seus veciños. Destaca a amizade que trabou o párroco don Manuel Sánchez Noya ou a Romaría de San Verísimo, á que acudía Pereiro coa súa familia.
Momento da presentación. No centro da mesa, o autor Perfecto P. L. // DFA
Este libro serve como recoñecemento a un home que, grazas á electricidade, levou o progreso á capital do Trasdeza. Isto tamén foi grazas á parroquia de Ponte, que en palabras do autor, "foi esa pequena parroquia que quitou a Silleda da escuridade".

luns, 24 de outubro de 2016

A gran oliveira das terras de Trasdeza

O pasado mes de abril, aparecía no diario dixital Galicia Hoxe un artigo de M. de Bran sobre exemplares de oliveiras das ribeiras do Ulla e das terras do Deza:

* Grandes oliveiras das terras da Ulla e Deza (Galicia Hoxe, 4/4/2016)

Neste, o autor fai un percorrido pola historia do cultivo desta árbore, os seus usos e apuntando referencias como o nome da parroquia de Olives (A Estrada), entre outras cousas. A continuación, trata varios casos de exemplares destacados como as do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra), a da casa da Buela en San Critovo de Reis (Teo) e a do cemiterio de Adina en Iria Flavia (Padrón). Como representante da comarca do Deza e do Trasdeza, o autor fala da oliveira situada a carón da igrexa de Ponte, a nosa oliveira.

Vista da oliveira (xuño 2016) // DFA
Sobre esta árbore, de gran relevancia na parroquia, xa falaramos no seu momento neste blog:
* Unha oliveira centenaria (17/10/2012).

Déixovos a continuación o extracto do artigo no que se fala desta árbore:

A oliveira de San Miguel de Ponte
Oliveira de San Miguel de Ponte // MB
Esta árbore monumental atópase na parroquia citada no título, no cemiterio do adro dela e diante da igrexa parroquial. Ponte é unha parroquia do concello de Silleda, distante uns tres quilómetros da capital do municipio. Está situada na ribeira esquerda do río Deza, que lle dá o nome a unha extensa comarca de máis de mil quilómetros cadrados, limítrofe coa de Tabeirós- Terra de Montes. Este río é o afluente máis longo e con máis subafluentes e caudal do Ulla, no que conflúe pola esquerda na parroquia de Santa Baia de Cira, única do concello de Silleda que chega a el. A confluencia dos dous ríos prodúcese no norte de Cira, punto no que non ten outro límite, despois de pasados os lugares de Vilacalva (Cira), Cirela (Santiago de Gres, a parroquia de Neira Vilas) e a ponte Cira. O lugar da confluencia está un pouco abaixo da ponte Ledesma, e chámase A Xunta (dos ríos), na que non hai moito se fixo unha área recreativa. Os dous forman o Sistema Fluvial Ulla-Deza.
A oliveira de ponte ten un pé moi gordo, que galla en dous poderosos polóns desde preto do chan. A coroa dela é arredondada coma unha gran boina escura, da altura dunha casa de dous pisos. Está ben coidada, e ten moita vitalidade. Nunca a viramos, nin a igrexa, que non ten o nome, pois como ocorre con outras moitas igrexas parroquiais, os da parroquia non llo poñen porque xa llo saben. Nós, ó atoparnos diante da igrexa cando fomos tirarlle a foto deste artigo, axiña nos decatamos de que era a de San Miguel de Ponte, polo que oiramos falar da grandeza da súa oliveira. Ou sexa, identificamos a igrexa pola oliveira.
Por estar esta árbore no cemiterio, hai entre os veciños da parroquia o dito irónico: “Ir para debaixo da oliveira”. Pero xa desde antigo a oliveira é símbolo da paz entre os vivos e dos mortos. Ó que se debe que as haxa en moitos cemiterios. 

Descoñecemos polo de agora a súa antigüidade, mais sabemos que non debe ser anterior a 1800, data de construción da antiga capela dos Remedios sobre a que se levantou o actual templo parroquial. Como afirma M. de Bran no seu artigo, é por todos coñecido o dito de "ir para debaixo da oliveira" cando se fai referencia á morte dun veciño (nalgún caso, esta afirmación é literal, pois arredor dunha ducia de nichos se atopan á sombra da árbore). Aínda que non se atopa catalogada como Árbore Senlleira, é parte esencial da historia de Ponte, pois o paso do tempo fixo que fose testemuña de innumerables conversas e acontecementos. Que continúe tan vigorosa e que sigamos disfrutando da súa sombra!

domingo, 9 de outubro de 2016

O patrimonio, en perigo

A parroquia de Ponte conta con diversos elementos arquitectónicos e arqueolóxicos que pasan desapercibidos ao público en xeral. Nos termos da mesma atopamos varios muíños (en desuso), a primeira central hidroeléctrica do concello (A Central de Pereiro, tamén en desuso), unha ponte que cruza o río Deza (A Ponte do Pozo Negro) e os restos doutra (A Ponte da Insua, que agarda a súa catalogación) e tamén o antigo adro parroquial de San Miguel. Chamado polos veciños O Cementerio Vello, O Atrio Vello ou A Iglesia Vella, este foi o lugar no que se situou a antiga igrexa de Ponte, do que xa se falou neste blog nos inicios do mesmo:
*A igrexa vella I (26 de setembro do 2012)
*A igrexa vella II (10 de outubro do 2012)

O Cementerio Vello // DFA

Son moitos os veciños de Ponte que a día de hoxe aínda se sorprenden ao saber deste emprazamento, e non é para máis. Hai que ter en conta que, desde o traslado da liturxia en 1863 á Capela dos Remedios (que se converteu na nova igrexa), o lugar apenas foi empregado como lugar de xogo dos máis cativos. Coas sucesivas reformas no novo templo, botouse man do material da igrexa vella ata o punto de non quedar nada máis que montóns de pedras pequenas de pouco valor para a construción. Conforme pasaron os anos, o antigo cemiterio convertiuse unicamente nun pequeno terreo pechado con algunhas árbores no seu interior.

A pesar da utilización da pedra da igrexa vella nas reformas da nova, aínda permaneceron neste recinto varias pedras con gravados ou labradas dunha determinada forma. Pero o seu descando neste lugar non foi precisamente eterno. De feito, un exemplo de desaparición dunha destas pedras "bonitas" tivo lugar hai uns anos. A segunte imaxe mostra un fragmento do que podería ser un sarcófago ou outro tipo de recipiente usado na igrexa. Esta imaxe foi tomada polo autor destas liñas no mes de abril do ano 2011, que tardaría máis dun ano en visitar de novo o lugar (xuño do 2012), percatándose da súa desaparición.
Pedra desaparecida do antigo cemiterio (2011) //DFA

Pero a cousa non quedou aí. Máis recentemente, aproximadamente hai dúas semanas, unha nova visita de quen escribe ao Atrio Vello revelou unha nova desaparición. Neste caso tratábase dunha pedra cadrada e de pouco grosor cun pequeno burato rectangular no seu centro que probablemente fose parte das pedras que cubrían unha sepultura. Esta estaba situada no muro occidental do adro antes da súa desaparición e, desafortunadamente, este autor non conta con ningunha imaxe da mesma.
Sinalado con liñas vermellas, o lugar que ocupaba a pedra. No seu lugar, foron colocadas varias pedras máis pequenas para disimular a falta // DFA

Sinalado con liñas vermellas, o lugar que ocupaba a pedra no valo oeste do adro // DFA
Estas e outras desaparicións unidas a algunha tentativa de desfacer este recinto durante o proceso de concentración parcelaria (na realización desta, a apertura dun camiño danou o recinto no lado oriental) fixeron e fan que futuras xeracións non poidan disfrutar o que os antepasados construíron coa suor das súas frontes e que non deixa de ser unha parte fundamental da historia desta parroquia. Manter e vixiar o noso patrimonio é o único xeito de que os que veñan tras de nós poidan admiralo.

luns, 3 de outubro de 2016

Fin de festa

Acabando setembro e dando comezo a outubro. Deste xeito tiveron lugar as festas de Ponte neste 2016. A fin de semana daba comezo o venres 30 de setembro, cando celebramos a sétima edición do Chourizo ao Viño, que contou coa actuación das orquestras Jerusalén e Galilea.
Montaxe das orquestras // DFA
Aspecto da carpa pola tarde // CCC
Momento da cea // CCC
Intre da actuación da Orquesta Jerusalén // CCC
Público atento á actuación da Orquesta Galilea // CCC
Como novidade, este ano un equipo do programa da TVG Vaia Troula desprazouse ata a nosa parroquia para filmar unha festa á que acudiron máis de medio milleiro de comensais:
* Ligazón ao programa emitido o domingo 2 de outubro: introdución (minuto 2:20) e reportaxe (minuto 17:50).

Ademais, a festa tivo a súa repercusión nos medios escritos:
*Récord de chorizos al vino en Ponte (Faro de Vigo, 01/10/2016).

E tamén nas redes sociais:


O sábado e o domingo completáronse coas honras a San Miguel e ao Carme, días que estiveron amenizados polos dúos Nueva Era e Máster e a Charanga Chourizo Criollo.

Tres días de festexos que foron un éxito grazas ao traballo da comisión organizadora e que tocaron á súa fin, pero xa coa mente posta nos do vindeiro ano, para os cales xa comezou a conta atrás.
Membros da comisión coa concelleira de turismo na presentación dos carteis // Bernabé

luns, 26 de setembro de 2016

VII Festa Gastronómica do Chourizo ao Viño

Un ano máis, e xa van sete, Ponte volve ser protagonista pola gastronomía. O vindeiro venres día 30 terá lugar a sétima edición do Chourizo ao Viño como primeiro acto da fin de semana festiva nesta parroquia. Ao igual que na edición do 2011, este evento culinario ten lugar a derradeira noite do mes de setembro e iniciando un cartel festivo que se completará os días 1 e 2 de outubro honrando a San Miguel e á Virxe do Carme, como podedes ver nas imaxes da progamación que seguen a este texto.

Os organizadores agardan repitir os éxitos de convocatorias anteriores e reunir a medio milleiro de persoas no campo da festa, acondicionado para a ocasión cunha carpa.
Novas relacionadas:
* Ponte se prepara para la Festa do Chourizo ao Viño (Faro de Vigo, 9/9/2016)
* A Festa do Chourizo ao Viño de Ponte, en la recta final (La Voz de Galicia, 24/9/2016)

Só queda agardar a que chegue o día para poder gozar dunha cea na compaña de familiares e amigos.

martes, 24 de maio de 2016

Olaia "descobre" as fervenzas de Ponte na súa Camiñada de Primavera

Así titula Faro de Vigo (nas súas páxinas comarcais do Deza-Tabeirós-Montes) no día de hoxe a noticia sobre a camiñada que o domingo 22 organizou a Asociación de Veciños Olaia de Silleda. Aquí vos deixo a ligazón á noticia e as fotos que a acompañan.
*Olaia "descubre" las cataratas de Ponte en su Camiñada de Primavera (Faro de Vigo, 24/05/2016)

Como demostran estas imaxes do río de Rosende, o patrimonio natural de Ponte é moi rico e variado e agarda a todo aquel que queira gozar del.

xoves, 19 de maio de 2016

De camiñada por Ponte

A Asociación de Veciños Olaia de Silleda organiza este domingo a súa Camiñada de primavera este domingo día 22. Esta ruta partirá da Praza do Siñor Afranio de Silleda e percorrerá diversos lugares da nosa parroquia e da de Vilar.


Mapa do percorrido da camiñada, elaborado por Francisco Blanco.
Quen se anima a descubrir os pequenos lugares con encanto que se agochan nesta zona?

martes, 29 de marzo de 2016

A escola de Ponte

Con motivo da publicación no xornal Faro de Vigo de tres artigos sobre a ensinanza en Silleda escritos polo historiador Perfecto Pereiro Lázara, que vos poño a continuación:
* La enseñanza en Galicia y en Silleda (I) (13-03-16)
* La escuela de los años 20 en Silleda (II) (20-03-16)
* La escuela de la postguerra en Silleda (y III) (27-03-16),
tráiovos unha imaxe da que noutro tempo foi a escola de Ponte. O edificio, propiedade da Casa de Fernández de Casderrei, non só se destinaba ao ensino. A planta alta (fachada que se ve na fotografía) estaba divida en dúas estancias: o local da escola e outra parte usada polos donos. A planta baixa (e soterrada na imaxe) estaba destinada a establo e cortes de gando.
Edificio no que se atopaba a escola de Ponte. Imaxe de marzo de 2013 // D.F.A.
Varias xeracións de veciños da parroquia pasaron por esta aula. Moitos deles foron alumnos do mestre don Severiano González Tábora, do que se gardan innumerables anécdotas. Da escola xa non queda nada, pois este edificio foi remodelado recentemente polo novo propietario, pero sempre permanecerá nas mentes daqueles que comezaron a súa formación nela.

martes, 2 de febreiro de 2016

Ponte en 1956

Para comezar as publicacións deste 2016, déixovos unha instantánea histórica da nosa parroquia.

Esta que vedes é a imaxe correspondente á parroquia de Ponte, tomada polo "voo americano" de 1956-1957. Distínguense claramente o trazado da vía do ferrocarril (inaugurada en setembro de 1958) e a gran curva que forma na zona de San Miguel. Se queredes comparar esta imaxe con imaxes actuais, podedes facelo nesta ligazón.

Máis info sobre isto en:
*60 anos do 'voo americano': Así cambiou Galicia (Praza Pública, 2-feb-2016)