Amosando publicacións coa etiqueta PO-205. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PO-205. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de xullo de 2013

De ponte en ponte

Aínda que o seu nome se deba á desaparecida ponte da Insua, a parroquia de Ponte conta na actualidade con algo máis dunha ducia destas construcións, ben sexan pontes, viadutos ou pasos. Velaquí a recompilación:
- Sobre o río Deza: o viaduto da PO-205 (aínda que realmente xa está nos termos de Saídres) e a ponte do Pozo Negro.

- Tres pontes sobre o río da Mera en Rosende.
- O Pontillón, sobre o regueiro de Meixomence.
- Na AP-53, dúas pontes sobre ela (en Guncín e no Monte de Arriba), un paso por debaixo na saída e a que cruza a PO-205.
- Na vía, as pontes de Laxes e da Xaldiña/a Devesa e os pasos baixo ela en Suseixos e nas Regas.

Por pontes que non sexa!!!

luns, 1 de abril de 2013

Incoherencias da PO-205

Fai un tempo, colocaron uns sinais indicadores a carón da PO-205, a estrada que une Silleda con Vila de Cruces. Neles aparece a distancia desde o lugar onde os colocaron a cada un dos núcleos urbanos antes citados. O que me chamou a atención foi a falta de coherencia das cifras dos quilómetros. Explícovos: nos primeiros, localizados na Chanca, na intersección desta estrada coas pistas procedentes do Castro e de Vilar, pon que Silleda se atopa a 3 km, mentres que a distancia con Vila de Cruces é de 12 km; mentres, os segundos, colocados no cambio de sentido en Trasdosisto, sinalan que Silleda dista 3 km e a capital cruceña  se atopa a 11.5.



Quere dicir isto, que conforme nos aproximamos a Vila de Cruces, Silleda séguese mantendo á mesma distancia de nós? Este é un fallo que se debería subsanar. Como? Pois poñendo na chanca que Silleda se atopa a 2.5 km, xa que no outro lugar é correcto o dato, pois nas proximidades se atopa o punto quilométrico 3. Esta é miña humilde opinión.

martes, 5 de febreiro de 2013

Onde o mundo se chama Casderrei

Situado na parte centro-norte da parroquia, atopamos o lugar de Casderrei. Os primeiros datos sobre este núcleo sacámolos dos foros da Encomenda de Beade sobre as terras desta parroquia, onde se menciona a existencia do casal de Rei, o casal de Trasfontao e o casal de Numelle, todo isto alá polos séculos XV e XVI. Mais tarde volve mencionarse no Catastro de Ensenada, do que xa falarei varias veces, destacando que neste lugar vivían un perito ou "agrimensor" e un arrieiro, entre outros.
Vista aérea. Copyright: Geoeye 2013
Por último, pódese salientar a súa proximidade á estrada PO-205, así como a existencia de dúas fontes neste lugar: a Fonte da Nugalla, hoxe desaparecida, e a Fonte de Outeiro, da que mana o rego da Regueira, afluente do Deza.