domingo, 27 de setembro de 2020

A romaría do San Verísimo de Ponte

Publicado en Faro de Vigo - Deza/Tabeirós (27/09/2020).

Nun ano atípico debido á COVID-19, moitas festas viron reducidos os seus actos ou simplemente canceláronse, co desexo de volver reforzadas cando a situación mellore. Pero en Galicia existiron ademais numerosas romarías ao longo da historia que se deixaron de realizar por diferentes motivos. Tal é o caso da festividade de San Verísimo na parroquia silledense de Ponte, cuxa última romaría campestre tivo lugar hai case cinco décadas. No presente artigo miraremos ao pasado para coñecer a historia deste santo e o seu culto nesta parte da marxe esquerda do río Deza.

A LENDA E O CULTO

Do termo latino verissimum ‘moi certo’ xurdiu un nome persoal que conta con tres formas similares noutros tantos idiomas: Breixo en galego, Veríssimo en portugués e Verísimo en castelán. Este nome fai alusión ao mártir lusitano do século III axustizado en tempos do emperador romano Diocleciano. Conta a lenda que, tras ser torturado xunto coas súas irmás Julia e Máxima, foron decapitados e os seus corpos foron dados como comida ás feras, que os respectaron. Á vista disto, tiráronos ao mar con pedras atadas para que afundisen, pero o mar devolveunos á terra, sendo finalmente soterrados de xeito clandestino. Parte das reliquias destes santos atópanse na actualidade no mosteiro  de Santos-o-novo, na cidade de Lisboa. O culto a San Verísimo, avogoso da reuma e cuxa festividade se estableceu o 1 de outubro, estendeuse polo noroeste peninsular, festexándose en numerosas parroquias de Galicia como Barro, Parga, Sergude (Boqueixón), Foxás (Touro), Ferreiros (O Pino), Berán (Leiro), Arcos (Ponteareas), Arcos de Furcos (Cuntis), Oza (Carballo), Lamas (A Estrada), Seixalbo (Ourense), Queiroás (Allariz)...; nas provincias de León (Alija del Infantado, Valdeviejas) e Zamora (Alcubilla de Nogales) e, por suposto, no actual Portugal.

Igrexa de San Verísimo de Alija del Infantado (León) / Wikipedia

Igrexa de San Breixo de Barro / Wikipedia


O SAN VERÍSIMO EN PONTE

Coñecido dende sempre polo seu nome en castelán, o culto ao santo en Ponte non é fácil de datar con exactitude, pero supoñémolo anterior a 1859. Neste ano, segundo o libro de esmolas da capela dos Remedios, computáronse por vez primeira entre os gastos “cuarenta reales de fuego para el día de la función de San Verísimo”. Comezou sendo a segunda festividade da desaparecida ermida, pero pouco a pouco foi collendo unha gran popularidade. Co paso do tempo, este festexo acompañouse dunha romaría campestre ao remate dos oficios relixiosos, celebrada á sombra dos carballos do lugar de Tras do Sisto, parte deles situados no que hoxe é o campo da festa parroquial e que daquela formaban a Carballeira do Arrieiro de Rosende. A importancia desta romaría quedou reflectida no topónimo ‘O Campo do San Verísimo’, nome dado ao citado lugar de celebración.

Para acompañar os actos relixiosos e a verbena, era habitual a contratación de dúas bandas de música, sendo a de Silleda unha das fixas neste evento. Ademais, foi unha das primeiras romarías da comarca que se beneficiou da luz eléctrica, trala construción da central hidroeléctrica por parte do empresario Perfecto Pereiro Castro nesta parroquia en 1920. Alén da súa colaboración económica coa festa, Pereiro e a súa familia acudían todos os anos á romaría, tradición que continuaron os seus descendentes, pois xa se convertera nunha cita case obrigada para os veciños da vila de Silleda e arredores. Mediado o século XX, a festividade celebrouse de xeito discontinuo ata inicios da década de 1970, cando se celebraron as dúas últimas edicións, unha con notable éxito seguida doutra con moi pouca afluencia debido á coincidencia con outras festas da contorna. Isto fixo perder o interese en encargarse dos festexos, quedando reducidos unicamente á súa vertente relixiosa. A data na que se viñan celebrando as honras ao santo podía variar entre o 22 e o 28 de setembro, días entre os cales coincide o domingo anterior ao día do patrón (San Miguel, 29 de setembro). Pero co traslado das festas patronais á fin de semana máis próxima alá pola década de 1990, a misa solemne a San Verísimo pasou a ter lugar o domingo previo.

Estampa familiar na romaría do San Verísimo (anos 1950) /
Cedida por Perfecto Pereiro Lázara.

Sobre a imaxe do santo, debemos falar en plural xa que existen dúas tallas de San Verísimo, ambas actualmente expostas nos altares da igrexa parroquial. A máis antiga, de menor altura e que probablemente sexa a orixinal, foi substituída por outra de maiores dimensións, doada en 1912 por Balbina Golmar Cacheda da Casa de Fernández de Casderrei. Estas imaxes gardan certas similitudes en canto aos atributos do santo: un coitelo no pescozo como sinal da súa decapitación e unha palma nunha das mans como símbolo do seu martirio. Ademais, a imaxe nova ten unha cruz na outra man, elemento que parece faltar da talla antiga, e ambas portan vestimentas que lembran ás das persoas da clase alta romana. Pero a pesar das súas semellanzas, existe unha gran diferenza entre elas: mentres que a máis nova ten os ollos abertos, a antiga parece telos pechados. Este detalle ocasionou unha divertida anécdota protagonizada por unha veciña do lugar da Regueira. A muller, emigrada a principios do século XX a América, regresou anos despois e, tras ver a nova imaxe, comentou: “Cando marchei, San Verísimo tiña os ollos pechados e agora tenos abertos!”.



Imaxes antiga (século XIX) e nova (1912) de San Verísimo / DFA

Esta foi unha pequena visión da romaría do San Verísimo de Ponte, que chegou a ser en tempos a festividade máis soada da parroquia, nun mes de setembro no que tamén se concentran os actos na honra á Virxe dos Remedios e as festas patronais a San Miguel e á Virxe do Carme. Agardemos que axiña veñan días mellores para que estes festexos volvan á súa normalidade.

martes, 15 de maio de 2018

Andaina solidaria a favor do pobo saharaui

Dous anos despois de que a Asociación de Veciños Olaia de Silleda elixise Ponte como parte da súa camiñada de primavera, que tratamos neste blog:
*De camiñada por Ponte (19/5/2016)
*Olaia "descobre" as fervenzas de Ponte na súa Camiñada de Primavera (24/5/2016),
esta parroquia volve ser protagonista dunha andaina, neste caso con carácter solidario. Encadrada dentro dos actos do VI Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, que vén organizando  dende hai uns anos a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS) e na que colabora o Concello de Silleda, a recadación da inscrición nesta "Andaina pola contorna de Silleda" irá parar ao programa Vacacións en Paz, mediante o cal nenos procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis pasan os meses de xullo e agosto con familias de acollida en Galicia.
Sen dúbida unha boa proposta para este domingo coa que, ademais de gozar dun percorrido polas fermosas paisaxes do Trasdeza, se colabora cunha gran causa coma esta que leva a cabo SOGAPS.

luns, 9 de abril de 2018

Os nomes da terra V: A Torre

O dicionario da Real Academia Galega recolle o termo torre como unha construción estreita e alta que forma parte doutra máis ampla. No caso que traemos aquí, no lugar da Torre, nas proximidades de Rosende, non se conservan restos de ningunha construción deste tipo, aínda que tamén pode estár relacionado cun elemento do relevo como un penedo que sobresaíse polas súas dimensións.
Vista aérea da Torre // Visor de Información Xeográfica (modificada)
As terras que reciben o nome da Torre están situadas na marxe dereita do Regueiro de Rosende (ou río da Gouxa ou da Mera), nas proximidades da desembocadura do Regueiro de Meixomence neste, ao oeste dos núcleos habitados de Rosende e Piñeiro. Esta denominación aparece en diversos documentos ao longo da historia, como o foro de 1701 da Encomenda de Beade a varios veciños do antigo couto de Rosende, onde atopamos "Más la heredad y nabal da Torre, sembradura de nueve ferrados de pan, poco más o menos. Enfonda en el río da Mera y encima en heredad que poseen Pedro y Domingo de Outeiro, Pedro y Miguel Fernández, y de un lado en el camino real, y en el otro en el río do Piñeiro".  O camiño real aquí citado sería a antiga vía que conectaba a parroquia de Vilar con Rosende (en laranxa na imaxe superior), atravesando esta paraxe e cruzando o citado regueiro pola Ponte da Picota.

Tamén no Catastro de Ensenada (1753) atopamos referencias a esta denominación de repetidas ocasións: A Torre, A Torre de Abajo, Monte da Torre ou A Torre de Berdeal.  Convén dicir que este nome aparece moitas veces acompañado polos complementos "dos Condes" ou "dos Outeiros", en alusión a senllas familias propietarias destes terreos. Por exemplo, na referencia do Catastro de Ensenada, atopamos a dous membros da segunda das familias. 

No pasado ano 2016, A Torre foi centro de atención nos medios escritos pola descuberta dunha serie de petróglifos, que constitúen a primeira estación rupestre da parroquia (en vermello na imaxe). 
Petróglifos da Torre // D.G.A.
Para máis información sobre este achado, podedes consultar a descrición que fixo o investigador lalinense Daniel González Alén en:
*Un novo achado de petróglifos na parroquia de Ponte, La Voz de Galicia. Deza-Tabeirós (17/12/2016).

martes, 3 de abril de 2018

Ponte nos dominios da Igrexa III: Meixomence

A primeira referencia documental sobre Meixomence data do 28 de marzo de 1085. Nun documento  de compravenda entre os irmáns Paio e Martiño Velázquez, no que o primeiro vendía ao segundo unhas herdades no lugar de Arcos, na parroquia de Graba, aparece mencionado o lugar de Meisomenz. Cunha grafía similar (Megimenci ou Mexemence), aparece de novo mencionado en documentos do século XII, nos que se enumeran as propiedades de Guntroda Suárez, fundadora en 1154 do mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón, do cal tamén foi abadesa. As súas posesións atopábanse dispersas por toda a Terra de Deza e acabounas doando ao mosteiro. Era dona dalgunhas en Meixomence, así como outras no lugar de Meitiriz, do cal os expertos indican a súa localización en Ponte, aínda non puidemos dar co seu emprazamento exacto.

Vista do lugar de Meixomence // DFA

Non debemos pasar por alto falar sobre couto de Rosende neste repaso da historia de Meixomence. Esta entidade xurídica, da cal descoñecemos a data de orixe ou fundación, integraba este lugar e o de Rosende e estaba rexida pola Encomenda de Beade, dependente da Orde Militar de San Xoán de Xerusalén. Temos constancia de varios foros outorgados por esta institución. Pero esta non foi a única, pois tamén o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, priorado dependente do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario dende 1500, posuía propiedades neste lugar, do que dan boa fe senllos foros outorgados en 1576 e 1654 respectivamente. O primeiro deles foi dado á Marquesa Yáñez por tres voces e sabemos que se foi prorrogando ata 1830, cando aínda Juan Costoya e outros veciños pagaban a renda orixinal de catro ferrados de centeo; mentres que o segundo nos pon na pista doutras dúas institucións eclesiásticas con posesións en Meixomence, como podemos ler no seguinte extracto: "más otra leira en el Agro de la Fontiña, que llevará en sembradura dos ferrados de pan y demarca con heredades de la Abadesa de San Payo de Antealtares de la ciudad de Santiago y por otro lado con heredad de dicho comendador de Beade, y por otra parte con heredad de los herederos de Juan de Negreiros, difunto que es del lugar del convento de Aciveiro y de otra parte con el Monte da Cruz". Tratábanse dos mosteiros de Antealtares, do que dependía o trasdezao de San Pedro de Ansemil, e do de Santa María de Aciveiro (Forcarei). De Ansemil temos coñecemento de dous foros outorgados en 1422 e 1636 e sobre Aciveiro coñecemos a renda que pagaban algúns veciños do lugar grazas ao que que quedou rexistrado no Catastro de Ensenada.

(Fragmento do artigo "Onde o mundo se chama Meixomence", Faro de Vigo (30/09/2017))

xoves, 1 de febreiro de 2018

Ponte na app Strava

A finais do 2017, a aplicación móbil Strava publicou un mapa cos percorridos que fixeron a pé, en bicicleta ou a nado os seus usuarios. Aínda que non co mesmo volume ca nas grandes cidades, a parroquia de Ponte tamén é frecuentada por persoas que gozan dunha boa camiñada ou paseo en bicicleta.
Mapa de calor da zona de Ponte // labs.strava.com
Na imaxe podemos ver os percorridos que realizaron os usuarios desta aplicación na zona de Ponte. As cores máis claras indican un maior volume de circulación, mentres que as corres máis escuras mostran percorridos menos usados. Descatan principalmente as estradas da contorna, así como certas pistas interparroquiais, moitas delas coñecidas como "rutas do colesterol".

Máis información en:

mércores, 20 de setembro de 2017

A capela dos Remedios de Ponte (e II)

Segunda parte do artigo publicado orixinalmente en Faro de Vigo (13-09-15).

Véxase a primeira parte en A capela dos Remedios de Ponte (I).

Nos primeiros anos do culto aos Remedios, hai constancia de ofrendas que facían os devotos e que posteriormente eran poxadas no día da festividade da Virxe. Estas poxas públicas realizaríanse ao aire libre, fóra do templo, que carecía aínda de adro. Isto solucionouse en 1805, cando lle aconsellaron ao párroco a construción dun “atrio a la circunferencia de esta capilla con su puerta cerrada para que no entren los ganados". O muro de dito adro así como a porta serían construídos no ano seguinte. Este muro sería refeito uns cincuenta anos despois, entre 1854 e 1855. Así mesmo, para velar polo coidado da capela, instáuranse dous cargos: o mayordomo ou mordomo, encargado de recoller as limosnas durante todo o ano e o día da festividade da Virxe, así como ocuparse do festexo; e o depositario, encargado de gardar tales limosnas e con elas asumir os gastos da capela. En 1813, ningún veciño ocupou o cargo de mordomo e é neste ano onde aparece a primeira referencia ao músico que amenizaba a festa. Poida que neste solista estea o xermolo da actual Banda de Música de Silleda.
Imaxe da Virxe dos Remedios // DFA (2013)
Na década de 1830, a capela recibiu unha doazón de 400 reais por parte dun cóengo de Tui, don Francisco Antonio Piñeiro de Solveira, co fin de levantar a capela maior ou presbiterio deste santuario. Anos máis tarde procedeuse á primeira gran reforma do templo: o canteiro Manuel Gil traballou na construción do presbiterio e no novo alzado das paredes da nave e o carpinteiro José da Riba levou a cabo a cubrición da capela maior, mentres que Manuel Paz foi quen cubriu a nave. No ano 1843, tivo lugar a misa de nova bendición da capela. En 1844 completouse a obra, embaldosando o interior e construíndo as gradarías do altar. Os gastos do ano 1846 revélannos que a capela contaba con tres pequenas ventás ou tragaluces, pois foron precisos ese mesmo número de vidros para colocar neles. Ademais, construíuse a tribuna e encargouse en 1848 unha campá a Agustín Taboada. Nesta época instalouse na capela un retablo procedente do Mosteiro de Carboeiro, ademais doutro que se instalou na igrexa de San Miguel, trala desamortización dos bens do convento.

En 1850, dende o Bispado recomendaron que se fixese un rebaixe de terra no costado oeste do atrio da capela, lado no que se levantaría a sancristía, pois a capela atopábase nunha leve pendente e era propensa a inundarse pola porta que tiña nese lateral. Ambas obras realizáronse nos anos seguintes: en 1851 os canteiros Pedro Taboada e Manuel Ribas levantaron as paredes da sancristía e cubriuse no ano seguinte e tamén se levou a cabo o rebaixe de terra. No ano 1853 tivo que levantarse a espadana (mal chamada campanario) pois fora derrubada por unha gran tempestade ese mesmo ano.
Imaxe de San Verísimo // DFA (2013)
Como xa se dixo, na capela tamén se celebraba o culto a San Verísimo, nome castelán co que é coñecido San Breixo nesta parroquia e cuxa primeira referencia atopamos no ano 1859. A este santo estaría dedicada unha gran romaría campestre de recoñecida sona na comarca e que acabou por esmorecer co tempo a mediados do século XX. Porén, quedou como recordo da mesma o nome do lugar onde se celebraba: o Campo do San Verísimo.

Arredor de 1860 tamén se procedeu a embaldosar de novo o presbiterio, traballo que levou a cabo Benito Míguez, veciño de Cortegada. En 1861 tivo lugar a festividade da Virxe o día 15 de setembro, algo excepcional pois esta víñase celebrando (e seguiuno facendo) o segundo domingo do mes, que como moito pode ser o día 14. Entre 1862 e 1863, procedeuse ao embaldosado da nave da capela, realizado por Juan Sánchez, veciño de Vilar. Desde 1863 a capela acolleu tamén as festividades do San Miguel e da Virxe do Carme, patróns da parroquia, e a partir de 1866 as referencias á función do San Verísimo son constantes, o que fai pensar no auxe desta festa.

Para rematar este percorrido pola historia da capela, convén dar un apuntamento final: as terras que a rodeaban deron en coñecerse como o Agro da Capilla, topónimo que aínda hoxe se conserva. Daquela capela xa non queda nada, pois a partir dela construíuse a actual igrexa parroquial, que gardou a mesma orientación que a capela. O novo templo é o que acolle na actualidade a misa na honra á Virxe e son numerosos os devotos que seguen a encher este lugar cada segundo domingo de setembro, continuando cun culto aos Remedios que se remonta 215 anos no tempo e que ocupa un sitio privilexiado na historia de Ponte.

xoves, 14 de setembro de 2017

A capela dos Remedios de Ponte (I)

Primeira parte do artigo publicado orixinalmente en Faro de Vigo (13-09-15).
Aínda que existe o topónimo A Ermida cuxa orixe é descoñecida, podemos afirmar que só hai constancia de dous templos na parroquia de Ponte, en Silleda: a primitiva igrexa parroquial, hoxe desaparecida, e a capela da Nosa Señora dos Remedios, reconvertida na actual igrexa parroquial en 1863. O inicio do culto a esta advocación mariana data de comezos do século XIX, cando se erixiu un pequeno santuario para albergar aos devotos da Virxe, situado ás aforas do lugar de Rosende. Daquela este daba nome a un couto xurisdicional baixo o poder da Orde de San Xoán de Xerusalén e que estaba dividido entre as parroquias de Ponte e Vilar.
En el lugar y coto de Rosende, feligresía de san Miguel de Ponte”, o día 26 de decembro do ano 1799, catro veciños (Pedro Criado, da metade de Ponte, e Domingo do Campo, Caetano Fernández e Gabriel Fernández, os tres da parte de Vilar) presentáronse ante o escribán Fructuoso de Pol e Taboada, domiciliado no Foxo de Silleda, para outorgar un dote a unha pequena capela. Así, no documento dotal, estes veciños declararon que “(. . .) ellos y más vecinos a imitación de sus antepasados siempre han tenido intención de fundar una capilla advocación de Nuestra Señora del Remedio para en ella celebrar el Santo Sacrificio de la misa y otras oraciones respecto a la larga distancia que hay desde este lugar referido a una y otra parroquia (. . .)”, en referencia ás respectivas igrexas parroquiais de Ponte e de Vilar e tamén motivados probablemente por circunstancias adversas que asolaron o lugar (malas colleitas por culpa da néboa, inundacións. . .) debido á proximidade do regueiro de Rosende. O dote da capela consistía en doce ferrados de centeo anuais, para o cal os outorgantes hipotecaron a denominada Chousa do Gandarón, cunha produción de cincuenta ferrados de centeo, con carballos nas marxes e pechada sobre si. Así mesmo, piden ao bispo que “(…) se sirva admitir esta escritura y conceder su licencia y permiso para que se pueda hacer y fabricar dicha capilla en los términos de este motivado lugar y coto (…)”, impoñéndose a eles mesmos unha obriga “(…) con sus personas y bienes muebles y raíces presentes y futuras de hacer cierta y segura la dotación que llevan hecho (…)”. Ante a falta dun documento no arquivo parroquial que acreditase a renda mencionada e quen a debía asumir, en 1815 o párroco don Francisco Seoane Montero solicita unha copia da acta dotal ao escribán José López Taboada, que ocupaba o posto de Fructuoso Pol Taboada, xa falecido.
Intre da procesión dos Remedios o 8 de setembro do 2013 // DFA

A súa construción tivo lugar entre 1800 e 1801 ás aforas do lugar de Rosende, orientando a porta grande cara o suroeste. En agosto de 1801 estivo a piques de ser suspendido o culto por non ser inspeccionada, pero a intercesión de don Pedro Antonio Varela, párroco de Ponte ata 1809, impediu a clausura da mesma: “(. . .) Y aunque la capilla de Ntra. Señora de los Remedios se debía suspender absolutamente por no haber recibido visita, condescendiendo con los ruegos de este párroco, queda suspensa interín no la visite el de Graba y se cerciore de su decencia interior, como si el cáliz y ornamentos que le presentaron cuando bendijo esta capilla son o no suyos, pues según informes se usó y usa de otros, y para que igualmente tome cuenta y razón de la inversión de algunas caridades con que concurren los fieles, haciendo formar libro de cuenta para lo sucesivo”. Trala visita de don Juan López Casariego, párroco de Graba, o 31 de agosto dese mesmo ano, o culto continuou con normalidade: “(. . .) pasé a visitar la Capilla de Ntra. Sa. de los Remedios y hallándola decente en su interior y cerciorando de que el cáliz y ornamentos son propios de la capilla, declaro que se puede celebrar en ella y celebré el Santo Sacrificio de la misa, y mediante hasta ahora no ha habido donativos a favor de dicha capilla, a excepción de cáliz y la corona de la Virgen, no tuve que tomar razón, y en lo sucesivo se formará libro”.

O libro de contas ou Libro de las limosnas de la Virgen de los Remedios iniciouno don Pedro Antonio Varela en 1803, sendo clausurado polo párroco don Narciso Rodríguez en 1873, dez anos despois de que se trasladase a liturxia para esta capela. Nas propias palabras deste último, que atendeu a parroquia entre 1846 e 1878, “no se toman más cuentas al mayordomo de la Virgen por no reunir en su poder ninguna limosna, pues la poca que se junta dentro de la parroquia, pues fuera no se pide, la llevan unos cuantos devotos del pueblo de Rosende que se ofrecieron por algunos años costear las funciones de la capilla, que son los Remedios y San Verísimo, dándole para ayuda de dichas funciones las limosnas que se juntasen en todo el año incluso las cajas, que toda ella llega a muy poco para dichas funciones, por cuya razón ninguna cuenta hay que clausurar en este libro".

Segunda parte en A capela dos Remedios de Ponte (e II)