martes, 26 de febreiro de 2013

Unha cuestión de lindes

A construción das instalacións da Feira Internacional de Galicia no sur da nosa parroquia, no límite coa parroquia de Silleda, deu pé a que a poboación de Silleda (concello) pense que a totalidade deste recinto foi edificado na parroquia de Santa Baia. Pero isto non é así. Atendendo a razóns históricas, o linde entre Ponte e Silleda transcorre a través deste recinto, de leste a oeste, coincidindo case coa dirección marcada pola pista que une Rosende con Silleda, que termina no medio da Costa de Outeiro. Está claro que se seguimos esta liña, a Ponte corresponderíalle o lugar das Casas do Monte, pero este pasou no século XIX a depender da parroquia veciña. Nembargante, o resto do lindeiro permaneceu igual ata o de agora.

Vista aérea da zona. Copiright: Digitalglobe 2013
Valla como proba das miñas verbas unha anécdota sacada da tradición oral de Ponte. Sucedeu entre finais do XIX e comezos do XX. Un veciño da nosa parroquia falecera na de Silleda e, como era costume no caso de traslados de defuntos por varias parroquias, varios homes de Silleda levaban o cadaleito precedida pola cruz parroquial en mans do sancristán. Ao chegar ao linde na Costa de Outeiro, onde esperaban os de Ponte, o sancristán de Silleda fixo amago de querer deixar atrás a estes e continuar uns metros máis, pero o sancristán de Ponte paroulle os pés. Este argumentou que xa chegara ao estremo, mentres que o primeiro, sorprendido, creu que o límite era máis adiante. Unha vez se pasaron a caixa, abandonar ningún dos homes de cada lado os terreos da súa parroquia, botaron a andar cara a igrexa de Ponte, non sen antes comparar o sancristán de Ponte a nosa cruz parroquial coa de Silleda (ao parecer de peor calidade).

Quero dicir con isto que, á hora de trazar os límites parroquiais, se atenda á historia dos mesmos, así como á tradición popular, xa que é esta a que nos aporta suficientes datos coma para que non nos equivoquemos.

martes, 5 de febreiro de 2013

Onde o mundo se chama Casderrei

Situado na parte centro-norte da parroquia, atopamos o lugar de Casderrei. Os primeiros datos sobre este núcleo sacámolos dos foros da Encomenda de Beade sobre as terras desta parroquia, onde se menciona a existencia do casal de Rei, o casal de Trasfontao e o casal de Numelle, todo isto alá polos séculos XV e XVI. Mais tarde volve mencionarse no Catastro de Ensenada, do que xa falarei varias veces, destacando que neste lugar vivían un perito ou "agrimensor" e un arrieiro, entre outros.
Vista aérea. Copyright: Geoeye 2013
Por último, pódese salientar a súa proximidade á estrada PO-205, así como a existencia de dúas fontes neste lugar: a Fonte da Nugalla, hoxe desaparecida, e a Fonte de Outeiro, da que mana o rego da Regueira, afluente do Deza.

luns, 4 de febreiro de 2013

Puenting

Xa falara disto no mes de outubro, cando unha das concursantes do programa "O clan dos impostores" o practicara, pero de novo volve ser noticia a práctica do puenting no viaduto da PO-205 sobre o Deza.
Aquí vos deixo a ligazón para que leades a noticia:

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2013/02/03/salto-vacio-silleda/751626.html