Amosando publicacións coa etiqueta iglesia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta iglesia. Amosar todas as publicacións

mércores, 20 de setembro de 2017

A capela dos Remedios de Ponte (e II)

Segunda parte do artigo publicado orixinalmente en Faro de Vigo (13-09-15).

Véxase a primeira parte en A capela dos Remedios de Ponte (I).

Nos primeiros anos do culto aos Remedios, hai constancia de ofrendas que facían os devotos e que posteriormente eran poxadas no día da festividade da Virxe. Estas poxas públicas realizaríanse ao aire libre, fóra do templo, que carecía aínda de adro. Isto solucionouse en 1805, cando lle aconsellaron ao párroco a construción dun “atrio a la circunferencia de esta capilla con su puerta cerrada para que no entren los ganados". O muro de dito adro así como a porta serían construídos no ano seguinte. Este muro sería refeito uns cincuenta anos despois, entre 1854 e 1855. Así mesmo, para velar polo coidado da capela, instáuranse dous cargos: o mayordomo ou mordomo, encargado de recoller as limosnas durante todo o ano e o día da festividade da Virxe, así como ocuparse do festexo; e o depositario, encargado de gardar tales limosnas e con elas asumir os gastos da capela. En 1813, ningún veciño ocupou o cargo de mordomo e é neste ano onde aparece a primeira referencia ao músico que amenizaba a festa. Poida que neste solista estea o xermolo da actual Banda de Música de Silleda.
Imaxe da Virxe dos Remedios // DFA (2013)
Na década de 1830, a capela recibiu unha doazón de 400 reais por parte dun cóengo de Tui, don Francisco Antonio Piñeiro de Solveira, co fin de levantar a capela maior ou presbiterio deste santuario. Anos máis tarde procedeuse á primeira gran reforma do templo: o canteiro Manuel Gil traballou na construción do presbiterio e no novo alzado das paredes da nave e o carpinteiro José da Riba levou a cabo a cubrición da capela maior, mentres que Manuel Paz foi quen cubriu a nave. No ano 1843, tivo lugar a misa de nova bendición da capela. En 1844 completouse a obra, embaldosando o interior e construíndo as gradarías do altar. Os gastos do ano 1846 revélannos que a capela contaba con tres pequenas ventás ou tragaluces, pois foron precisos ese mesmo número de vidros para colocar neles. Ademais, construíuse a tribuna e encargouse en 1848 unha campá a Agustín Taboada. Nesta época instalouse na capela un retablo procedente do Mosteiro de Carboeiro, ademais doutro que se instalou na igrexa de San Miguel, trala desamortización dos bens do convento.

En 1850, dende o Bispado recomendaron que se fixese un rebaixe de terra no costado oeste do atrio da capela, lado no que se levantaría a sancristía, pois a capela atopábase nunha leve pendente e era propensa a inundarse pola porta que tiña nese lateral. Ambas obras realizáronse nos anos seguintes: en 1851 os canteiros Pedro Taboada e Manuel Ribas levantaron as paredes da sancristía e cubriuse no ano seguinte e tamén se levou a cabo o rebaixe de terra. No ano 1853 tivo que levantarse a espadana (mal chamada campanario) pois fora derrubada por unha gran tempestade ese mesmo ano.
Imaxe de San Verísimo // DFA (2013)
Como xa se dixo, na capela tamén se celebraba o culto a San Verísimo, nome castelán co que é coñecido San Breixo nesta parroquia e cuxa primeira referencia atopamos no ano 1859. A este santo estaría dedicada unha gran romaría campestre de recoñecida sona na comarca e que acabou por esmorecer co tempo a mediados do século XX. Porén, quedou como recordo da mesma o nome do lugar onde se celebraba: o Campo do San Verísimo.

Arredor de 1860 tamén se procedeu a embaldosar de novo o presbiterio, traballo que levou a cabo Benito Míguez, veciño de Cortegada. En 1861 tivo lugar a festividade da Virxe o día 15 de setembro, algo excepcional pois esta víñase celebrando (e seguiuno facendo) o segundo domingo do mes, que como moito pode ser o día 14. Entre 1862 e 1863, procedeuse ao embaldosado da nave da capela, realizado por Juan Sánchez, veciño de Vilar. Desde 1863 a capela acolleu tamén as festividades do San Miguel e da Virxe do Carme, patróns da parroquia, e a partir de 1866 as referencias á función do San Verísimo son constantes, o que fai pensar no auxe desta festa.

Para rematar este percorrido pola historia da capela, convén dar un apuntamento final: as terras que a rodeaban deron en coñecerse como o Agro da Capilla, topónimo que aínda hoxe se conserva. Daquela capela xa non queda nada, pois a partir dela construíuse a actual igrexa parroquial, que gardou a mesma orientación que a capela. O novo templo é o que acolle na actualidade a misa na honra á Virxe e son numerosos os devotos que seguen a encher este lugar cada segundo domingo de setembro, continuando cun culto aos Remedios que se remonta 215 anos no tempo e que ocupa un sitio privilexiado na historia de Ponte.

xoves, 14 de setembro de 2017

A capela dos Remedios de Ponte (I)

Primeira parte do artigo publicado orixinalmente en Faro de Vigo (13-09-15).
Aínda que existe o topónimo A Ermida cuxa orixe é descoñecida, podemos afirmar que só hai constancia de dous templos na parroquia de Ponte, en Silleda: a primitiva igrexa parroquial, hoxe desaparecida, e a capela da Nosa Señora dos Remedios, reconvertida na actual igrexa parroquial en 1863. O inicio do culto a esta advocación mariana data de comezos do século XIX, cando se erixiu un pequeno santuario para albergar aos devotos da Virxe, situado ás aforas do lugar de Rosende. Daquela este daba nome a un couto xurisdicional baixo o poder da Orde de San Xoán de Xerusalén e que estaba dividido entre as parroquias de Ponte e Vilar.
En el lugar y coto de Rosende, feligresía de san Miguel de Ponte”, o día 26 de decembro do ano 1799, catro veciños (Pedro Criado, da metade de Ponte, e Domingo do Campo, Caetano Fernández e Gabriel Fernández, os tres da parte de Vilar) presentáronse ante o escribán Fructuoso de Pol e Taboada, domiciliado no Foxo de Silleda, para outorgar un dote a unha pequena capela. Así, no documento dotal, estes veciños declararon que “(. . .) ellos y más vecinos a imitación de sus antepasados siempre han tenido intención de fundar una capilla advocación de Nuestra Señora del Remedio para en ella celebrar el Santo Sacrificio de la misa y otras oraciones respecto a la larga distancia que hay desde este lugar referido a una y otra parroquia (. . .)”, en referencia ás respectivas igrexas parroquiais de Ponte e de Vilar e tamén motivados probablemente por circunstancias adversas que asolaron o lugar (malas colleitas por culpa da néboa, inundacións. . .) debido á proximidade do regueiro de Rosende. O dote da capela consistía en doce ferrados de centeo anuais, para o cal os outorgantes hipotecaron a denominada Chousa do Gandarón, cunha produción de cincuenta ferrados de centeo, con carballos nas marxes e pechada sobre si. Así mesmo, piden ao bispo que “(…) se sirva admitir esta escritura y conceder su licencia y permiso para que se pueda hacer y fabricar dicha capilla en los términos de este motivado lugar y coto (…)”, impoñéndose a eles mesmos unha obriga “(…) con sus personas y bienes muebles y raíces presentes y futuras de hacer cierta y segura la dotación que llevan hecho (…)”. Ante a falta dun documento no arquivo parroquial que acreditase a renda mencionada e quen a debía asumir, en 1815 o párroco don Francisco Seoane Montero solicita unha copia da acta dotal ao escribán José López Taboada, que ocupaba o posto de Fructuoso Pol Taboada, xa falecido.
Intre da procesión dos Remedios o 8 de setembro do 2013 // DFA

A súa construción tivo lugar entre 1800 e 1801 ás aforas do lugar de Rosende, orientando a porta grande cara o suroeste. En agosto de 1801 estivo a piques de ser suspendido o culto por non ser inspeccionada, pero a intercesión de don Pedro Antonio Varela, párroco de Ponte ata 1809, impediu a clausura da mesma: “(. . .) Y aunque la capilla de Ntra. Señora de los Remedios se debía suspender absolutamente por no haber recibido visita, condescendiendo con los ruegos de este párroco, queda suspensa interín no la visite el de Graba y se cerciore de su decencia interior, como si el cáliz y ornamentos que le presentaron cuando bendijo esta capilla son o no suyos, pues según informes se usó y usa de otros, y para que igualmente tome cuenta y razón de la inversión de algunas caridades con que concurren los fieles, haciendo formar libro de cuenta para lo sucesivo”. Trala visita de don Juan López Casariego, párroco de Graba, o 31 de agosto dese mesmo ano, o culto continuou con normalidade: “(. . .) pasé a visitar la Capilla de Ntra. Sa. de los Remedios y hallándola decente en su interior y cerciorando de que el cáliz y ornamentos son propios de la capilla, declaro que se puede celebrar en ella y celebré el Santo Sacrificio de la misa, y mediante hasta ahora no ha habido donativos a favor de dicha capilla, a excepción de cáliz y la corona de la Virgen, no tuve que tomar razón, y en lo sucesivo se formará libro”.

O libro de contas ou Libro de las limosnas de la Virgen de los Remedios iniciouno don Pedro Antonio Varela en 1803, sendo clausurado polo párroco don Narciso Rodríguez en 1873, dez anos despois de que se trasladase a liturxia para esta capela. Nas propias palabras deste último, que atendeu a parroquia entre 1846 e 1878, “no se toman más cuentas al mayordomo de la Virgen por no reunir en su poder ninguna limosna, pues la poca que se junta dentro de la parroquia, pues fuera no se pide, la llevan unos cuantos devotos del pueblo de Rosende que se ofrecieron por algunos años costear las funciones de la capilla, que son los Remedios y San Verísimo, dándole para ayuda de dichas funciones las limosnas que se juntasen en todo el año incluso las cajas, que toda ella llega a muy poco para dichas funciones, por cuya razón ninguna cuenta hay que clausurar en este libro".

Segunda parte en A capela dos Remedios de Ponte (e II)

luns, 24 de outubro de 2016

A gran oliveira das terras de Trasdeza

O pasado mes de abril, aparecía no diario dixital Galicia Hoxe un artigo de M. de Bran sobre exemplares de oliveiras das ribeiras do Ulla e das terras do Deza:

* Grandes oliveiras das terras da Ulla e Deza (Galicia Hoxe, 4/4/2016)

Neste, o autor fai un percorrido pola historia do cultivo desta árbore, os seus usos e apuntando referencias como o nome da parroquia de Olives (A Estrada), entre outras cousas. A continuación, trata varios casos de exemplares destacados como as do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra), a da casa da Buela en San Critovo de Reis (Teo) e a do cemiterio de Adina en Iria Flavia (Padrón). Como representante da comarca do Deza e do Trasdeza, o autor fala da oliveira situada a carón da igrexa de Ponte, a nosa oliveira.

Vista da oliveira (xuño 2016) // DFA
Sobre esta árbore, de gran relevancia na parroquia, xa falaramos no seu momento neste blog:
* Unha oliveira centenaria (17/10/2012).

Déixovos a continuación o extracto do artigo no que se fala desta árbore:

A oliveira de San Miguel de Ponte
Oliveira de San Miguel de Ponte // MB
Esta árbore monumental atópase na parroquia citada no título, no cemiterio do adro dela e diante da igrexa parroquial. Ponte é unha parroquia do concello de Silleda, distante uns tres quilómetros da capital do municipio. Está situada na ribeira esquerda do río Deza, que lle dá o nome a unha extensa comarca de máis de mil quilómetros cadrados, limítrofe coa de Tabeirós- Terra de Montes. Este río é o afluente máis longo e con máis subafluentes e caudal do Ulla, no que conflúe pola esquerda na parroquia de Santa Baia de Cira, única do concello de Silleda que chega a el. A confluencia dos dous ríos prodúcese no norte de Cira, punto no que non ten outro límite, despois de pasados os lugares de Vilacalva (Cira), Cirela (Santiago de Gres, a parroquia de Neira Vilas) e a ponte Cira. O lugar da confluencia está un pouco abaixo da ponte Ledesma, e chámase A Xunta (dos ríos), na que non hai moito se fixo unha área recreativa. Os dous forman o Sistema Fluvial Ulla-Deza.
A oliveira de ponte ten un pé moi gordo, que galla en dous poderosos polóns desde preto do chan. A coroa dela é arredondada coma unha gran boina escura, da altura dunha casa de dous pisos. Está ben coidada, e ten moita vitalidade. Nunca a viramos, nin a igrexa, que non ten o nome, pois como ocorre con outras moitas igrexas parroquiais, os da parroquia non llo poñen porque xa llo saben. Nós, ó atoparnos diante da igrexa cando fomos tirarlle a foto deste artigo, axiña nos decatamos de que era a de San Miguel de Ponte, polo que oiramos falar da grandeza da súa oliveira. Ou sexa, identificamos a igrexa pola oliveira.
Por estar esta árbore no cemiterio, hai entre os veciños da parroquia o dito irónico: “Ir para debaixo da oliveira”. Pero xa desde antigo a oliveira é símbolo da paz entre os vivos e dos mortos. Ó que se debe que as haxa en moitos cemiterios. 

Descoñecemos polo de agora a súa antigüidade, mais sabemos que non debe ser anterior a 1800, data de construción da antiga capela dos Remedios sobre a que se levantou o actual templo parroquial. Como afirma M. de Bran no seu artigo, é por todos coñecido o dito de "ir para debaixo da oliveira" cando se fai referencia á morte dun veciño (nalgún caso, esta afirmación é literal, pois arredor dunha ducia de nichos se atopan á sombra da árbore). Aínda que non se atopa catalogada como Árbore Senlleira, é parte esencial da historia de Ponte, pois o paso do tempo fixo que fose testemuña de innumerables conversas e acontecementos. Que continúe tan vigorosa e que sigamos disfrutando da súa sombra!

xoves, 19 de setembro de 2013

Máis de dous séculos de Remedios

"1799. Ese é o ano ao que nos temos que remontar para atopar a orixe da romaría dos Remedios. Foi daquela cando catro veciños co lugar e couto xurisdiccional de Rosende dotaron con 12 ferrados de centeo anuais unha capela baixo a advocación de Nosa Señora dos Remedios. Conforme pasaban os anos, esta festividade congregaba a xentes dos arredores de Ponte, que ofrecían diversos obxectos que posteriormente se subastaban. Ademais, non faltaba a música, a cargo dun ou varios músicos, que podemos considerar como o xermolo da actual banda de Silleda.(...)"

Estracto do texto lido o 8 de setembro do 2013, festividade da Virxe, ante os devotos da mesma na igrexa parroquial de San Miguel de Ponte.


















Nas imaxes, tres momentos da procesión do día dos Remedios (8/9/13).

xoves, 5 de setembro de 2013

O mes de Ponte

Regresan as publicacións deste blogue para botar a vista atrás no tempo. Desta volta, déixovos unha foto de Ponte tomada un par de anos antes da concentración parcelaria. Tan pronto como a vexades, moitos recordaredes como estaba aquilo.
Cal é o por que desta foto? Pois como ben sabedes, setembro en Ponte é sinónimo de festa. Neste mes celebramos as tres festas da parroquia:
- Comezamos o vindeiro domingo 8 coa festa da Nosa Señora dos Remedios.
- O día 22 terá lugar a festividade de San Verísimo, que noutrora tivo unha gran romaría na súa honra.
- E por último, a derradeira fin de semana son as festas patronais, que comezarán o 27 (venres) coa IV Festa do Chourizo ao Viño, e continuarán o 28 e o 29 honrando a San Miguel e á Virxe do Carme.
Así que non vos queda outra que vir. Vémonos.

mércores, 17 de outubro de 2012

Unha oliveira centenaria.

E alí está ela, quieta, observando o que acontece ao seu arredor. As engurras da súa tona mostran o paso do tempo por ela. Ninguén sabe cando naceu ou quen a plantou, pero foi testemuña de moitas conversas e veu a moita xente recollerse baixo as súas pólas nos días de calor ou cando orballaba algo. "Sempre estivo alí", poderían dicir os nosos maiores ou dirían as persoas que estes coñeceron. Quizais desde que se constuíu a capela dos Remedios, quizais desde que o San Miguel se trasladou alí, nunca o saberemos. O certo é que poucas igrexas e poucas parroquias contan cunha especie arbórea, xa non digo antiga (que de seguro que as haberá máis vellas), que garde tantas historias coma a "nosa" oliveira. Tal é a súa importancia na historia parroquial que a frase "ir para debaixo da oliveira" (e non precisamente vivo) foi usada xeración tras xeración. Con estas humildes palabras fago unha pequena homenaxe a esta árbore, que como dixen ao comezo, alí está e desexo que se manteña ergueita por moitas xeracións máis.

A oliveira por Defuntos (2008)