venres, 30 de decembro de 2016

Os nomes da terra IV: O Coto do Outeiro

Para finalizar este 2016, retomamos a sección deste blog adicada á microtoponimia. Hoxe parámonos ante o nome O Coto do Outeiro. Trátase dunha elevación do terreo situada ao norte do lugar do Sino e á sombra do cal se construíu a antiga igrexa parroquial. Está poboado de carballos e o seu cume está formado por penedos.
O Coto do Outeiro en abril do 2015 // DFA

Poderiamos clasificar esta denominación como un tautopónimo, que son aqueles nomes de lugar que repiten o accidente xeográfico que designan. Composto por (O) Coto e (O) Outeiro, nomes á súa vez moi recorrentes na microtoponimia e toponimia maior:
* Na listaxe de topónimos do Trasdeza atopámonos o lugar do Coto na parroquia do Castro, mentres que Outeiro é lugar das parroquias de Escuadro, Manduas, Moalde, Negreiros e Silleda, e O Outeiro é un lugar de Breixa, Graba, Parada, Refoxos e Siador.
* Na microtoponimia de Ponte atopamos exemplos como O Coto de Laxes (elevación "xemelga" da que tratamos nesta publicación), O Coto das Gándaras, A Fonte do Outeiro...

Mais este nome de lugar ten un lixeiro matiz: aínda que o topónimo se refire ao total do conxunto, hai quen fai a distinción entre O Outeiro (que sería a elevación en xeral) e O Coto (para referirse exclusivamente ao cume do mesmo).