martes, 30 de outubro de 2012

Meixomence na historia

Segundo baixamos a costa de Outeiro cara a rotonda da Semana Verde, alviscamos un lugar agochado tras estas instalacións: é o lugar de Meixomence, o primeiro ao que se chega desde Silleda. Os primeiros datos históricos sobre esta aldea son do século XV, cando o couto de Beicomenzo (primeira denominación do lugar) estaba rexido polo arcebispo de Compostela e a encomenda de Beade. Esta última era unha orde militar católica á súa vez dependente da Orde de Malta que, con centro no concello ourensán de Beade, administraba terreos por diversos lugares de Galicia, moitos dos cales herdaran da desaparecida Orde do Temple. Fonte disto todo son os documentos de foro e libros de apeos (trámites nos que se levan a cabo o deslinde e demarcamento das terras suxeitas a un foro), como por exemplo un datado de 1575 cuxo título é Lugar de Meijomeso, feligresía de San Miguel de Ponte, coto de Rosende”, de onde podemos deducir que o nome de couto de Beicomenzo tornou a ser couto de Rosende, no transcorrer do século XVI. Desde entón, Meixomence pertencería ao couto de Rosende na parte correspondente a Ponte ata a disolución deste probablemente a mediados do século XIX. Como vedes, un lugar cunha pequena, pero á vez, grande historia que rematou o século pasado a carón do maior recinto feiral de Galicia.

Algúns nomes históricos e errados do lugar:

- Beicomenzo (primeiro nome)
- Meixomence (oficial - histórico)
- Meijomence (castelanización do oficial - errado)
- Meijomeso (documento de foros do século XVI - errado)
- Mensumence (interrogatorio do Catastro de Ensenada sobre o Coto de Rosende - errado)

mércores, 24 de outubro de 2012

A TVG tírase dunha ponte

Aínda que se discute a que parroquia pertence exactamente, xa que os de Saídres din que o monte no que está é deles e nós, os de Ponte, dicimos que é noso, o certo é que o viaduto da PO-205 sobre o Deza non serve só para que pasen os coches por el. Non se nos fai raro oír e ver a xente que practica nel unha modalidade de deporte extremo coa que xa estamos familiarizados: o "puenting". Mostra do mesmo son os vídeos que podemos atopar pola rede no que tal práctica se realiza no viaduto antes citado. Pero o outro día esta ponte foi o centro de atención de toda Galicia, xa que unha das participantes no programa "O clan dos impostores" da TVG foi retada a tirarse da ponte amarrada unicamente a un par de cordas. Na ligazón que deixarei abaixo saberedes se finalmente se atreveu. De paso aproveito para recordavos uns cantos datos sobre o viaduto:
-Foi construído e inaugurado en 1993.
-Ten unha lonxitude de 155 metros e unha altura máxima duns 60 metros.
-Salva o río Deza, unindo as parroquias de Ponte e San Pedro de Losón.

Ligazóns:
-Lista de vídeos en Youtube baixo o epígrafe "puenting silleda"
-Programa do 20/10/12 "O clan dos impostores" (a partir do minuto 35:30)

luns, 22 de outubro de 2012

Vándalos

O outro día dixéronme que algún que non tiña que facer (ou algúns, xa que seguramente foran máis dun) se dedicou a pintar cun sprai nun sinal e nun contedor do lixo. A primeira das pintadas sufreuna unha sinal de STOP situada na intersección da pista que baixa do Sino coa PO-205, no Agro dos Amigos. A parte do que se observa na fotografía, tamen intentaron facer o mesmo co STOP debuxado no chan, só que non o conseguiron.

Así apareceu o sinal de STOP
A segunda pintada da que teño constancia foi feita nun contedor do lixo próximo ao lugar do Campo. Deste non teño foto, xa que o contido da frase non é apropiado. Non sei se no resto da parroquia apareceron máis pintadas, pero con isto pretendo denunciar o vandalismo e a pouca decencia que teñen algúns, xa que non crean unha obra de arte, senón que perxudican o mobiliario público e perxudican a imaxe da nosa parroquia.

mércores, 17 de outubro de 2012

Unha oliveira centenaria.

E alí está ela, quieta, observando o que acontece ao seu arredor. As engurras da súa tona mostran o paso do tempo por ela. Ninguén sabe cando naceu ou quen a plantou, pero foi testemuña de moitas conversas e veu a moita xente recollerse baixo as súas pólas nos días de calor ou cando orballaba algo. "Sempre estivo alí", poderían dicir os nosos maiores ou dirían as persoas que estes coñeceron. Quizais desde que se constuíu a capela dos Remedios, quizais desde que o San Miguel se trasladou alí, nunca o saberemos. O certo é que poucas igrexas e poucas parroquias contan cunha especie arbórea, xa non digo antiga (que de seguro que as haberá máis vellas), que garde tantas historias coma a "nosa" oliveira. Tal é a súa importancia na historia parroquial que a frase "ir para debaixo da oliveira" (e non precisamente vivo) foi usada xeración tras xeración. Con estas humildes palabras fago unha pequena homenaxe a esta árbore, que como dixen ao comezo, alí está e desexo que se manteña ergueita por moitas xeracións máis.

A oliveira por Defuntos (2008)

mércores, 10 de outubro de 2012

A igrexa vella (II)

A construción da antiga igrexa parroquial no Agriño, en San Miguel, debeuse principalmente á existencia de casas no lugar de Nonelle e probablemente no agro de Raras (a desaparición das mesmas tratarase outro día). Máis ao sur, e máis arriba, outros lugares habitados foron florecendo (Trasfontao, Casderrei) e a pequena igrexa e o seu camposanto foron albergando aos fieis e defuntos dos xa citados e do resto de San Miguel, ademais de Rosende de arriba, Meixomence e As Casas do Monte.

Posible anaco dun sarcófago, na actualidade desaparecido. (foto do 2011)

O traslado da liturxia á capela dos Remedios fixo que se abandonara o templo, cuxas pedras se empregaron na ampliación do citado santuario, quedando unicamente o balo que no seu momento separou a vivos de mortos. Na actualidade, o emprazamento da igrexa non dá a apariencia de ser o que foi ata hai uns 150 anos, senón que a maleza se apoderou del. Desde aquí fago un chamamento á conciencia veciñal, xa que (quen máis ou quen menos) todos os da parroquia temos algún antepasado alí enterrado, sen o cal a nosa existencia non sería posible. Coidemos o que temos e lembremos aos que nolo deron.

luns, 8 de outubro de 2012

Ponte nun minuto

Unha cámara de vídeo e un programa de edición son as dúas únicas ferramentas que se precisan para montar un vídeo. Se ademais este promociona os encantos dun lugar, moito mellor. É o caso do realizado pola nosa veciña Laura Fernández, que recorre gran parte da nosa parroquia e a resume en apenas un minuto de duración.

Lugares como A Regueira, a ponte de Laxes, a Semana Verde, o río de Rosende, a depuradora ou a canteira son os protagonistas deste pequeno traballo. Noraboa á autora

xoves, 4 de outubro de 2012

Ponte no século XVIII (I)

Sabiades que se cumplen 260 anos da elaboración do "Catastro de Ensenada" na nosa parroquia?

Primeira páxina do interrogatorio na xurisdición de Trasdeza.

Empecemos polo principio. O Catastro de Ensenada foi unha indagación catastral dirixida polo Marqués de la Ensenada entre 1750 e 1756 de todos os territorios da Coroa de Castela. Este traballo comezaba cun interrogatorio de 40 preguntas sobre temas tan diversos como poboación, tipo de terras, rendas.... co fin de eliminar ou converter todos os tributos económicos nunha soa contribución, que ao final non se levaría a cabo. Así, nas terras da xurisdición de Trasdeza, este interrogatorio elaborouse en 1752, aportando grandes datos sobre a sociedade e a economía daquela época.

luns, 1 de outubro de 2012

Ata o ano que vén.

Onte despedimos as festas patronais deica o próximo ano 2013. Pero non hai que desanimarse xa que, nesta fin de semana, a nosa parroquia foi foco de atención grazas á Festa do Chourizo ao Viño. Se ven o venres a Televisión de Galicia fixo unha pequena reportaxe sobre o acto gastronómico, o sábado foi a quenda do diario Faro de Vigo, onde aparecía un pequeno artigo, destacando a presenza de máis de 500 asistentes. O domingo, para rematar, publicouse outro artigo sobre a nosa parroquia, destacando aspectos históricos e patrimoniais. Tamén na edición dominical, aparecía unha nota sobre a vindeira actividade cultural que se celebrará en Ponte: a primeira edición das Melodías de Outono, organizada pola asociación A Trabe e que contará coa presenza das bandas xuvenís da Bandeira e Silleda.

Ligazóns
Reportaxe da TVG no programa A Revista da tarde:
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-revista-da-tarde-429183
Minuto 26:45 a 30:00 e 1:06:50 a 1:12:21

Falta o do Galicia Noticias Serán.

Artigos do Faro de Vigo