venres, 7 de abril de 2017

Ponte nos dominios da Igrexa II: A Aldea de Riba (2ª parte)

Primeira parte: Ponte nos dominios da Igrexa I: A Aldea de Riba (1ª parte)

Volvendo ao documento de Antealtares, o lote de bens aforados a Gregorio López e á súa muller estaba formado por “la casa de morada con un celeiro y corte de gando con su eira y huerta y castiñeiros e otros árboles”, así como nove fincas situadas nas proximidades do lugar. Convén destacar as numerosas referencias a topónimos que por fortuna se conservan na actualidade, nalgúns casos con lixeiras variacións. Por exemplo, atopámonos ante “otra leira sita en el Agro do Sino”, “sita en el Agro do Campo” ou “otra heredad sita en el Agro de Lóngaras”. Ademais, aparece como estremeiro en moitas das fincas un home chamado Estebo López, unha persoa que colle certo protagonismo xunto coa súa muller Marina Vázquez nun documento de 1594. Trátase do testamento do seu fillo Alonso, que se atopaba estudando en Compostela (residindo na rúa da Caldeirería) cando caeu enfermo e mandou redactar esta escritura no antigo Hospital Real da cidade, hoxe reconvertido no Hostal dos Reis Católicos. Deixou expresadas as súas débedas e posesións e declarou a seus pais como cumpridores das súas derradeiras vontades, ademais de pedir ser soterrado no mosteiro de San Francisco da citada cidade, onde supoñemos acabou repousando o seu corpo ao pouco tempo.
A Aldea de Riba (arriba) e A Aldea de Baixo (centro-dereita), imaxe tomada desde A Regueira (parte inferior) // DFA

De novo no foro, atopamos varias referencias á antiga igrexa parroquial de Ponte, situada moi próxima á Aldea de Riba como “el camino que va desde la aldea para la Iglesia de San Miguel de Ponte” ou “entesta en el camino que va para la dicha iglesia”. De feito, tamén nos atopamos cunha finca situada no “agro que dice de San Miguel”, en clara alusión ás terras que rodeaban o antigo camposanto e que se poden corresponder coas paraxes hoxe coñecidas como O Caseiro ou O Agriño. Ademais, este documento fai referencia a unha terceira institución relixiosa con posesións en Ponte: a Orde Militar de San Xoán de Xerusalén a través da Encomenda de Beade. Dona de terreos nos lugares de Meixomence, Rosende, Casderrei e Trasfontao, aparece nesta escritura como propietaria dun anaco de monte a carón da cuarta parte “del monte que se dice do Resío de la aldea”, incluído entre os bens que se aforaban. Comentar que, ata o de agora, sabemos dunha cuarta institución eclesiástica con posesións nesta parroquia: o mosteiro de Santa María de Aciveiro, con rendas e propiedades en Meixomence.
O Agro de "Lóngaras" converteuse no de "Longras" co paso do tempo // DFA

En canto ao nome, este lugar recibiu diversas denominacións ao longo da historia. O termo usado ao longo deste artigo (A Aldea de Riba) correspóndese co criterio de elección deste autor, mais tamén é moi común A Aldea de Arriba ou incluso A Aldea Darriba. Nos foros que tratamos nestas liñas, a denominación usual era “Lugar Darriba”, mentres que noutros aparece “Lugar de Arriba” ou “da Riba”. A alternancia entre Lugar e Aldea foi recorrente en documentos dos séculos posteriores. Sería no documento sobre as rendas percibidas por Carboeiro mencionado anteriormente onde atopamos a denominación que se sae do convencional: “Rivas” (ou “Lugar de Rivas”), quizais pola semellanza que o nome deste lugar garda con outros topónimos moi comúns no país ou por un erro do escribán á hora de redactar. Fose chamado dunha maneira ou doutra, este lugar conta cunha historia moi interesante que permite dar uns bos argumentos para poder consideralo de xeito oficial como unha entidade poboacional, atendendo tanto a criterios de antigüidade como ao alto grao de diferenciación respecto aos núcleos que o rodean.

Bibliografía:
Arquivo Histórico Universitario da USC
*Libros de foros de San Martiño Pinario
*Libros de foros de San Pedro de Ansemil
*Testamentos do Hospital Real

luns, 3 de abril de 2017

Ponte nos dominios da Igrexa I: A Aldea de Riba (1ª parte)

En 1577 tivo lugar a redacción de tres documentos de foro por parte dos mosteiros composteláns de San Paio de Antealtares e San Martiño Pinario a favor de varios veciños da parroquia trasdezá de Ponte. Nos tres casos, os bens aforados estaban situados no lugar da Aldea de Riba, pertencente á mesma parroquia, e os seus arredores. Agora, co gallo do 440 aniversario destas escrituras, dámoslles luz a algúns detalles extraídos delas, como por exemplo a división do lugar entre os citados mosteiros ou numerosas referencias toponímicas que por sorte sobreviven na actualidade. En definitiva, imos coñecer como era este lugar hai máis de catro séculos.

Vista da Aldea de Riba, co viaduto do TAV sobre o río Deza e o santuario do Corpiño ao fondo // DFA
Situada na zona centro-occidental da parroquia silledense de Ponte e franqueado polos lugares do Sino (ao norte) e da Aldea de Baixo (ao leste), A Aldea de Riba é unha entidade de poboación que, xunto coa Regueira, foi marxinada do Nomenclátor Oficial de Galicia, figurando unha e outra formando parte do Sino e de Trasfontao respectivamente, unha situación que ten chegado a derivar en problemas á hora de dar un enderezo ou dar calquera tipo de indicacións. A pesar diso, A Aldea de Riba agocha unha importante carga histórica debido a ser punto de encontro de varias institucións relixiosas, como veremos de seguido. O seu nome fai referencia á posición deste asentamento respecto a un observador situado nunha altura menor. A existencia do núcleo da Aldea de Baixo fainos supoñer a hipótese da existencia previa dun deles, para que ambos lugares adquirisen tales complementos de posición, algo que a día de hoxe segue a ser un misterio. Sobre as distintas variantes do nome deste lugar afondaremos nas últimas liñas deste artigo.

Entre a numerosa documentación que alberga o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, atópanse foros de distintos mosteiros da contorna da cidade ou anexados a outros da mesma. Así, pode ollarse un outorgado o 30 de marzo de 1577 pola abadesa do mosteiro de San Paio de Antealtares, do que dependía o cenobio trasdezao de San Pedro de Ansemil, a Gregorio Conde e á súa muller, ambos veciños de Ponte, pola súa vida e dúas voces (xeracións) máis. A sinatura deste foro tivo lugar no mosteiro de San Salvador de Camanzo, que tamén dependía de Antealtares. O primeiro detalle a destacar deste documento é a porcentaxe do lugar que lle pertencía ao citado mosteiro: “(…) damos en dicho aforamiento el nuestro lugar y casal que se dice Darriba (…) de que al dicho monasterio pertenece la mitad por el monasterio de San Pedro de Ansemil nuestro anexo y la otra mitad pertenece al monasterio de San Martín de Santiago por el de San Lorenzo de Carboeiro su anexo (…)”. Refírese aquí ao mosteiro compostelán de San Martiño Pinario. Este documento ponnos na pista das propiedades que tiñan estes conventos nas terras de Ponte: Ansemil tiña terreos neste lugar e en Meixomence, mentres que Carboeiro posuía bens tamén en Trasfontao, Meixomence e Rosende. Esta división en dúas partes da Aldea de Riba mantívose probablemente ata o século XIX, onde aínda atopamos referencias de rendas cobradas por parte de Carboeiro no lugar na década de 1820.
Pista de acceso polo sur ao lugar // DFA

A outra metade do lugar atopábase nas mans do mosteiro de San Martiño Pinario a través do citado de Carboeiro. Mostra desta situación son senllos documentos datados do 11 de febreiro de 1577. O primeiro deles amósanos o nomeamento da segunda voz dun foro outorgado orixinalmente o 27 de maio de 1530 ao veciño de Silleda Rodrigo Fraíz. Esta segunda voz foi o xa mencionado Gregorio Conde, tras pasar os dereitos deste foro previamente a Gonzalo Conde, moi probablemente pai del. Pero a Gregorio non se lle adxudicou a totalidade deste lote de bens, senón soamente a metade dos mesmos. Esta outra metade (en realidade, un cuarto do total do lugar) aforouse a Fernando de Seoane e a súa muller Ana Fernández por tres voces, cedida pola viúva do citado Gonzalo Conde, María González. Relacionado con este segundo foro, atopamos en 1626 o nomeamento da primeira voz, que recaeu na persoa de Alonso de Seoane, fillo do citado matrimonio, así como un documento das rendas que cobrou Carboeiro no período 1827-1830, consistentes en 7 ferrados de centeo, dúas galiñas e a terceira parte do recadado na venda dalgún dos bens arrendados. Nesta época, un dos pagadores era Luis Seoane, descendente do matrimonio do foro orixinal e cuxa liña xenealóxica aínda se mantén neste e noutros lugares da parroquia.

Segunda parte: Ponte nos dominios da Igrexa II: A Aldea de Riba (2ª parte).