Segundo baixamos a costa de Outeiro cara a rotonda da Semana Verde, alviscamos un lugar agochado tras estas instalacións: é o lugar de Meixomence, o primeiro ao que se chega desde Silleda. Os primeiros datos históricos sobre esta aldea son do século XV, cando o couto de Beicomenzo (primeira denominación do lugar) estaba rexido polo arcebispo de Compostela e a encomenda de Beade. Esta última era unha orde militar católica á súa vez dependente da Orde de Malta que, con centro no concello ourensán de Beade, administraba terreos por diversos lugares de Galicia, moitos dos cales herdaran da desaparecida Orde do Temple. Fonte disto todo son os documentos de foro e libros de apeos (trámites nos que se levan a cabo o deslinde e
demarcamento das terras suxeitas a un foro), como por exemplo un datado de 1575 cuxo título é “Lugar de
Meijomeso, feligresía de San Miguel de Ponte, coto de Rosende”, de onde podemos deducir que o nome de couto de Beicomenzo tornou a ser couto de Rosende, no transcorrer do século XVI. Desde entón, Meixomence pertencería ao couto de Rosende na parte correspondente a Ponte ata a disolución deste probablemente a mediados do século XIX. Como vedes, un lugar cunha pequena, pero á vez, grande historia que rematou o século pasado a carón do maior recinto feiral de Galicia.
Algúns nomes históricos e errados do lugar:
- Beicomenzo (primeiro nome)
- Meixomence (oficial - histórico)
- Meijomence (castelanización do oficial - errado)
- Meijomeso (documento de foros do século XVI - errado)
- Mensumence (interrogatorio do Catastro de Ensenada sobre o Coto de Rosende - errado)
Ningún comentario:
Publicar un comentario