luns, 3 de abril de 2017

Ponte nos dominios da Igrexa I: A Aldea de Riba (1ª parte)

En 1577 tivo lugar a redacción de tres documentos de foro por parte dos mosteiros composteláns de San Paio de Antealtares e San Martiño Pinario a favor de varios veciños da parroquia trasdezá de Ponte. Nos tres casos, os bens aforados estaban situados no lugar da Aldea de Riba, pertencente á mesma parroquia, e os seus arredores. Agora, co gallo do 440 aniversario destas escrituras, dámoslles luz a algúns detalles extraídos delas, como por exemplo a división do lugar entre os citados mosteiros ou numerosas referencias toponímicas que por sorte sobreviven na actualidade. En definitiva, imos coñecer como era este lugar hai máis de catro séculos.

Vista da Aldea de Riba, co viaduto do TAV sobre o río Deza e o santuario do Corpiño ao fondo // DFA
Situada na zona centro-occidental da parroquia silledense de Ponte e franqueado polos lugares do Sino (ao norte) e da Aldea de Baixo (ao leste), A Aldea de Riba é unha entidade de poboación que, xunto coa Regueira, foi marxinada do Nomenclátor Oficial de Galicia, figurando unha e outra formando parte do Sino e de Trasfontao respectivamente, unha situación que ten chegado a derivar en problemas á hora de dar un enderezo ou dar calquera tipo de indicacións. A pesar diso, A Aldea de Riba agocha unha importante carga histórica debido a ser punto de encontro de varias institucións relixiosas, como veremos de seguido. O seu nome fai referencia á posición deste asentamento respecto a un observador situado nunha altura menor. A existencia do núcleo da Aldea de Baixo fainos supoñer a hipótese da existencia previa dun deles, para que ambos lugares adquirisen tales complementos de posición, algo que a día de hoxe segue a ser un misterio. Sobre as distintas variantes do nome deste lugar afondaremos nas últimas liñas deste artigo.

Entre a numerosa documentación que alberga o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, atópanse foros de distintos mosteiros da contorna da cidade ou anexados a outros da mesma. Así, pode ollarse un outorgado o 30 de marzo de 1577 pola abadesa do mosteiro de San Paio de Antealtares, do que dependía o cenobio trasdezao de San Pedro de Ansemil, a Gregorio Conde e á súa muller, ambos veciños de Ponte, pola súa vida e dúas voces (xeracións) máis. A sinatura deste foro tivo lugar no mosteiro de San Salvador de Camanzo, que tamén dependía de Antealtares. O primeiro detalle a destacar deste documento é a porcentaxe do lugar que lle pertencía ao citado mosteiro: “(…) damos en dicho aforamiento el nuestro lugar y casal que se dice Darriba (…) de que al dicho monasterio pertenece la mitad por el monasterio de San Pedro de Ansemil nuestro anexo y la otra mitad pertenece al monasterio de San Martín de Santiago por el de San Lorenzo de Carboeiro su anexo (…)”. Refírese aquí ao mosteiro compostelán de San Martiño Pinario. Este documento ponnos na pista das propiedades que tiñan estes conventos nas terras de Ponte: Ansemil tiña terreos neste lugar e en Meixomence, mentres que Carboeiro posuía bens tamén en Trasfontao, Meixomence e Rosende. Esta división en dúas partes da Aldea de Riba mantívose probablemente ata o século XIX, onde aínda atopamos referencias de rendas cobradas por parte de Carboeiro no lugar na década de 1820.
Pista de acceso polo sur ao lugar // DFA

A outra metade do lugar atopábase nas mans do mosteiro de San Martiño Pinario a través do citado de Carboeiro. Mostra desta situación son senllos documentos datados do 11 de febreiro de 1577. O primeiro deles amósanos o nomeamento da segunda voz dun foro outorgado orixinalmente o 27 de maio de 1530 ao veciño de Silleda Rodrigo Fraíz. Esta segunda voz foi o xa mencionado Gregorio Conde, tras pasar os dereitos deste foro previamente a Gonzalo Conde, moi probablemente pai del. Pero a Gregorio non se lle adxudicou a totalidade deste lote de bens, senón soamente a metade dos mesmos. Esta outra metade (en realidade, un cuarto do total do lugar) aforouse a Fernando de Seoane e a súa muller Ana Fernández por tres voces, cedida pola viúva do citado Gonzalo Conde, María González. Relacionado con este segundo foro, atopamos en 1626 o nomeamento da primeira voz, que recaeu na persoa de Alonso de Seoane, fillo do citado matrimonio, así como un documento das rendas que cobrou Carboeiro no período 1827-1830, consistentes en 7 ferrados de centeo, dúas galiñas e a terceira parte do recadado na venda dalgún dos bens arrendados. Nesta época, un dos pagadores era Luis Seoane, descendente do matrimonio do foro orixinal e cuxa liña xenealóxica aínda se mantén neste e noutros lugares da parroquia.

Segunda parte: Ponte nos dominios da Igrexa II: A Aldea de Riba (2ª parte).

martes, 17 de xaneiro de 2017

Ponte e a Carta xeométrica de Fontán

O que hoxe vos traemos a este blog é un mapa histórico. Trátase da "CARTA GEOMÉTRICA DE Galicia Dividida en sus Provincias de Coruña, Lugo, Orense, Pontevedra, y subdividida en Partidos Judiciales ó Alcaldias mayores; PRESENTADA À S.M. LA AUGUSTA REINA GOVERNADORA Doña Maria Cristina de Borbón Por mando de su Secretario de Estado y del Despacho de lo Interior EL EXCMO. S. D. JOSE MARIA MOSCOSO DE ALTAMIRA Levantada y construida en la escala del cienmilesimo POR EL DOCTOR D. DOMINGO FONTAN, Catedràtico de Matemàticas Sublimes en la Real Universidad de Santiago, y de Mecanica industrial por el Real Conservarorio de Artes, Socio correspondiente dela Real Academia de la Historia. AÑO DE 1834." A pesar desta monstruosidade de nome, popularmente coñecémola como a "Carta xeométrica de Galicia". O seu autor foi o matemático, xeógrafo e político Domingo Fontán (Portas, 1788 - Cuntis, 1866). Entre os anos 1817 e 1834 percorreu Galicia para elaborar o primeiro mapa do país utilizando métodos matemáticos para a medición. Tomando como punto de partida a Torre da Berenguela da catedral de Compostela, foi quen de situar con gran exactitude cidades, parroquias, pontes, ríos, accidentes xeográficos... por toda Galicia. Para mostra, dúas imaxes:

Parte do Trasdeza na Carta xeométrica de Fontán // Wikimedia Commons
Detalle de Ponte e as parroquias limítrofes na Carta xeométrica de Fontán // Wikimedia Commons
Foi presentada á raíña rexente María Cristina en 1834, pero non foi ata 1845 cando Fontán vería impreso o seu mapa na cidade de París. Fontán, cuxos restos repousan no Panteón dos Galegos Ilustres en Bonaval (Compostela), foi pioneiro na utilización da triangulación como método de medición e elaboración de mapas e planos, abrindo así o camiño a obras posteriores. 

Como último detalle, engadir que foi discípulo dun ilustre dezao: José Rodríguez González, "o matemático de Bermés", que ao parecer foi quen o animou a realizar tan magnífica obra.

Podedes consultar máis detalles na ligazón ao artigo sobre a Carta na Galipedia:
*Carta xeométrica de Galicia (en Galipedia).
Aí atoparedes máis información, así como arquivos para consultar o resto do mapa.

venres, 30 de decembro de 2016

Os nomes da terra IV: O Coto do Outeiro

Para finalizar este 2016, retomamos a sección deste blog adicada á microtoponimia. Hoxe parámonos ante o nome O Coto do Outeiro. Trátase dunha elevación do terreo situada ao norte do lugar do Sino e á sombra do cal se construíu a antiga igrexa parroquial. Está poboado de carballos e o seu cume está formado por penedos.
O Coto do Outeiro en abril do 2015 // DFA

Poderiamos clasificar esta denominación como un tautopónimo, que son aqueles nomes de lugar que repiten o accidente xeográfico que designan. Composto por (O) Coto e (O) Outeiro, nomes á súa vez moi recorrentes na microtoponimia e toponimia maior:
* Na listaxe de topónimos do Trasdeza atopámonos o lugar do Coto na parroquia do Castro, mentres que Outeiro é lugar das parroquias de Escuadro, Manduas, Moalde, Negreiros e Silleda, e O Outeiro é un lugar de Breixa, Graba, Parada, Refoxos e Siador.
* Na microtoponimia de Ponte atopamos exemplos como O Coto de Laxes (elevación "xemelga" da que tratamos nesta publicación), O Coto das Gándaras, A Fonte do Outeiro...

Mais este nome de lugar ten un lixeiro matiz: aínda que o topónimo se refire ao total do conxunto, hai quen fai a distinción entre O Outeiro (que sería a elevación en xeral) e O Coto (para referirse exclusivamente ao cume do mesmo).

venres, 11 de novembro de 2016

Pereiro de Silleda: Vida e obra dun empresario dezao

O pasado venres día 4 a Casa da Cultura de Silleda acolleu o acto de presentación do libro "Pereiro de Silleda: Vida y obra de un empresario dezano". Como ben di o título, este libro recolle a vida e a obra de Perfecto Pereiro Castro (Xonxil, Noceda 1871 - Silleda, 1947), fundador da Hidroeléctrica de Silleda en 1915 e promotor da primeira central hidroeléctrica do concello, situada na parroquia de Ponte e coñecida por todos como "A Central de Pereiro".
Retrato de Perfecto Pereiro Castro // Arquivo PPL
Sobre este home, figura importante na historia de Silleda e de Ponte, xa falamos neste blog con anterioridade:
* Perfecto Pereiro e a luz en Silleda (3/2/2015)
Placa en homenaxe a Pereiro colocada no transformador situado a carón da igrexa de Ponte // DFA

Perfecto Pereiro Lázara, neto e afillado do homenaxeado e autor do libro, vai describindo neste as orixes deste empresario ou os negocios que botou a andar ao abeiro na enerxía eléctrica, entre outras cousas. É, a fin de contas, unha obra que recolle a historia da vila de Silleda da primeira metade do século XX.
Portada do libro realizada por José Antonio Fondevila.
Nesta obra, Pereiro Lázara dedica un apartado especial á parroquia de Ponte, debido á gran relación que mantivo seu avó con esta terra e cos seus veciños. Destaca a amizade que trabou o párroco don Manuel Sánchez Noya ou a Romaría de San Verísimo, á que acudía Pereiro coa súa familia.
Momento da presentación. No centro da mesa, o autor Perfecto P. L. // DFA
Este libro serve como recoñecemento a un home que, grazas á electricidade, levou o progreso á capital do Trasdeza. Isto tamén foi grazas á parroquia de Ponte, que en palabras do autor, "foi esa pequena parroquia que quitou a Silleda da escuridade".

luns, 24 de outubro de 2016

A gran oliveira das terras de Trasdeza

O pasado mes de abril, aparecía no diario dixital Galicia Hoxe un artigo de M. de Bran sobre exemplares de oliveiras das ribeiras do Ulla e das terras do Deza:

* Grandes oliveiras das terras da Ulla e Deza (Galicia Hoxe, 4/4/2016)

Neste, o autor fai un percorrido pola historia do cultivo desta árbore, os seus usos e apuntando referencias como o nome da parroquia de Olives (A Estrada), entre outras cousas. A continuación, trata varios casos de exemplares destacados como as do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra), a da casa da Buela en San Critovo de Reis (Teo) e a do cemiterio de Adina en Iria Flavia (Padrón). Como representante da comarca do Deza e do Trasdeza, o autor fala da oliveira situada a carón da igrexa de Ponte, a nosa oliveira.

Vista da oliveira (xuño 2016) // DFA
Sobre esta árbore, de gran relevancia na parroquia, xa falaramos no seu momento neste blog:
* Unha oliveira centenaria (17/10/2012).

Déixovos a continuación o extracto do artigo no que se fala desta árbore:

A oliveira de San Miguel de Ponte
Oliveira de San Miguel de Ponte // MB
Esta árbore monumental atópase na parroquia citada no título, no cemiterio do adro dela e diante da igrexa parroquial. Ponte é unha parroquia do concello de Silleda, distante uns tres quilómetros da capital do municipio. Está situada na ribeira esquerda do río Deza, que lle dá o nome a unha extensa comarca de máis de mil quilómetros cadrados, limítrofe coa de Tabeirós- Terra de Montes. Este río é o afluente máis longo e con máis subafluentes e caudal do Ulla, no que conflúe pola esquerda na parroquia de Santa Baia de Cira, única do concello de Silleda que chega a el. A confluencia dos dous ríos prodúcese no norte de Cira, punto no que non ten outro límite, despois de pasados os lugares de Vilacalva (Cira), Cirela (Santiago de Gres, a parroquia de Neira Vilas) e a ponte Cira. O lugar da confluencia está un pouco abaixo da ponte Ledesma, e chámase A Xunta (dos ríos), na que non hai moito se fixo unha área recreativa. Os dous forman o Sistema Fluvial Ulla-Deza.
A oliveira de ponte ten un pé moi gordo, que galla en dous poderosos polóns desde preto do chan. A coroa dela é arredondada coma unha gran boina escura, da altura dunha casa de dous pisos. Está ben coidada, e ten moita vitalidade. Nunca a viramos, nin a igrexa, que non ten o nome, pois como ocorre con outras moitas igrexas parroquiais, os da parroquia non llo poñen porque xa llo saben. Nós, ó atoparnos diante da igrexa cando fomos tirarlle a foto deste artigo, axiña nos decatamos de que era a de San Miguel de Ponte, polo que oiramos falar da grandeza da súa oliveira. Ou sexa, identificamos a igrexa pola oliveira.
Por estar esta árbore no cemiterio, hai entre os veciños da parroquia o dito irónico: “Ir para debaixo da oliveira”. Pero xa desde antigo a oliveira é símbolo da paz entre os vivos e dos mortos. Ó que se debe que as haxa en moitos cemiterios. 

Descoñecemos polo de agora a súa antigüidade, mais sabemos que non debe ser anterior a 1800, data de construción da antiga capela dos Remedios sobre a que se levantou o actual templo parroquial. Como afirma M. de Bran no seu artigo, é por todos coñecido o dito de "ir para debaixo da oliveira" cando se fai referencia á morte dun veciño (nalgún caso, esta afirmación é literal, pois arredor dunha ducia de nichos se atopan á sombra da árbore). Aínda que non se atopa catalogada como Árbore Senlleira, é parte esencial da historia de Ponte, pois o paso do tempo fixo que fose testemuña de innumerables conversas e acontecementos. Que continúe tan vigorosa e que sigamos disfrutando da súa sombra!

domingo, 9 de outubro de 2016

O patrimonio, en perigo

A parroquia de Ponte conta con diversos elementos arquitectónicos e arqueolóxicos que pasan desapercibidos ao público en xeral. Nos termos da mesma atopamos varios muíños (en desuso), a primeira central hidroeléctrica do concello (A Central de Pereiro, tamén en desuso), unha ponte que cruza o río Deza (A Ponte do Pozo Negro) e os restos doutra (A Ponte da Insua, que agarda a súa catalogación) e tamén o antigo adro parroquial de San Miguel. Chamado polos veciños O Cementerio Vello, O Atrio Vello ou A Iglesia Vella, este foi o lugar no que se situou a antiga igrexa de Ponte, do que xa se falou neste blog nos inicios do mesmo:
*A igrexa vella I (26 de setembro do 2012)
*A igrexa vella II (10 de outubro do 2012)

O Cementerio Vello // DFA

Son moitos os veciños de Ponte que a día de hoxe aínda se sorprenden ao saber deste emprazamento, e non é para máis. Hai que ter en conta que, desde o traslado da liturxia en 1863 á Capela dos Remedios (que se converteu na nova igrexa), o lugar apenas foi empregado como lugar de xogo dos máis cativos. Coas sucesivas reformas no novo templo, botouse man do material da igrexa vella ata o punto de non quedar nada máis que montóns de pedras pequenas de pouco valor para a construción. Conforme pasaron os anos, o antigo cemiterio convertiuse unicamente nun pequeno terreo pechado con algunhas árbores no seu interior.

A pesar da utilización da pedra da igrexa vella nas reformas da nova, aínda permaneceron neste recinto varias pedras con gravados ou labradas dunha determinada forma. Pero o seu descando neste lugar non foi precisamente eterno. De feito, un exemplo de desaparición dunha destas pedras "bonitas" tivo lugar hai uns anos. A segunte imaxe mostra un fragmento do que podería ser un sarcófago ou outro tipo de recipiente usado na igrexa. Esta imaxe foi tomada polo autor destas liñas no mes de abril do ano 2011, que tardaría máis dun ano en visitar de novo o lugar (xuño do 2012), percatándose da súa desaparición.
Pedra desaparecida do antigo cemiterio (2011) //DFA

Pero a cousa non quedou aí. Máis recentemente, aproximadamente hai dúas semanas, unha nova visita de quen escribe ao Atrio Vello revelou unha nova desaparición. Neste caso tratábase dunha pedra cadrada e de pouco grosor cun pequeno burato rectangular no seu centro que probablemente fose parte das pedras que cubrían unha sepultura. Esta estaba situada no muro occidental do adro antes da súa desaparición e, desafortunadamente, este autor non conta con ningunha imaxe da mesma.
Sinalado con liñas vermellas, o lugar que ocupaba a pedra. No seu lugar, foron colocadas varias pedras máis pequenas para disimular a falta // DFA

Sinalado con liñas vermellas, o lugar que ocupaba a pedra no valo oeste do adro // DFA
Estas e outras desaparicións unidas a algunha tentativa de desfacer este recinto durante o proceso de concentración parcelaria (na realización desta, a apertura dun camiño danou o recinto no lado oriental) fixeron e fan que futuras xeracións non poidan disfrutar o que os antepasados construíron coa suor das súas frontes e que non deixa de ser unha parte fundamental da historia desta parroquia. Manter e vixiar o noso patrimonio é o único xeito de que os que veñan tras de nós poidan admiralo.

martes, 24 de maio de 2016

Olaia "descobre" as fervenzas de Ponte na súa Camiñada de Primavera

Así titula Faro de Vigo (nas súas páxinas comarcais do Deza-Tabeirós-Montes) no día de hoxe a noticia sobre a camiñada que o domingo 22 organizou a Asociación de Veciños Olaia de Silleda. Aquí vos deixo a ligazón á noticia e as fotos que a acompañan.
*Olaia "descubre" las cataratas de Ponte en su Camiñada de Primavera (Faro de Vigo, 24/05/2016)

Como demostran estas imaxes do río de Rosende, o patrimonio natural de Ponte é moi rico e variado e agarda a todo aquel que queira gozar del.