venres, 7 de abril de 2017

Ponte nos dominios da Igrexa II: A Aldea de Riba (2ª parte)

Primeira parte: Ponte nos dominios da Igrexa I: A Aldea de Riba (1ª parte)

Volvendo ao documento de Antealtares, o lote de bens aforados a Gregorio López e á súa muller estaba formado por “la casa de morada con un celeiro y corte de gando con su eira y huerta y castiñeiros e otros árboles”, así como nove fincas situadas nas proximidades do lugar. Convén destacar as numerosas referencias a topónimos que por fortuna se conservan na actualidade, nalgúns casos con lixeiras variacións. Por exemplo, atopámonos ante “otra leira sita en el Agro do Sino”, “sita en el Agro do Campo” ou “otra heredad sita en el Agro de Lóngaras”. Ademais, aparece como estremeiro en moitas das fincas un home chamado Estebo López, unha persoa que colle certo protagonismo xunto coa súa muller Marina Vázquez nun documento de 1594. Trátase do testamento do seu fillo Alonso, que se atopaba estudando en Compostela (residindo na rúa da Caldeirería) cando caeu enfermo e mandou redactar esta escritura no antigo Hospital Real da cidade, hoxe reconvertido no Hostal dos Reis Católicos. Deixou expresadas as súas débedas e posesións e declarou a seus pais como cumpridores das súas derradeiras vontades, ademais de pedir ser soterrado no mosteiro de San Francisco da citada cidade, onde supoñemos acabou repousando o seu corpo ao pouco tempo.
A Aldea de Riba (arriba) e A Aldea de Baixo (centro-dereita), imaxe tomada desde A Regueira (parte inferior) // DFA

De novo no foro, atopamos varias referencias á antiga igrexa parroquial de Ponte, situada moi próxima á Aldea de Riba como “el camino que va desde la aldea para la Iglesia de San Miguel de Ponte” ou “entesta en el camino que va para la dicha iglesia”. De feito, tamén nos atopamos cunha finca situada no “agro que dice de San Miguel”, en clara alusión ás terras que rodeaban o antigo camposanto e que se poden corresponder coas paraxes hoxe coñecidas como O Caseiro ou O Agriño. Ademais, este documento fai referencia a unha terceira institución relixiosa con posesións en Ponte: a Orde Militar de San Xoán de Xerusalén a través da Encomenda de Beade. Dona de terreos nos lugares de Meixomence, Rosende, Casderrei e Trasfontao, aparece nesta escritura como propietaria dun anaco de monte a carón da cuarta parte “del monte que se dice do Resío de la aldea”, incluído entre os bens que se aforaban. Comentar que, ata o de agora, sabemos dunha cuarta institución eclesiástica con posesións nesta parroquia: o mosteiro de Santa María de Aciveiro, con rendas e propiedades en Meixomence.
O Agro de "Lóngaras" converteuse no de "Longras" co paso do tempo // DFA

En canto ao nome, este lugar recibiu diversas denominacións ao longo da historia. O termo usado ao longo deste artigo (A Aldea de Riba) correspóndese co criterio de elección deste autor, mais tamén é moi común A Aldea de Arriba ou incluso A Aldea Darriba. Nos foros que tratamos nestas liñas, a denominación usual era “Lugar Darriba”, mentres que noutros aparece “Lugar de Arriba” ou “da Riba”. A alternancia entre Lugar e Aldea foi recorrente en documentos dos séculos posteriores. Sería no documento sobre as rendas percibidas por Carboeiro mencionado anteriormente onde atopamos a denominación que se sae do convencional: “Rivas” (ou “Lugar de Rivas”), quizais pola semellanza que o nome deste lugar garda con outros topónimos moi comúns no país ou por un erro do escribán á hora de redactar. Fose chamado dunha maneira ou doutra, este lugar conta cunha historia moi interesante que permite dar uns bos argumentos para poder consideralo de xeito oficial como unha entidade poboacional, atendendo tanto a criterios de antigüidade como ao alto grao de diferenciación respecto aos núcleos que o rodean.

Bibliografía:
Arquivo Histórico Universitario da USC
*Libros de foros de San Martiño Pinario
*Libros de foros de San Pedro de Ansemil
*Testamentos do Hospital Real

Ningún comentario:

Publicar un comentario