venres, 26 de decembro de 2014

Tras do Sisto, lugar de festa.

Retomamos o serial de pequenas descricións dos lugares de Ponte cun dos de máis recente fundación: Tras do Sisto. Esta denominación obriga a existencia do sitio chamado O Sisto, tralo cal os veciños de Rosende vían os terreos nos que se asenta o citado lugar. Situado no límite tradicional entre as zonas de Rosende e San Miguel (como así sinala o cruceiro), albergou romarías desde o século XIX, collendo maior sona a do San Verísimo. Esta festa enchía a antiga carballeira do Arrieiro de numerosas persoas, nun evento comparable á romaría da Saleta de Siador. Esta carballeira deu paso ao actual campo da festa (véxase a imaxe), onde se celebran as patronais e a Festa do Chourizo ao Viño.

luns, 17 de novembro de 2014

Resumo do outono cultural

Como xa se veu adiantando neste blogue, a Asociación Veciñal A Trabe de Ponte organizou diversas actividades neste outono. Todo comezaba o pasado 28 de setembro. Como remate das festas patronais, A Trabe organizou as III Melodías de Outono, concerto no que participaron as bandas Infantil e Xuvenil de Silleda. Esta interpretou pezas coas que gañaría o 1º premio no Certame Provincial de Bandas e o 2º no Galego.
Intre da actuación da Banda Infantil // Faro de Vigo

O día 18 de outubro foi a noite de teatro. Nesta ocasión, foi a compañía teatral Fervelleasverzas de Moraña a que sorprendeu ao público coa posta en escena da obra "A arte que fixo pub".
Instante durante a obra // D. F.
O sábado seguinte, o día 25, Darío Autrán regresou a Ponte cun novo proxecto: a webserie "Artemia", na que, igual que o ano pasado en "Tilda & Jean", participaba o noso veciño José Montoto. Tamén lle regalou aos asistentes un fragmento da que fora a súa primeira película "Orxo"

José e Darío presentando a webserie // D.F.
E para rematar o outono, que menos que un magosto, como foi o que organizou A Trabe conxuntamente coa Yeguada Tras do Balo. Esta cita congregou a 52 persoas arredor das castañas na planta baixa do local social.
Momento da cea do magosto // M. R.

domingo, 1 de xuño de 2014

O Sino: sons dunha igrexa

Tras un breve parón, volvemos de novo ás andadas cunha publicación sobre outro dos lugares habitados de Ponte. Nesta ocasión, a quenda é para o lugar do Sino.Este lugar é o que máis ao norte está situado, dentro da parte de San Miguel. A orixe do seu nome está relacionada coa antiga igrexa parroquial, pois sino vén a ser un sinónimo de sinal ou campá, que se pode extender á propia igrexa.
Imaxe proporcionada por Google Maps
É posible que adquirira tamén o nome por ser un sitio no que resoaba a campá da igrexa, pois é facilmente comprobable que no Coto do Outeiro, uns metros ao norte, se produce este fenómeno acústico. Non é fácil datar a primeira vivenda do lugar.

Por último, dicirvos que non deixedes de botarlle un ollo á web de Ponte, pois irase actualizando nos próximos días.

xoves, 13 de marzo de 2014

A loita contra o francés

Neste novo capítulo sobre a historia de Ponte abordaremos a Guerra da Independencia, que tivo lugar entre 1808 e 1814. O territorio da xurisdición de Trasdeza non foi alleo ás incursións do exército napoleónico.

Nos preámbulos da batalla de Ponteledesma (acontecida na ponte do mesmo nome, sobre o río Ulla, a primeiros do mes de marzo de 1809), reúnense 18 sacerdotes doutras tantas parroquias xunto cunha multitude de veciños no campo da feira de Silleda para organizarse contra o inimigo, movilizando tropas para defender as pontes da xurisdición. Acórdase tamén establecer o cuartel xeral destas tropas na "Casa do Monte", habitada por Domingo López, nos termos da parroquia de Ponte, aínda que posteriormente se trasladaría ao Pazo de Trasfontao, en Silleda.

Situación das Casas do Monte, tomada co visor Sixpac


Esta casa é o xermolo do actual lugar das Casas do Monte, actualmente lugar da parroquia de Silleda, pero que antano pertenceu a Ponte. Este cambio seguramente estivo inducido polo arranxo parroquial de 1890.

Como complemento a esta pequena nota histórica, é recomendable a lectura dos artigos de Roberto Rivas Martínez, publicados no xornal Faro de Vigo en 2009.

La batalla de Ponteledesma I

La batalla de Ponteledesma II

La batalla de Ponteledesma III

mércores, 19 de febreiro de 2014

Toponimia de Silleda

Dentro do número 17 da revista LVCENSIA, que publica a Biblioteca do Seminario Diocesán de Lugo, o sacerdote lugués Nicandro Ares Vázquez publicara o seu traballo Toponimia de Silleda. Nas páxinas deste traballo dá unha explicación, parroquia a parroquia, da orixe dos nomes de lugar que aparecen reflexados no Nomenclátor do INE (Instituto Nacional de Estatística).

No tocante á parroquia de Ponte, Ares explica que o seu nome fai referencia, evidentemente,  a pons 'ponte', que é un artefacto de enxeñaría.

  • Da Aldea de Abaixo, di que se combina o nome árabe al-daia co topográfico bassus 'baixo'.
  • Carderrei resulta ser un rotacismo de casa, determinada polo nome Rex, tomado de rex, regis 'rei', sen que se trate dun monarca histórico.
  • Sobre Meixomence, opina que parece o apelido *Maxuminici, patronímico de Maxuminus e emparentado con outros topónimos como Méixome ou Meixomín.
  • Rosende correspóndese co antropónimo visigótico Rodesindus.
  • O Sino deriva de signum, sinónimo de campá de igrexa.
  • Trasfontao está composto polo topónimo fontanum, precedido de trans 'tras, máis alá de'.




xoves, 21 de novembro de 2013

Restos da Idade de Cobre

Sabiades que na nosa parroquia se atopou un obxecto datado hai preto de 5000 anos? Trátase dun pequeno machado de cobre, un exemplar dos inicios da Metalurxia, época correspondente á segunda metade do III milenio a. C., entre o Neolítico e a Idade de Bronce.

De dimensións reducidas, foi atopado probablemente a comezos do século XX no monte do Castañal por Antonio Rodríguez (seguramente cabeza da casa de Fernández de Casderrei). Tras pasar polas mans doutra persoa, foi parar á Sociedad Arqueológica de Pontevedra. En 1969 entrou a formar parte, xunto con outras pezas, da colección do Museo pontevedrés, onde se atopa a día de hoxe.




domingo, 3 de novembro de 2013

Cando Madoz puxo a Ponte no mapa

Foi entre 1846 e 1850 cando o político e estatista pamplonés Pascual Madoz publicaba o seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, coñecido como Diccionario Madoz, unha obra de 16 tomos que recollía todos os lugares de España e das súas colonias. Entre eles, atópase o artigo relativo á nosa parroquia, no tomo 13, que di o seguinte:

"PONTE (SAN MIGUEL): feligresía en la provincia de Pontevedra (8 leguas), partido judicial de Lalín (2), diócesis de Lugo, ayuntamiento de Chapa; situada en la margen izquierda del río Deza; clima sano y templado. Tiene 32 casas en las aldeas de Ponte, Meijomence, San Miguel y Rosende. La iglesia parroquial (San Miguel) está servida por un cura de provisión en concurso. Confina el término con dicho río Deza y con las parroquias de Castro al NO, Silleda SO y Villar SE. El terreno es de buena calidad. Produce vino ligero, trigo, maíz, centeno, castañas, legumbres, frutas y pastos; y pesca de truchas, anguilas y otros peces. Población: 32 vecinos, 150 almas. Contribución: con su ayuntamiento."

Notas aclaratorias:
1-Ata 1853, o actual concello de Silleda levaba o nome de Chapa, coa capital na citada parroquia.
2-A igrexa parroquial á que se refire é a antiga, situada en San Miguel, xa que o cambio ao actual emprazamento se realizou en 1863. O San Miguel que aparece fai referencia ao patrón.
3-Con Rosende, fai referencia á parte pertencente a Ponte. A outra parte uniuse a esta parroquia en 1891.