Nos primeiros anos do culto aos Remedios, hai constancia de ofrendas que facían os devotos e
que posteriormente eran poxadas no día da festividade da Virxe. Estas poxas públicas realizaríanse ao aire libre, fóra do templo, que carecía aínda de adro. Isto solucionouse en 1805, cando lle aconsellaron ao párroco a construción dun “atrio a la circunferencia de esta capilla con su puerta cerrada para que no entren los ganados". O muro de dito adro así como a porta serían construídos no ano seguinte. Este muro sería refeito uns cincuenta anos despois, entre 1854 e 1855. Así mesmo, para velar polo coidado da capela, instáuranse dous cargos: o mayordomo ou mordomo, encargado de recoller as limosnas durante todo o ano e o día da festividade da Virxe, así como ocuparse do festexo; e o depositario, encargado de gardar tales limosnas e con elas asumir os gastos da capela. En 1813, ningún veciño ocupou o cargo de mordomo e é neste ano onde aparece a primeira referencia ao músico que amenizaba a festa. Poida que neste solista estea o xermolo da actual Banda de Música de Silleda.
Imaxe da Virxe dos Remedios // DFA (2013) |
Na década de 1830, a capela recibiu unha doazón de 400 reais por parte dun cóengo de Tui, don Francisco Antonio Piñeiro de Solveira, co fin de levantar a capela maior ou presbiterio deste santuario. Anos máis tarde procedeuse á primeira gran reforma do templo: o canteiro Manuel Gil traballou na construción do presbiterio e no novo alzado das paredes da nave e o carpinteiro José da Riba levou a cabo a cubrición da capela maior, mentres que Manuel Paz foi quen cubriu a nave. No ano 1843, tivo lugar a misa de nova bendición da capela. En 1844 completouse a obra, embaldosando o interior e construíndo as gradarías do altar. Os gastos do ano 1846 revélannos que a capela contaba con tres pequenas ventás ou tragaluces, pois foron precisos ese mesmo número de vidros para colocar neles. Ademais, construíuse a tribuna e encargouse en 1848 unha campá a Agustín Taboada. Nesta época instalouse na capela un retablo procedente do Mosteiro de Carboeiro, ademais doutro que se instalou na igrexa de San Miguel, trala desamortización dos bens do convento.
En 1850, dende o Bispado recomendaron que se fixese un rebaixe de terra no costado oeste do atrio da capela, lado no que se levantaría a sancristía, pois a capela atopábase nunha leve pendente e era propensa a inundarse pola porta que tiña nese lateral. Ambas obras realizáronse nos anos seguintes: en 1851 os canteiros Pedro Taboada e Manuel Ribas levantaron as paredes da sancristía e cubriuse no ano seguinte e tamén se levou a cabo o rebaixe de terra. No ano 1853 tivo que levantarse a espadana (mal chamada campanario) pois fora derrubada por unha gran tempestade ese mesmo ano.
Imaxe de San Verísimo // DFA (2013) |
Como xa se dixo, na capela tamén se celebraba o culto a San Verísimo, nome castelán co que é coñecido San Breixo nesta parroquia e cuxa primeira referencia atopamos no ano 1859. A este santo estaría dedicada unha gran romaría campestre de recoñecida sona na comarca e que acabou por esmorecer co tempo a mediados do século XX. Porén, quedou como recordo da mesma o nome do lugar onde se celebraba: o Campo do San Verísimo.
Arredor de 1860 tamén se procedeu a embaldosar de novo o presbiterio, traballo que levou a cabo Benito Míguez, veciño de Cortegada. En 1861 tivo lugar a festividade da Virxe o día 15 de setembro, algo excepcional pois esta víñase celebrando (e seguiuno facendo) o segundo domingo do mes, que como moito pode ser o día 14. Entre 1862 e 1863, procedeuse ao embaldosado da nave da capela, realizado por Juan Sánchez, veciño de Vilar. Desde 1863 a capela acolleu tamén as festividades do San Miguel e da Virxe do Carme, patróns da parroquia, e a partir de 1866 as referencias á función do San Verísimo son constantes, o que fai pensar no auxe desta festa.
Para rematar este percorrido pola historia da capela, convén dar un apuntamento final: as terras que a rodeaban deron en coñecerse como o Agro da Capilla, topónimo que aínda hoxe se conserva. Daquela capela xa non queda nada, pois a partir dela construíuse a actual igrexa parroquial, que gardou a mesma orientación que a capela. O novo templo é o que acolle na actualidade a misa na honra á Virxe e son numerosos os devotos que seguen a encher este lugar cada segundo domingo de setembro, continuando cun culto aos Remedios que se remonta 215 anos no tempo e que ocupa un sitio privilexiado na historia de Ponte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario