Publicado en Faro de Vigo - Deza/Tabeirós (27/09/2020).
Nun ano atípico debido á COVID-19, moitas festas viron reducidos os seus actos ou simplemente canceláronse, co desexo de volver reforzadas cando a situación mellore. Pero en Galicia existiron ademais numerosas romarías ao longo da historia que se deixaron de realizar por diferentes motivos. Tal é o caso da festividade de San Verísimo na parroquia silledense de Ponte, cuxa última romaría campestre tivo lugar hai case cinco décadas. No presente artigo miraremos ao pasado para coñecer a historia deste santo e o seu culto nesta parte da marxe esquerda do río Deza.
A LENDA E O CULTO
Do termo latino verissimum ‘moi
certo’ xurdiu un nome persoal que conta con tres formas similares noutros
tantos idiomas: Breixo en galego, Veríssimo en portugués e Verísimo en
castelán. Este nome fai alusión ao mártir lusitano do século III axustizado en
tempos do emperador romano Diocleciano. Conta a lenda que, tras ser torturado
xunto coas súas irmás Julia e Máxima, foron decapitados e os seus corpos foron
dados como comida ás feras, que os respectaron. Á vista disto, tiráronos ao mar
con pedras atadas para que afundisen, pero o mar devolveunos á terra, sendo
finalmente soterrados de xeito clandestino. Parte das reliquias destes santos
atópanse na actualidade no mosteiro de
Santos-o-novo, na cidade de Lisboa. O culto a San Verísimo, avogoso da reuma e
cuxa festividade se estableceu o 1 de outubro, estendeuse polo noroeste
peninsular, festexándose en numerosas parroquias de Galicia como Barro, Parga,
Sergude (Boqueixón), Foxás (Touro), Ferreiros (O Pino), Berán (Leiro), Arcos
(Ponteareas), Arcos de Furcos (Cuntis), Oza (Carballo), Lamas (A Estrada),
Seixalbo (Ourense), Queiroás (Allariz)...; nas provincias de León (Alija del
Infantado, Valdeviejas) e Zamora (Alcubilla de Nogales) e, por suposto, no
actual Portugal.
Igrexa de San Verísimo de Alija del Infantado (León) / Wikipedia |
Igrexa de San Breixo de Barro / Wikipedia |
O SAN VERÍSIMO EN PONTE
Coñecido dende sempre polo seu nome en
castelán, o culto ao santo en Ponte non é fácil de datar con exactitude, pero
supoñémolo anterior a 1859. Neste ano, segundo o libro de esmolas da capela dos
Remedios, computáronse por vez primeira entre os gastos “cuarenta reales de fuego para el día de la función de San Verísimo”.
Comezou sendo a segunda festividade da desaparecida ermida, pero pouco a pouco
foi collendo unha gran popularidade. Co paso do tempo, este festexo acompañouse
dunha romaría campestre ao remate dos oficios relixiosos, celebrada á sombra
dos carballos do lugar de Tras do Sisto, parte deles situados no que hoxe é o campo
da festa parroquial e que daquela formaban a Carballeira do Arrieiro de Rosende.
A importancia desta romaría quedou reflectida no topónimo ‘O Campo do San
Verísimo’, nome dado ao citado lugar de celebración.
Para acompañar os actos relixiosos e a
verbena, era habitual a contratación de dúas bandas de música, sendo a de
Silleda unha das fixas neste evento. Ademais, foi unha das primeiras romarías
da comarca que se beneficiou da luz eléctrica, trala construción da central
hidroeléctrica por parte do empresario Perfecto Pereiro Castro nesta parroquia
en 1920. Alén da súa colaboración económica coa festa, Pereiro e a súa familia
acudían todos os anos á romaría, tradición que continuaron os seus
descendentes, pois xa se convertera nunha cita case obrigada para os veciños da
vila de Silleda e arredores. Mediado o século XX, a festividade celebrouse de
xeito discontinuo ata inicios da década de 1970, cando se celebraron as dúas
últimas edicións, unha con notable éxito seguida doutra con moi pouca afluencia
debido á coincidencia con outras festas da contorna. Isto fixo perder o
interese en encargarse dos festexos, quedando reducidos unicamente á súa
vertente relixiosa. A data na que se viñan celebrando as honras ao santo podía
variar entre o 22 e o 28 de setembro, días entre os cales coincide o domingo
anterior ao día do patrón (San Miguel, 29 de setembro). Pero co traslado das
festas patronais á fin de semana máis próxima alá pola década de 1990, a misa
solemne a San Verísimo pasou a ter lugar o domingo previo.
Estampa familiar na romaría do San Verísimo (anos 1950) / Cedida por Perfecto Pereiro Lázara. |
Sobre a imaxe do santo, debemos falar en plural xa que existen dúas tallas de San Verísimo, ambas actualmente expostas nos altares da igrexa parroquial. A máis antiga, de menor altura e que probablemente sexa a orixinal, foi substituída por outra de maiores dimensións, doada en 1912 por Balbina Golmar Cacheda da Casa de Fernández de Casderrei. Estas imaxes gardan certas similitudes en canto aos atributos do santo: un coitelo no pescozo como sinal da súa decapitación e unha palma nunha das mans como símbolo do seu martirio. Ademais, a imaxe nova ten unha cruz na outra man, elemento que parece faltar da talla antiga, e ambas portan vestimentas que lembran ás das persoas da clase alta romana. Pero a pesar das súas semellanzas, existe unha gran diferenza entre elas: mentres que a máis nova ten os ollos abertos, a antiga parece telos pechados. Este detalle ocasionou unha divertida anécdota protagonizada por unha veciña do lugar da Regueira. A muller, emigrada a principios do século XX a América, regresou anos despois e, tras ver a nova imaxe, comentou: “Cando marchei, San Verísimo tiña os ollos pechados e agora tenos abertos!”.