Continuamos co serial "Os nomes da terra". Nesta segunda entrega ocupámonos do
Pozo do Avogado ou
Pozo do Pego. Con este nome coñécese un pozo no río Deza ao cal tamén chegou nalgún momento o Camiño da Feira. Neste pozo existiu unha barca, que serviu para cruzar o río de maneira alternativa ás pontes ou cando non había ningunha.
|
O Pozo do Avogado nunha captura de pantalla do Sixpac. |
Toma o seu nome dun membro da familia Taboada de San Pedro de Losón, que exercía como avogado. Este pozo almacenaba e dirixía a auga do Deza cara o Muíño do Avogado. Tamén é coñecido como O Pozo do Pego, polos terreos da marxe esquerda, en Ponte.
O día dunha feira en Silleda tivo lugar un terrible suceso con este pozo como protagonista. Uns feirantes arzuáns regresaban cara as súas casas. Subíronse co gando que mercaran á barca e o barqueiro procedeu a cruzar o pozo. Pero no medio do traxecto, a carga moveuse e desestabilizou a barca, que deu a volta, e o que levaba (animais e persoas) afundiuse no pozo, sen quedar superviventes. Os corpos dos feirantes foron finalmente recuperados e soterrados no camposanto de San Pedro de Losón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario