xoves, 21 de novembro de 2013

Restos da Idade de Cobre

Sabiades que na nosa parroquia se atopou un obxecto datado hai preto de 5000 anos? Trátase dun pequeno machado de cobre, un exemplar dos inicios da Metalurxia, época correspondente á segunda metade do III milenio a. C., entre o Neolítico e a Idade de Bronce.

De dimensións reducidas, foi atopado probablemente a comezos do século XX no monte do Castañal por Antonio Rodríguez (seguramente cabeza da casa de Fernández de Casderrei). Tras pasar polas mans doutra persoa, foi parar á Sociedad Arqueológica de Pontevedra. En 1969 entrou a formar parte, xunto con outras pezas, da colección do Museo pontevedrés, onde se atopa a día de hoxe.




domingo, 3 de novembro de 2013

Cando Madoz puxo a Ponte no mapa

Foi entre 1846 e 1850 cando o político e estatista pamplonés Pascual Madoz publicaba o seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, coñecido como Diccionario Madoz, unha obra de 16 tomos que recollía todos os lugares de España e das súas colonias. Entre eles, atópase o artigo relativo á nosa parroquia, no tomo 13, que di o seguinte:

"PONTE (SAN MIGUEL): feligresía en la provincia de Pontevedra (8 leguas), partido judicial de Lalín (2), diócesis de Lugo, ayuntamiento de Chapa; situada en la margen izquierda del río Deza; clima sano y templado. Tiene 32 casas en las aldeas de Ponte, Meijomence, San Miguel y Rosende. La iglesia parroquial (San Miguel) está servida por un cura de provisión en concurso. Confina el término con dicho río Deza y con las parroquias de Castro al NO, Silleda SO y Villar SE. El terreno es de buena calidad. Produce vino ligero, trigo, maíz, centeno, castañas, legumbres, frutas y pastos; y pesca de truchas, anguilas y otros peces. Población: 32 vecinos, 150 almas. Contribución: con su ayuntamiento."

Notas aclaratorias:
1-Ata 1853, o actual concello de Silleda levaba o nome de Chapa, coa capital na citada parroquia.
2-A igrexa parroquial á que se refire é a antiga, situada en San Miguel, xa que o cambio ao actual emprazamento se realizou en 1863. O San Miguel que aparece fai referencia ao patrón.
3-Con Rosende, fai referencia á parte pertencente a Ponte. A outra parte uniuse a esta parroquia en 1891.

domingo, 20 de outubro de 2013

Unha noite con Disfunción Continua

Na noite de onte tivo lugar a representación de "Eran outros tempos, ou non?" da compañía teatral estradense Disfución Continua. Como era de esperar, a obra non defraudou e conseguiu facer saltar as bágoas coa risa. Noraboa ás actrices e actores desta compañía e que sigan por este sendeiro de bo traballo.

As de arriba son fotos de dous momentos da obra, que foron sacadas da páxina da compañía en Facebook (Disfunción continua teatro), onde podedes ver moitas máis da actuación de onte, así como doutras por diversos puntos da xeografía galega. Por último, non esquezades que o vindeiro sábado 26 ás 9 da noite terá lugar a proxección de "Tilda & Jean", no local social da nosa parroquia. Vémonos alí!

xoves, 19 de setembro de 2013

Máis de dous séculos de Remedios

"1799. Ese é o ano ao que nos temos que remontar para atopar a orixe da romaría dos Remedios. Foi daquela cando catro veciños co lugar e couto xurisdiccional de Rosende dotaron con 12 ferrados de centeo anuais unha capela baixo a advocación de Nosa Señora dos Remedios. Conforme pasaban os anos, esta festividade congregaba a xentes dos arredores de Ponte, que ofrecían diversos obxectos que posteriormente se subastaban. Ademais, non faltaba a música, a cargo dun ou varios músicos, que podemos considerar como o xermolo da actual banda de Silleda.(...)"

Estracto do texto lido o 8 de setembro do 2013, festividade da Virxe, ante os devotos da mesma na igrexa parroquial de San Miguel de Ponte.


















Nas imaxes, tres momentos da procesión do día dos Remedios (8/9/13).

xoves, 5 de setembro de 2013

O mes de Ponte

Regresan as publicacións deste blogue para botar a vista atrás no tempo. Desta volta, déixovos unha foto de Ponte tomada un par de anos antes da concentración parcelaria. Tan pronto como a vexades, moitos recordaredes como estaba aquilo.
Cal é o por que desta foto? Pois como ben sabedes, setembro en Ponte é sinónimo de festa. Neste mes celebramos as tres festas da parroquia:
- Comezamos o vindeiro domingo 8 coa festa da Nosa Señora dos Remedios.
- O día 22 terá lugar a festividade de San Verísimo, que noutrora tivo unha gran romaría na súa honra.
- E por último, a derradeira fin de semana son as festas patronais, que comezarán o 27 (venres) coa IV Festa do Chourizo ao Viño, e continuarán o 28 e o 29 honrando a San Miguel e á Virxe do Carme.
Así que non vos queda outra que vir. Vémonos.

mércores, 3 de xullo de 2013

De ponte en ponte

Aínda que o seu nome se deba á desaparecida ponte da Insua, a parroquia de Ponte conta na actualidade con algo máis dunha ducia destas construcións, ben sexan pontes, viadutos ou pasos. Velaquí a recompilación:
- Sobre o río Deza: o viaduto da PO-205 (aínda que realmente xa está nos termos de Saídres) e a ponte do Pozo Negro.

- Tres pontes sobre o río da Mera en Rosende.
- O Pontillón, sobre o regueiro de Meixomence.
- Na AP-53, dúas pontes sobre ela (en Guncín e no Monte de Arriba), un paso por debaixo na saída e a que cruza a PO-205.
- Na vía, as pontes de Laxes e da Xaldiña/a Devesa e os pasos baixo ela en Suseixos e nas Regas.

Por pontes que non sexa!!!

martes, 11 de xuño de 2013

Agochado trala fonte

Situado moi preto da PO-205, atopamos o lugar de Trasfontao. Como se pode deducir polo seu nome, este deriva da posición con respecto a unha fonte, ben sexa a aínda existe fonte de Trasfontao (noutrora pública), ou ben a outra xa desaparecida.

Copyrigth 2013 Google
Os primeiros datos sobre este lugar son do século XV, nuns documentos de aforamento que fixo a Encomenda de Beade sobre os casais de Rey, Trasfontao e Numelle. Destacou mais tarde por ser o lugar de residencia da familia Conde. Os "Condes", como eran coñecidos a pesares de non posuír tal título nobiliario, fixéronse con amplas propiedades en San Miguel debido probablemente á redención de foros. Co paso dos decenios, foron saíndo herencias desta casa e os demais veciños foron adquirindo os seus terreos. Herencias coñecidas foron a de Vidal (que mais tarde vivían en Moalde), a de don Elías (emparentado cos Rivas de Sestelo, en Siador) ou a do Amigo. Os "Condes" abandonarían Ponte entre finais do XIX e comezos do XX, trasladándose á parroquia de Astureses, no concello ourensán de Boborás.

luns, 1 de abril de 2013

Incoherencias da PO-205

Fai un tempo, colocaron uns sinais indicadores a carón da PO-205, a estrada que une Silleda con Vila de Cruces. Neles aparece a distancia desde o lugar onde os colocaron a cada un dos núcleos urbanos antes citados. O que me chamou a atención foi a falta de coherencia das cifras dos quilómetros. Explícovos: nos primeiros, localizados na Chanca, na intersección desta estrada coas pistas procedentes do Castro e de Vilar, pon que Silleda se atopa a 3 km, mentres que a distancia con Vila de Cruces é de 12 km; mentres, os segundos, colocados no cambio de sentido en Trasdosisto, sinalan que Silleda dista 3 km e a capital cruceña  se atopa a 11.5.



Quere dicir isto, que conforme nos aproximamos a Vila de Cruces, Silleda séguese mantendo á mesma distancia de nós? Este é un fallo que se debería subsanar. Como? Pois poñendo na chanca que Silleda se atopa a 2.5 km, xa que no outro lugar é correcto o dato, pois nas proximidades se atopa o punto quilométrico 3. Esta é miña humilde opinión.

martes, 26 de febreiro de 2013

Unha cuestión de lindes

A construción das instalacións da Feira Internacional de Galicia no sur da nosa parroquia, no límite coa parroquia de Silleda, deu pé a que a poboación de Silleda (concello) pense que a totalidade deste recinto foi edificado na parroquia de Santa Baia. Pero isto non é así. Atendendo a razóns históricas, o linde entre Ponte e Silleda transcorre a través deste recinto, de leste a oeste, coincidindo case coa dirección marcada pola pista que une Rosende con Silleda, que termina no medio da Costa de Outeiro. Está claro que se seguimos esta liña, a Ponte corresponderíalle o lugar das Casas do Monte, pero este pasou no século XIX a depender da parroquia veciña. Nembargante, o resto do lindeiro permaneceu igual ata o de agora.

Vista aérea da zona. Copiright: Digitalglobe 2013
Valla como proba das miñas verbas unha anécdota sacada da tradición oral de Ponte. Sucedeu entre finais do XIX e comezos do XX. Un veciño da nosa parroquia falecera na de Silleda e, como era costume no caso de traslados de defuntos por varias parroquias, varios homes de Silleda levaban o cadaleito precedida pola cruz parroquial en mans do sancristán. Ao chegar ao linde na Costa de Outeiro, onde esperaban os de Ponte, o sancristán de Silleda fixo amago de querer deixar atrás a estes e continuar uns metros máis, pero o sancristán de Ponte paroulle os pés. Este argumentou que xa chegara ao estremo, mentres que o primeiro, sorprendido, creu que o límite era máis adiante. Unha vez se pasaron a caixa, abandonar ningún dos homes de cada lado os terreos da súa parroquia, botaron a andar cara a igrexa de Ponte, non sen antes comparar o sancristán de Ponte a nosa cruz parroquial coa de Silleda (ao parecer de peor calidade).

Quero dicir con isto que, á hora de trazar os límites parroquiais, se atenda á historia dos mesmos, así como á tradición popular, xa que é esta a que nos aporta suficientes datos coma para que non nos equivoquemos.

martes, 5 de febreiro de 2013

Onde o mundo se chama Casderrei

Situado na parte centro-norte da parroquia, atopamos o lugar de Casderrei. Os primeiros datos sobre este núcleo sacámolos dos foros da Encomenda de Beade sobre as terras desta parroquia, onde se menciona a existencia do casal de Rei, o casal de Trasfontao e o casal de Numelle, todo isto alá polos séculos XV e XVI. Mais tarde volve mencionarse no Catastro de Ensenada, do que xa falarei varias veces, destacando que neste lugar vivían un perito ou "agrimensor" e un arrieiro, entre outros.
Vista aérea. Copyright: Geoeye 2013
Por último, pódese salientar a súa proximidade á estrada PO-205, así como a existencia de dúas fontes neste lugar: a Fonte da Nugalla, hoxe desaparecida, e a Fonte de Outeiro, da que mana o rego da Regueira, afluente do Deza.