A construción das instalacións da
Feira Internacional de Galicia no sur da nosa parroquia, no límite coa parroquia de Silleda, deu pé a que a poboación de
Silleda (concello) pense que a
totalidade deste recinto foi edificado na parroquia de Santa Baia. Pero isto non é así. Atendendo a
razóns históricas, o linde entre Ponte e Silleda transcorre
a través deste recinto, de leste a oeste, coincidindo case coa dirección marcada pola pista que une Rosende con Silleda, que termina no medio da
Costa de Outeiro. Está claro que se seguimos esta liña, a Ponte corresponderíalle o lugar das
Casas do Monte, pero este pasou no século XIX a depender da parroquia veciña. Nembargante, o resto do lindeiro
permaneceu igual ata o de agora.
|
Vista aérea da zona. Copiright: Digitalglobe 2013 |
Valla como proba das miñas verbas unha
anécdota sacada da tradición oral de Ponte. Sucedeu entre finais do XIX e comezos do XX. Un veciño da nosa parroquia falecera na de Silleda e, como era costume no caso de traslados de defuntos por varias parroquias, varios homes de Silleda levaban o cadaleito precedida pola cruz parroquial en mans do sancristán. Ao chegar ao
linde na Costa de Outeiro, onde esperaban os de Ponte, o sancristán de Silleda fixo amago de querer deixar atrás a estes e continuar uns metros máis, pero o sancristán de Ponte
paroulle os pés. Este argumentou que xa chegara ao
estremo, mentres que o primeiro, sorprendido, creu que o límite era máis adiante. Unha vez se pasaron a caixa, abandonar ningún dos homes de cada lado os terreos da súa parroquia, botaron a andar cara a igrexa de Ponte, non sen antes comparar o sancristán de Ponte a nosa cruz parroquial coa de Silleda (ao parecer de peor calidade).
Quero dicir con isto que, á hora de trazar os límites parroquiais, se atenda á
historia dos mesmos, así como á
tradición popular, xa que é esta a que nos aporta suficientes datos coma para que non nos equivoquemos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario