xoves, 13 de marzo de 2014

A loita contra o francés

Neste novo capítulo sobre a historia de Ponte abordaremos a Guerra da Independencia, que tivo lugar entre 1808 e 1814. O territorio da xurisdición de Trasdeza non foi alleo ás incursións do exército napoleónico.

Nos preámbulos da batalla de Ponteledesma (acontecida na ponte do mesmo nome, sobre o río Ulla, a primeiros do mes de marzo de 1809), reúnense 18 sacerdotes doutras tantas parroquias xunto cunha multitude de veciños no campo da feira de Silleda para organizarse contra o inimigo, movilizando tropas para defender as pontes da xurisdición. Acórdase tamén establecer o cuartel xeral destas tropas na "Casa do Monte", habitada por Domingo López, nos termos da parroquia de Ponte, aínda que posteriormente se trasladaría ao Pazo de Trasfontao, en Silleda.

Situación das Casas do Monte, tomada co visor Sixpac


Esta casa é o xermolo do actual lugar das Casas do Monte, actualmente lugar da parroquia de Silleda, pero que antano pertenceu a Ponte. Este cambio seguramente estivo inducido polo arranxo parroquial de 1890.

Como complemento a esta pequena nota histórica, é recomendable a lectura dos artigos de Roberto Rivas Martínez, publicados no xornal Faro de Vigo en 2009.

La batalla de Ponteledesma I

La batalla de Ponteledesma II

La batalla de Ponteledesma III

mércores, 19 de febreiro de 2014

Toponimia de Silleda

Dentro do número 17 da revista LVCENSIA, que publica a Biblioteca do Seminario Diocesán de Lugo, o sacerdote lugués Nicandro Ares Vázquez publicara o seu traballo Toponimia de Silleda. Nas páxinas deste traballo dá unha explicación, parroquia a parroquia, da orixe dos nomes de lugar que aparecen reflexados no Nomenclátor do INE (Instituto Nacional de Estatística).

No tocante á parroquia de Ponte, Ares explica que o seu nome fai referencia, evidentemente,  a pons 'ponte', que é un artefacto de enxeñaría.

  • Da Aldea de Abaixo, di que se combina o nome árabe al-daia co topográfico bassus 'baixo'.
  • Carderrei resulta ser un rotacismo de casa, determinada polo nome Rex, tomado de rex, regis 'rei', sen que se trate dun monarca histórico.
  • Sobre Meixomence, opina que parece o apelido *Maxuminici, patronímico de Maxuminus e emparentado con outros topónimos como Méixome ou Meixomín.
  • Rosende correspóndese co antropónimo visigótico Rodesindus.
  • O Sino deriva de signum, sinónimo de campá de igrexa.
  • Trasfontao está composto polo topónimo fontanum, precedido de trans 'tras, máis alá de'.




xoves, 21 de novembro de 2013

Restos da Idade de Cobre

Sabiades que na nosa parroquia se atopou un obxecto datado hai preto de 5000 anos? Trátase dun pequeno machado de cobre, un exemplar dos inicios da Metalurxia, época correspondente á segunda metade do III milenio a. C., entre o Neolítico e a Idade de Bronce.

De dimensións reducidas, foi atopado probablemente a comezos do século XX no monte do Castañal por Antonio Rodríguez (seguramente cabeza da casa de Fernández de Casderrei). Tras pasar polas mans doutra persoa, foi parar á Sociedad Arqueológica de Pontevedra. En 1969 entrou a formar parte, xunto con outras pezas, da colección do Museo pontevedrés, onde se atopa a día de hoxe.




domingo, 3 de novembro de 2013

Cando Madoz puxo a Ponte no mapa

Foi entre 1846 e 1850 cando o político e estatista pamplonés Pascual Madoz publicaba o seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, coñecido como Diccionario Madoz, unha obra de 16 tomos que recollía todos os lugares de España e das súas colonias. Entre eles, atópase o artigo relativo á nosa parroquia, no tomo 13, que di o seguinte:

"PONTE (SAN MIGUEL): feligresía en la provincia de Pontevedra (8 leguas), partido judicial de Lalín (2), diócesis de Lugo, ayuntamiento de Chapa; situada en la margen izquierda del río Deza; clima sano y templado. Tiene 32 casas en las aldeas de Ponte, Meijomence, San Miguel y Rosende. La iglesia parroquial (San Miguel) está servida por un cura de provisión en concurso. Confina el término con dicho río Deza y con las parroquias de Castro al NO, Silleda SO y Villar SE. El terreno es de buena calidad. Produce vino ligero, trigo, maíz, centeno, castañas, legumbres, frutas y pastos; y pesca de truchas, anguilas y otros peces. Población: 32 vecinos, 150 almas. Contribución: con su ayuntamiento."

Notas aclaratorias:
1-Ata 1853, o actual concello de Silleda levaba o nome de Chapa, coa capital na citada parroquia.
2-A igrexa parroquial á que se refire é a antiga, situada en San Miguel, xa que o cambio ao actual emprazamento se realizou en 1863. O San Miguel que aparece fai referencia ao patrón.
3-Con Rosende, fai referencia á parte pertencente a Ponte. A outra parte uniuse a esta parroquia en 1891.

domingo, 20 de outubro de 2013

Unha noite con Disfunción Continua

Na noite de onte tivo lugar a representación de "Eran outros tempos, ou non?" da compañía teatral estradense Disfución Continua. Como era de esperar, a obra non defraudou e conseguiu facer saltar as bágoas coa risa. Noraboa ás actrices e actores desta compañía e que sigan por este sendeiro de bo traballo.

As de arriba son fotos de dous momentos da obra, que foron sacadas da páxina da compañía en Facebook (Disfunción continua teatro), onde podedes ver moitas máis da actuación de onte, así como doutras por diversos puntos da xeografía galega. Por último, non esquezades que o vindeiro sábado 26 ás 9 da noite terá lugar a proxección de "Tilda & Jean", no local social da nosa parroquia. Vémonos alí!

xoves, 19 de setembro de 2013

Máis de dous séculos de Remedios

"1799. Ese é o ano ao que nos temos que remontar para atopar a orixe da romaría dos Remedios. Foi daquela cando catro veciños co lugar e couto xurisdiccional de Rosende dotaron con 12 ferrados de centeo anuais unha capela baixo a advocación de Nosa Señora dos Remedios. Conforme pasaban os anos, esta festividade congregaba a xentes dos arredores de Ponte, que ofrecían diversos obxectos que posteriormente se subastaban. Ademais, non faltaba a música, a cargo dun ou varios músicos, que podemos considerar como o xermolo da actual banda de Silleda.(...)"

Estracto do texto lido o 8 de setembro do 2013, festividade da Virxe, ante os devotos da mesma na igrexa parroquial de San Miguel de Ponte.


















Nas imaxes, tres momentos da procesión do día dos Remedios (8/9/13).

xoves, 5 de setembro de 2013

O mes de Ponte

Regresan as publicacións deste blogue para botar a vista atrás no tempo. Desta volta, déixovos unha foto de Ponte tomada un par de anos antes da concentración parcelaria. Tan pronto como a vexades, moitos recordaredes como estaba aquilo.
Cal é o por que desta foto? Pois como ben sabedes, setembro en Ponte é sinónimo de festa. Neste mes celebramos as tres festas da parroquia:
- Comezamos o vindeiro domingo 8 coa festa da Nosa Señora dos Remedios.
- O día 22 terá lugar a festividade de San Verísimo, que noutrora tivo unha gran romaría na súa honra.
- E por último, a derradeira fin de semana son as festas patronais, que comezarán o 27 (venres) coa IV Festa do Chourizo ao Viño, e continuarán o 28 e o 29 honrando a San Miguel e á Virxe do Carme.
Así que non vos queda outra que vir. Vémonos.