mércores, 3 de maio de 2017

Incendio na Devesa

Arredor das 22.30 horas do pasado sábado 29 de abril, iniciouse un incendio na paraxe coñecida como A Devesa, nesta parroquia. Un lume que era visible para os condutores dende a PO -205 á altura de Trasfontao. Nun primeiro momento, o lume parecía extenderse rapidamente axudado polo vento de compoñente sureste, pero os traballos dos equipos de extinción (a quen dende aquí se envía o máis sincero agradecemento) permitiron extinguilo xa ben entrada a madrugada do domingo. O resultado, este:

Así se vían os restos do incendio dende Losón, a carón do viaduto do TAV (malamente, pois a vexetación nesa beira do Deza xa non permite unha boa panorámica de Ponte). Vemos como o incendio se extendeu polas "dúas" Devesas: a de Rosende e a de San Miguel, probablemente conectándoas pola Xunta dos Ríos (onde o río da Mera ou de Rosende desemboca no Deza) A extensión do mesmo non parece clara, aínda que nas páxinas comarcais de Faro de Vigo indicaron que foi un total dunha hectárea (10000 metros cadrados) queimada.

A acción premeditada dalgunha persoa (pois a hora na que se iniciou o lume non deixa lugar a dúbidas do factor humano) fixo que se arrasase unha área de enorme interese paisaxístico e natural, que tardará moito tempo en volver ser o que era.

Imaxes da Devesa no ano 2012 // DFA
Ao igual que pasara hai uns anos no Monte da Costa de Rosende, os montes desta parroquia e de calquera outro lugar do país están á mercé de ser pasto das chamas, sexa de xeito fortuíto ou intencionado. Evitémolo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario