luns, 27 de marzo de 2017

Os vellos camiños das Camposas

Aproveitando o comezo da primavera, achegámonos ata As Camposas para falar dos antigos camiños que cruzaban esta paisaxe, grazas a que a vexetación (fundamentalmente fentos) estaba seca, o que facilitaba ver estes camiños. Para mostra, as dúas seguintes imaxes do lugar:

Sinalados en laranxa, azul e vermello, tres antigos camiños que aínda son observables nas Camposas. En verde, o actual, que conecta a PO-205 co Pontón de Laxes (sobre a vía) e o terraplén // Propia a partir de Google Maps.
O primeiro camiño do que falaremos (en laranxa) era o principal deste lugar, que comunicaba o Coto de Laxes (ao sur) co chamado Monte de Baixo (ao norte e leste), atravesando o lugar. Coa construción da vía do tren, foi desviado uns metros para poder construír un paso sobre a mesma, o Pontón de Laxes. Este camiño foi substituído en parte por outro, debuxado en verde.
Na trincheira aínda se aprecia o lugar polo que pasaba o camiño // DFA

Tramo que aínda se conserva deste camiño // DFA

O Pontón de Laxes permitiu o paso entre ambas beiras da vía // DFA
 O segundo camiño (en vermello) procedía do Agro dos Amigos (ao sur) e detíase no antes citado, permitindo así un segundo acceso norte a este agro bordeando o Coto de Laxes.
Unhas pedras marcan o fin deste camiño // DFA
O derradeiro camiño (en azul) comunicaba co citado Coto de Laxes e pasaba a carón de onde se situa o Pontón. Xunto a el, aínda se observan dous carreiros paralelos á vía, usados por diversas persoas no seu momento para ir cara Vilar, a canteira ou o río de Rosende dende as parroquias de Saídres ou O Castro.
Anaco de camiño que aínda se conserva. Perpendiculares a el, distínguense os dous carreiros, a distintas alturas //DFA
O paso do ferrocarril modificou substancialmente o lugar co trazado de novos camiños e o desuso destes (pois acabaron cortados pola vía). Posteriormente, a PO-205 (Silleda-Vila de Cruces) tamén modificou a paisaxe deste lugar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario